O Domingo de Ramos en Lugo

Bendicion de Ramos Lugo 2
Aínda que é certo que a procesión da Virxe da Esperanza, o Luns Santo en Lugo, é unha das máis populares e das que máis capacidade de convocatoria suscitan, tamén o é que a procesión da Borriquiña, o Domingo de Ramos, coa bendición dos ramos na Praza de Santa María, non lle vai á zaga. Organizada pola confraría da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén, na que participan todas as parroquias de Lugo, poderiamos dicir que é unha celebración cun encanto especial. Contemplar a Praza de Santa María chea de cristiáns, sobre todo nenos, e de persoas de boa vontade, sen espazos en branco, cun bambolear de ramos que aclaman a Cristo en memoria da súa entrada triunfal en Xerusalén, ademais dun espectáculo de vida e unión familiar e de colorido único, é unha graza e un testemuño gozoso que o pobo de Lugo ofrece como obsequio da expresión pública da fe ao seu Señor Xesucristo.
Lugo únese así á multitude dos discípulos que, desde fai máis de dous mil anos, en toda España e nunha gran concurrencia de países do mundo, con gran alegría e nun ambiente festivo, acompañan a Xesús na súa entrada en Xerusalén. Como eles antes, agora nós, vimos e vemos os prodixios que Cristo segue realizando na historia: como multitude de persoas renuncian ás comodidades da súa vida para poñerse incondicionalmente ao servizo dos que sofren; como chama e capacita para iso, a mulleres e homes do noso século coa valentía necesaria para opoñerse á violencia e á mentira; para difundir no mundo a xustiza e a paz e lembrarnos a todos que é posible a verdade, o ben e a vida.
O Xesús de Nazaret que sobe de Galilea a Xerusalén (desde o mar ao madeiro) indúcenos a todos a facer o ben aos demais, suscita a reconciliación onde hai odio e crea paz onde reina a inimizade. E isto sucede, malia aqueles que non queren cumprir a súa vontade e que non oaclaman como “bendito o que vén no nome do Señor” (Lc 13, 35). Porque a decisión de Xesús de subir a Xerusalén, a Cidade Santa, (Lc 9, 51) dá inicio á sección central do chamado Evanxeo da Misericordia (Lucas) que transcorre todo o durante viaxe de Galilea a Xerusalén.
Xa en Jerusalén, chegado o día esperado, Xesús déixase ver como un Mesías moi peculiar, totalmente diferente do que esperan quen confían nun mesianismo triunfal e inmediato, ao estilo dos grandes deste mundo, cheo de desexos de poder para aniquilar aos que non pensan igual ou a aqueles que non queren someterse. Que indica senón este modo de entrar en Xerusalén montado nun borriquiño?
En primeiro lugar, o cumprimento da profecía de Zacarías: : un Mesías, Xesús de Nazaret, o Fillo de Deus encarnado na historia que vén en son de paz e que non trae nin a forza das armas nin as alianzas humanas para a súa tarefa. En segundo lugar, que non monta dacabalo (animal máis propio da guerra) senón nun borriquiño, signo doutro tipo de realeza, dun reinado distinto, dun camiño novidoso subliñado pola alegría e pola extensión dos mantos no camiño.
Unha boa ocasión para acoller esta nova oportunidade da Semana Santa, para esforzarnos por facer da terra un ceo deixando a Deus entrar coa súa realeza no mundo e así o mundo quede colmado do esplendor e da felicidade que emana dunha paz duradeira.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: