O ensino da Relixión, un exercicio de liberdade

Os bispos da provincia eclesiástica compostelá, con motivo da xornada interdiocesana de ensino relixioso escolar 2014, fan pública a seguinte carta pastoral:

Queridos irmáns/ as:

Cada ano, con motivo da Xornada Interdiocesana de sensibilización sobre o Ensino Relixioso e Moral nos centros escolares tanto estatais como de iniciativa social (católica ou civil), queremos compartir convosco, pais e educadores, esta breve reflexión e invitación para descubrir e valorar a importancia da presenza da materia de Relixión nas diferentes etapas educativas.

O saber relixioso non pode quedar á marxe da construción social e dos procesos educativos. Na lexítima diversidade de opinións, non pode imporse como a única opción política e publicada aquela que trata de combater a presenza da relixión na escola e na sociedade. Hai outra que considera que o relixioso debe estar no espazo público e educativo, e que ha de ser escoitada e atendida en igualdade de condicións. E no exercicio da vosa liberdade, vós, pais e nais de familia, podedes elixir, sen que ninguén o faga por vós. Tedes o dereito e a responsabilidade de esixir que os vosos fillos reciban a educación relixiosa que corresponde ás vosas conviccións relixiosas.

O Ensino Relixioso non é un privilexio da Igrexa nin unha catequese na escola. A catequese atopa o seu espazo na comunidade parroquial e promove a adhesión persoal a Cristo e a maduración da vida cristiá. A materia de Relixión ilustra sobre a identidade do cristianismo, abrindo a razón humana ás grandes cuestións da verdade e do ben. Ambas se complementan, pero cada unha ten ámbitos e finalidades específicos.

Queremos lembrarvos que o ensino da relixión é esixencia, e non privilexio; dunha escola que debe procurar a formación dos alumnos en todas as súas dimensións persoais e, desde aí, axudalos a situarse lucidamente na súa tradición cultural, de indiscutible raizame cristiá, dispoñelos a unha inserción madura, construtiva e crítica na sociedade e proporlles a resposta cristiá ao sentido último da vida coas súas implicacións éticas, morais e sociais. O ensino relixioso na escola é, con toda a súa lexitimidade -sen prexuízo da súa propia peculiaridade-, unha materia propia e rigorosamente escolar, equiparable ás demais materias na formulación dos seus obxectivos, no rigor científico dos seus contidos, no carácter formativo dos seus métodos, e na significación educativa do conxunto do programa escolar.

A nova lei educativa, a LOMCE, supón unha mellora do ensino relixioso: incorpora a materia de Relixión na enumeración das materias do currículo escolar nas súas diversas etapas, e establece unha materia alternativa real,chamada de Valores Sociais e Cívicos en Educación Primaria, e Valores Éticos en Educación Secundaria, para aqueles alumnos que non opten polo ensino relixioso. Ambas as materias son avaliables como unha materia máis durante a etapa educativa correspondente. Con todo, a súa regulación en Bacharelato non garante a oferta obrigatoria da materia por parte dos centros nin, consecuentemente, que os pais e, no seu caso, os alumnos poidan optar por ela.Pero non debedes esquecer que os vosos fillos/ as, cando asisten á clase de Relixión Católica xa estudan e interiorizan os valores éticos e sociais que se derivan do Evanxeo de Xesús.

Convidámosvos a compartir a responsabilidade de garantir que o ensino relixioso, como dereito fundamental de pais e alumnos, sexa unha materia equiparable ás materias fundamentais, de oferta obrigada para os centros e de elección voluntaria para os alumnos, e que o feito de recibir ou non recibir este ensino non supoña discriminación académica algunha na actividade escolar. Non é reivindicar unicamente un espazo académico na escola, senón asegurar un dereito que afecta á formación plena de cada persoa, de cada un dos vosos fillos. Por outra banda, as familias non só seguen elixindo cada ano o ensino da Relixión, senón que manifestan a súa notable satisfacción coa mesma.

Alégranos recoñecer que na maioría dos centros escolares a materia de Relixión impártese con normalidade, os profesores están integrados nos seus claustros e os alumnos valoran o ensino recibido e aos seus profesores. No entanto, constátanse algunhas dificultades de tipo social e administrativo ao ensino relixioso. Todos, pais, profesores e alumnos, cada un desde a súa tarefa propia, -e para iso contade co apoio e compromiso dos vosos bispos e sacerdotes-, debedes esforzarvos por unha educación de calidade que desenvolva plenamente as potencialidades da persoa, incluído o valor humanizador e transcendente do relixioso como horizonte de sentido, de verdade e de esperanza, de liberdade e de plenitude.

Co noso agradecemento aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor, Mestre que nos dá vida e sostén na esperanza.

 

+ Julián Barrio Barrio, Arzobispo de Santiago

+ Manuel Sánchez Monge, Obispo de Mondoñedo-Ferrol

+ Alfonso Carrasco Rouco, Obispo de Lugo

+ Luis Quinteiro Fíuza, Obispo de Tui-Vigo

+ Leonardo Lemos Montanet. Obispo de Ourense

+ Jesús Fernández González, Obispo Auxiliar de Santiago

José Diéguez Reboredo, Obispo Emérito de Tui-Vigo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: