Desertización poboacional

A desertización poboacional é un feito na maioría do territorio español, a chamada “España vaciada”. Non analizo o conxunto das provincias afectadas, pois levaríanos a pensar que iso afecta aos outros. Céntrome na diocese de Lugo que abrangue parte de tres provincias e que son 50 concellos (Non incluímos algunhas parroquias pertencentes aos concellos de Arzúa, Guitiriz e Vila de Cruces). Examino datos de 1940 e 2022.

A diocese lucense tiña 414.861 habitantes en 1940 e baixa a 258.192 no 2022, un descenso de 156.669 persoas! Pero o concello de Lugo medrou en 54.406 nese período.

A desertización do territorio diocesano vese agravada excluíndo os concellos de Lugo, Lalín, Melide, Monforte e Sarria, ao baixar de 306.922 a 102.047, un descenso de 204.875 habitantes! É dicir, a poboación dos restantes 45 concellos non é un terzo da de 1940. En varios concellos hai aproximadamente o 20 % da poboación de 1940: por debaixo en Carballedo, Cervantes, Folgoso do Caurel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Samos; apenas por enriba en Baleira, O Incio, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pobra do Brollón, Ribeira de Piquín e Sober. O que supón baixar de 80.031 a 15.612 habitantes!

Non se prevé un futuro optimista cos datos de 2022, pois dos 258.192 diocesanos son menores de 30 anos 56.380 (pouco máis do 20 %) pero os maiores de 65 son 76.530. Os demógrafos alármanse cando os maiores de 65 anos superan aos menores de 15, e aquí superan amplamente aos menores de 30! É máis, os menores de 10 anos na diocese son 16.702 e os maiores de 85 son 18.416, dos que son nenas 8.153 e anciás 11.683.

Agora examino os 45 concellos que baixaron a 102.047 habitantes no ano 2022. Neles son menores de 30 anos 17.263 (un escaso 17 %) e maiores de 65 máis do dobre, 37.835. Pero hai que ter en conta que moitos dos empadroados entre 18 e 30 anos viven fóra por estudos ou comezo da vida profesional. Ademais os maiores de 85 anos son 9.946, máis do dobre dos menores de 10 que son 4.804, que no sexo feminino as 6.091 anciás case triplican ás 2.353 nenas!

Todo apunta a que a fuxida de mozos da España desertizada continuará, polo que en 20 anos se perderá cerca da metade da súa poboación. E que resposta se dá desde a política? Vexamos dous feitos de xullo do pasado 2022:

– Os días 12-14 no debate do Estado da Nación Pedro Sánchez anuncia  subvencionar as viaxes dos trens de cercanías de Madrid e Barcelona.

– O día 18 achégase a Casas de Miravete (Cáceres) e culpa dos incendios ao cambio climático.

Para o presidente, onde hai votantes abondo hai medidas de política económica, pero se hai poucos e empobrecidos só queda culpar á “malvada natureza” que fai medrar a vexetación na primavera que logo seca ou reseca e arde, ou mesmo culpar aos campesiños do cambio climático por ignorantes e mala fe. Pero, non terán que ver os incendios coas medidas anunciadas nese debate?

Debo constatar que as campañas antinatalistas iniciadas no pasado tiveron tanto éxito que van deixar a moitos lugares sen antinatalistas. Mesmo hai, ao menos, dous libros, El Planeta Vacío e Suicidio demográfico en occidente e medio mundo sobre o tema.

Os datos anteriores tamén manifestan que hai pequenos sen irmáns aos que seus pais, avós e bisavós intentan “mercar” o seu cariño, xa que son o centro de atención de todos. Por iso, cando se xunten nunha clase con outros 20, sentiranse postergados, desprezados, abandonados, ninguneados, marxinados, maltratados… Con todo isto, a quen lle pode sorprender que aumenten os seus problemas psíquicos e de convivencia?

Do mesmo xeito afecta á vida da Igrexa e exprésase entre outras cousas no pouco clero, pero cando me din iso acostumo preguntar: “para que quere curas unha sociedade que non cre na vida segundo os datos sociolóxicos?”. Esta falta de cregos, non será un claro sinal anunciador do suicidio desta sociedade? É preciso espertar!. Estamos nun tempo no que hai que cultivar o “resto de Israel” que cre e aposta pola vida e o futuro.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Lugo, cidade eucarística

Cando un home de negocios quere acrecentar os seus ingresos, procura mellorar as instalacións da súa empresa, o primeiro que fai é buscar un técnico que lle proporcione o proxecto para este fin, por aquilo de que na dinámica humana, a idea precede á execución da obra. En función do proxecto concibido, procurará os materiais a utilizar para que todo resulte conforme ao proxecto elaborado polo técnico.

Este comportamento cualifica positivamente ao empresario, porque o seu xeito de actuar reflicte o comportamento do Señor, que ao crear o universo, pensou facer feliz ao home, ao cal lle regalou un mundo paradisíaco, expresión do infinito amor que lle movía a tal comportamento co seu amigo da terra. Moi rico é o mundo que Deus creou, e moi fermosa a terra, morada do home; o sol que a ilumina; as flores que a perfuman; o branco pan que nos alimenta… Pero os homes tamén temos corazón e “non só de pan vive o home “. Os homes somos froito do amor de Deus, e soamente o amor é capaz de satisfacer os nosos corazóns amasados en amor; os nosos sentimentos necesitan nutrirse de agarimo, e os xardíns exhalan perfume, pero non nutren os nosos afectos, e as súas flores recrean os nosos sentidos, pero non converten os sentimentos de gratitude en espíritos adoradores… Esta é a vocación dos lucenses: ser adoradores de Xesús Eucaristía, presente entre nós.

Cando nos achegamos a un organismo oficial para xestionar algún asunto de importancia, o persoal de servizo pídenos que nos identifiquemos; que demostremos que somos quen dicimos ser. Algo así nos ocorre aos lucenses: dicimos que Lugo é a “Cidade das Murallas”, e facémolo ver mostrando a nosa urbe rodeada dun cinto pétreo, construído polos romanos, alá polo século IV. Dicimos tamén que Lugo é “A Cidade do Sacramento”, porque desde tempo inmemorial, está exposto Xesús Sacramentado, no altar maior da nosa Catedral Basílica. Pero, sobre todo, temos que poder dicir que os lucenses somos cristiáns eucarísticos, non documentalmente, senón vivencialmente. Os lucenses demostraremos que somos cristiáns eucarísticos, se visitamos con frecuencia ao Señor, exposto día e noite na nosa Catedral; se potenciamos o culto ao Santísimo, inscribíndonos nalgunha das asociacións eucarísticas: Adoración Nocturna; Confraría Sacramental… e, sobre todo, valorando e agradecendo a singular presenza de Xesús Sacramentado entre nós.

Noutros tempos, Xesús fixo baixar do ceo “maná” para saciar a fame dos israelitas no deserto. Xesús multiplicou milagrosamente os pans e os peixes para dar comida ás multitudes que o escoitaban no monte. Finalmente, na Última Cea, Xesús mesmo fíxose Pan de Vida, para que nos comulgantes abunde a vida sobrenatural.

Moito amor ten que haber no corazón de Xesucristo, para chegar a tanta entrega; e moito amor pídesenos aos lucenses para corresponder a tal xenerosidade. Pero só así nos identificaremos como cristiáns eucarísticos, se adoramos ao Señor, presente nos nosos sagrarios, e buscámolo como fonte de graza e de vida.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento: historia e actualidade

Lugo vístese de festa neste domingo da Oitava de Corpus para celebrar con gozo a Ofrenda ao Santísimo Sacramento na nosa Catedral. Este ano correspóndelle realizar a Ofrenda, como Delegado Rexio do Antigo Reino de Galicia, ao representante da cidade de Ourense. O Bispo Mons. José Leonardo Lemos Montanet responderalle ao oferente. Renovarase así unha antiquísima tradición que xorde da necesidade de que o Santísimo estivese esplendidamente alumado para que deste xeito se dignificase o culto ao Señor Sacramentado.

Segundo datos históricos, Juan Velo, coengo maxistral, no cabido celebrado o día dous de outubro de 1666, manifesta que estivo na cidade da Coruña cun rexedor e na conversa falouse das posibilidades dalgunha renda do Reino para o alumado do Santísimo. A proposta foi ben acollida por tódolos membros do Cabido e acordaron que o Lectoral, Juan Pallares e Gayoso, fixese un memorial para presentar ás cidades do Reino co fin da concesión dunha axuda. Ao mesmo tempo escribiríase aos prelados “para que ayuden a fomentarlo con sus bondades y que vayan a cada una de ellas un señor de este lugar” (Actas Capitulares, L, 10’). O día 14 de xaneiro confírmase na Xunta do Reino de xeito que “cada año se ofrezca al Soberano Señor en su altar, y a la misa mayor, día del Corpus Christi, en el nombre de este católico Reino, renovando las memorias del origen de sus armas, y por mano de un capitular, caballero regidor de aquella ciudad que las represente a todas”. A historia está escrita con todo detalle e, resumindo, podemos afirmar que as primeiras celebracións realizáronse con gran solemnidade, nun ambiente de alegría e de festa. Segundo consta nas actas capitulares, mesmo houbo fogos de artificio traídos da Coruña para o acontecemento.

A conciencia da centralidade da Eucaristía na vida da Igrexa e a súa importancia para a vida social e política, así como a certeza da presenza real de Cristo Resucitado no Sacramento, permanece clara na Diocese lucense e na cidade.

Esta celebración, tan unida á solemnidade do Corpus, está a recuperarse nos últimos anos. Tanto a Confraría do Santísimo como a mesma conciencia de participación dos lucenses a través das súas parroquias recuperáronse considerablemente. O Festival  internacional de órgano, os tradicionais concursos de poesía eucarística e fotografía, os cursos de música, as publicacións, as distintas exposicións, a desinteresada participación das corais, a implicación da Xunta de Confrarías, a Adoración Nocturna e os distintos movementos eucarísticos son expresións dunha vitalidade nova. Asimesmo, a fundación do Centro Eucarístico Lucense, a boa atención aos peregrinos e aos turistas, o recoñecemento tanto da Catedral, o Camiño Primitivo e da Muralla como Patrimonios da Humanidade contribúen ao esplendor e o rexurdimento destas celebracións. Por iso podemos afirmar que o noso orgullo foi profesar aquí con firmeza e fidelidade este misterio da fe, e reafirmar con ledicia que somos e seguiremos sendo a Diocese e a Cidade do Sacramento. Con Valentín Lamas Carvajal volvemos a Lugo a visitar ao Santísimo. Velaquí uns fermosos versos do seu poema “De raiola por Galicia”:

“Vamos a Lugo, vamos alá,

alá que xa!

Pobo en Galicia tan relembrado, a Xesucristo sacramentado

decote mostra na Catedral;

iste é o recordo dunha vitoria, cantan os cregos himnos de groria, brilan as luces no santo altar”.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deus está aquí

Mes de xuño, mes da eucaristía coa celebración de Corpus, e en Lugo ampliado e festexado especialmente na Oitava desa festa.

Son días especiais para todos os lucenses. Mostremos o noso amor e adoración a este sacramento, a Cristo presente realmente na Sagrada Forma que contemplamos, adoramos e amamos.

Lembrábanos Benedito XVI, nunha alocución falando sobre a eucaristía, contemplamos, adoramos e amamos a Aquel que durante a cea pascual, entregou o seu Corpo e o seu Sangue aos seus discípulos para estar con eles “todos os días, até o fin do mundo”.

Adoramos a Aquel que está ao comezo e ao final da nosa fe, sen o que non seriamos nada, sen o que non existiría nada, nada, absolutamente nada. Aquel por medio de quen se fixo todo; Aquel por quen fomos creados para a eternidade; Aquel que nos deu o seu propio Corpo e o seu propio Sangue. El está aquí, ante nós ofrecéndose ás nosas miradas.

E amámolo. E buscamos amar aínda máis xa que está aberto ás nosas preguntas, ao noso amor, sendo o Sacramento vivo e eficaz da presenza eterna do Salvador dos homes na súa Igrexa.

Se Cristo permanece en nós de que temos necesidade? Que nos falta? Se permanecemos en Cristo, que máis podemos desexar? É o noso hóspede e a nosa morada. Ditosos nós que estamos na súa casa! Que gozo ser nós mesmos a morada de tal hóspede! San Pierre- Julien Eymard

Convídovos, e rogo, a que non faltemos o domingo da Oitava (18 de xuño) á celebración da Ofrenda ao Santísimo Sacramento do Reino de Galicia. Sexamos apóstolos da adoración. Lembremos o que nos ensinou Benedito XVI: A Adoración non é un luxo, senón unha prioridade.

Xa que orar de día e de noite é necesario para que todos podamos vivir a profunda vocación á santidade.

Daniel García

Párroco de S. Lourenzo de Albeiros e S. Xosé das Gándaras

[Artículo en castellano]

O Espírito Santo e santificador

Deus está aquí para recibir a nosa adoración e para ofrecernos a súa axuda. Valoremos a súa presenza, e agradezamos os seus favores. Correspondamos ao seu amor e escoitemos a súa palabra para saber o que espera de nós, e dispoñámonos a comportarnos sempre como bos cristiáns.

Non corren bos tempos para a Igrexa. Os templos baléiranse de fieis. Moitos cristiáns, outrora crentes, hoxe abomínanse de selo. Este comportamento empobrece a fe dos nosos pobos, e é unha infidelidade para co Señor. El, que creara a Adán e a Eva con inmenso amor e colocounos no Paraíso Terreal, baixaba cada tarde a dialogar amigablemente con eles. Pero un día, con gran sorpresa súa, non os atopou: pecaran. Estaban impresentables, e agocháronse. Con todo, o Señor, que antes os amaba con amor de compracencia, agora ámaos con amor misericordioso, e establece lugares de reconciliación: a tenda do encontro, na que o Señor falaba a Moisés e indicáballe como conducir ao seu pobo cara á Terra de Provisión. E cando Israel instalouse en Palestina, o santuario común no que os israelitas daban culto a Iavé, eles sucesivamente elixiron outros lugares para atoparse co Señor (Guilgal, Siquén, Siló, etc), ata que Salomón construíu o Templo de Xerusalén. Desde entón, este templo será o centro oficial do culto a Deus, o cal, aínda que ten a súa residencia no Ceo, con todo, o templo salomónico era como unha réplica do palacio celestial, ao cal os israelitas acudían a dar culto ao Señor.

Era impensable que Deus puidese darnos máis mostras de amor aos que foramos infieis; pero o Señor, posto a amar, ama para sempre, e, andando o tempo, decreta a redención do mundo, mediante a encarnación do seu propio Fillo, que se fixo home no seo virxinal de María. Así remediou a mala sorte do home, convertendo o seu amor compracente en amor misericordioso, mediante a súa exemplaridade redentora que agora continúa na Igrexa, e nos templos instalou a súa presenza eucarística. Nas suntuosas catedrais e nos humildes templos das nosas aldeas, está presente Xesús Sacramentado, porque o amor pide presenza, e á súa presenza non pode renunciar o noso Deus, por iso é polo que, chegada a hora de volver ao Pai, nos envíe ao Espírito Santo para continuar a súa divina presenza entre nós.

Espírito quere dicir “aire que se respira”, “forza que pon en movemento”, “sopro que dá vida”, como o sopro de vida no Paraíso ao crear ao home…

Ao Espírito Santo non podemos velo, como non podemos ver o aire pero coñecémolo polas súas obras: Xesús foi concibido por obra e graza do Espírito Santo. Foi o Espírito Santo quen o conduciu ao Xordán para ser bautizado polo seu Precursor. É o mesmo Espírito quen o conduce ao deserto para prepararse á vida pública e logo a Galilea para predicar o Evanxeo. Ese mesmo Espírito que, en forma de pomba, pousouse sobre Xesucristo no Xordán, tamén se pousou sobre nós o día do noso bautismo, converténdonos en fillos de Deus, e o día da nosa Confirmación facéndonos apóstolos de Xesucristo. E agora derrama os seus dons nas nosas almas, para que produzan os correspondentes froitos.

Deixemos que o lume do Divino Espírito quente os nosos corazóns, para que os dons recibidos do ceo, dean froito de santidade no noso mundo.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: