O Seminario Menor renóvase e amplía a oferta educativa en Lugo

O Seminario Menor Diocesano de Lugo integra un centro privado de ESO e BAC que se presenta agora baixo un novo nome, que xunta tradición e novidade: Colexio Diocesano San Lorenzo. A partir do 8 de marzo de 2021 está aberta a reserva de prazas para o curso académico 2021-2022.

Tempos de renovación, mesmas raíces

O Colexio Diocesano San Lorenzo, que depende da Diocese de Lugo, quere ofrecer innovadoras propostas de formación e unha maior apertura á mocidade. Sobre unha base sólida de valores cristiáns, proponse desenvolver unha vida social, profesional e familiar plena entre os alumnos.

San Lorenzo fai referencia ao primeiro nome oficial que tivo o Seminario Conciliar Diocesano de Lugo (“Seminario Conciliar de San Lorenzo”) na súa fundación no séc. XVI, e ao santo ao que foi dedicado.

O vicerreitor do Seminario, Luis Varela, afirmou sobre esta nova etapa: “Queremos pór a disposición do maior número de familias e alumnado a ampla experiencia educativa que se forxou no Seminario Menor ao longo dos anos, achegando unha nova oferta formativa de interese na cidade e na Diocese.Trátase de sumar, engadir para non perder nada do atesourado, engadir para non perder nada do atesourado ao longo dos anos, e facelo dispoñible a máis persoas”.

A renovada aposta que o Seminario Diocesano Menor de Lugo fai por medio do Colexio Diocesano San Lorenzo aumenta as opcións do alumnado e as súas familias, e busca atender a demanda dalgúns ciclos formativos de grao medio e superior para os cales hai pouca oferta na provincia, sobre todo no ámbito deportivo e o socio sanitario.

Formación de calidade con valores cristiáns e maior alcance

Esta actualización da oferta educativa en Lugo conta coa apertura á formación profesional privada: instalacións renovadas, numerosas aulas e aulas-taller, varios laboratorios, pavillón deportivo e patio exterior, así como outros servizos e espazos que enriquecen o centro, como os servizos de cociña e comedor, varias capelas e unha biblioteca con máis de 100 mil volumes.

Doutra banda, na súa aposta por chegar ao maior número de alumnado mantendo o ideario dunha formación cristiá integral, o novo Colexio Diocesano San Lorenzo será mixto. Así, a Diocese ofrece un novo espazo de educación de calidade, e o colexio segue sendo, ademais, o centro educativo no que estudan os seminaristas menores. Esta fórmula, xa presente en moitas outras dioceses, nas que os seminaristas se forman academicamente xunto a outros moitos alumnos e alumnas en colexios diocesanos ou concertados, desenvolve tamén unha importante indicación do novo plan de formación sacerdotal: que os futuros presbíteros se formen nun contexto onde a muller teña protagonismo. E enmárcase dentro do Pacto Educativo Global proposto polo Papa Francisco e o compromiso con “procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil”.

O novo Colexio Diocesano será un Centro Educativo mixto, no que estudarán tamén os seminaristas menores xunto aos demais alumnos e alumnas, distinto do Seminario Menor, que seguirá sendo un espazo de vida comunitaria e formativa para aqueles nenos que queiran discernir a súa vocación ou fixesen xa unha primeira opción cara o sacerdocio. O Seminario Menor seguirá contando cos seus espazos propios, convenientemente diferenciados do resto das instalacións educativas, que pasan a conformar o Colexio Diocesano.

O Colexio Diocesano San Lorenzo abre, pois, as súas portas a todas as familias, para que valoren esta opción formativa para os seus fillos e fillas, e poidan unirse á aventura educativa que o Centro desexa relanzar, cun horizonte máis variado e plural, para o vindeiro curso académico 2021-2022.

[Páxina web do Colexio]

[Página web del Colegio]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: