Zoon politikon

“Estes son os meus principios, se non lle gustan… teño outros” Permítanme empezar citando a  Marx, Groucho Marx.

O home, é un animal político, como dicía Aristóteles, zoon politikon: “o que é incapaz de vivir en sociedade ou o que ningunha necesidade ten diso por abondarse a si mesmo, ese ha ser unha besta ou un deus”. Enmarcamos no Libro da Política o ámbito do que estamos a falar.

Qué é a política? O ser humano, naturalmente, vive asociado con outros, ata o punto de que se a existencia deixa de ser social non estariamos falando xa, seguramente, de existencia humana.

A sociedade vóltase condición de posibilidade do propio existir humano, é máis, da súa propia personalidade…os trazos verdadeiramente humanos do home, son sociais. Dende esta perspectiva de comprensión do home como animal social e político  retomamos a cuestión: que é a politica?

Acceder ao ámbito do publico, ao espazo de interrelación entre os seres humanos, é entrar de cheo na política. Política como goberno da sociedade en canto ao público, en canto ao ben común. Tarefa da política é a vida boa, o bo vivir, o vivir-con.

Amén deste concepto de ben común, hai outro eixo central na política: o poder. Ambos conceptos  van configurar o que  sexa a política; é máis, acentuando un ou outro, teremos visións e execucións políticas diferenciadas. De calquera xeito, ao miolo; a  sociedade é unha realidade políticamemnte organizada.

Desde este posicionamento avanzamos unha pregunta máis… terá algo que ver a ética coa política?

Permítaseme contestar a esta cuestión propoñendo algunhas preguntas máis… que lle queda a ética se dalgún xeito non se fai política? Que lle quedaría á política se dalgunha maneira non conta con referencias éticas? A ética na política, é unha utopía?, a política sen ética, é humana?

A necesidade da ética na política é hoxe, se cabe, máis reclamable que nunca. Faise necesaria unha repolitización  da vida cidadá que devolva aos integrantes da comunidade o protagonismo de tomar parte nas decisións que constrúen a vida social  e  que a todos afectan.  A ética, esixirá á política non só a democratización real dos procedementos, senón  a democratización da economía.

O propio poder político esixe lexitimación ética nun senso concreto, que non é outro que o ben común. Unha política ética  amósase como a esperanza utópica  da realización histórica da liberdade e a xustiza. E, en todo caso, unha ética sen política corre o perigo de permanecer estéril; unha política sen ética é, a bo seguro, proposta de deshumanización.

E para ir terminando esta reflexión volvamos a Marx: os principios, lonxe de ser algo funxible, lábil, un “quita ti para poñerme eu”, un mercadiño á conveniencia, son  fundamentos da acción humana,  da acción ética e política… sustentados nas máis diversas columnas, pero sustentados. Os principios orientan a acción e mantéñena. Os principios son valores, e os valores principios. Pois iso, comecemos polo principio.

Queque Bayo

Licenciado en Filosofía

O labor laical

Nun artigo anterior reflexionaba sobre que esta é a hora dos laicos. Hoxe reflexionarei sobre a tarefa específica dos laicos, distinta das outras vocacións. Un amigo español dicía con ironía que laico é o que está “al laíco del cura”, o que suxire diversas ideas. Realmente laico é o que desenvolve unha tarefa laical, secular.

Os grupos humanos xeran diversas funcións e tarefas distribuídas entre os seus membros. Na medida que se fagan con sentido común e harmonía repercutirá positivamente no ben de todos. As funcións poden exercerse con diversos estilos, sempre que se fagan dentro do principio cooperativo.

En outubro de 1987 celebrouse o Sínodo dos laicos, que culmina no documento (30-XII-88) “Christifideles Laici” (ChL). Como os presbíteros son servidores dos laicos, o seu Sínodo foi en 1990.

Un Sínodo é unha Asemblea da Igrexa Católica formada por unha representación dos bispos e normalmente invítase a algúns relixiosos e laicos. Hai a posibilidade de participar no proceso de preparación. Coas aportacións elabórase unha Exhortación Apostólica asinada polo Papa, quen lle dá coherencia e unidade. Por iso a Exhortación Apostólica é algo máis ca unha Encíclica papal e achégase ao que sería un Concilio.

No nº 23 da ChL defínese a tarefa específica dos laicos: “O campo propio da súa actividade evanxelizadora é o dilatado e complexo mundo da política, da realidade social, da economía; así como tamén da cultura, das ciencias e das artes, da vida internacional, dos órganos de comunicación social; e tamén doutras realidades particularmente abertas á evanxelización, coma o amor, a familia, a educación dos nenos e dos adolescentes, o traballo profesional, o sufrimento”.

Máis adiante, para que non haxa dúbida, especifica no nº 42 que os laicos de ningún modo poden abdicar da acción na ‘política’ porque aí xógase orgánica e institucionalmente o ben común. Os feitos de abuso de poder, corrupción… non xustifican abandonar o compromiso coa política do ben común.

Isto non é unha novidade na ensinanza da Igrexa, senón que xa estaba nas ensinanzas conciliares como se pode comprobar por exemplo en Lumen Gentium. 31.

Na exhortación ChL (nº.2) especifícanse dúas tentacións nas que ás veces caeron os laicos: “…a tentación de reservar un interese tan marcado polos servizos e as tarefas eclesiais, de tal modo que frecuentemente chegouse a unha práctica de abandono das súas responsabilidades específicas no mundo profesional, social, económico, cultural e político; e a tentación de lexitimar a indebida separación entre fe e vida, entre a acollida do Evanxeo e a acción concreta nas máis diversas realidades temporais e terreas.” Ás veces a caída nesas tentacións é inducida polos ministros ao seu servizo.

Referencias ás tentacións dos laicos para non exercer a súa tarefa específica laical tamén aparecen recollidas no Concilio na Gaudium Spes (nº 43), onde se alude á tentación de descoidar as tarefas temporais e de vivir unha vida relixiosa reducida a certos actos de culto e ao cumprimento de determinadas obrigas morais.

Debemos deducir entón que lles están vedadas ós laicos as tarefas intraeclesiais? Nada diso, pois eles son Igrexa. A mesma ChL no nº 23 expresa como se deben exercer as tarefas intraeclesiais, cousa que non deben esquecer os ministros que os acompañan para que non sexan ‘laicos clericalizados’: “Os diversos ministerios, oficios e funcións que os fieis laicos poden desempeñar lexitimamente na liturxia, na transmisión da fe e nas estruturas pastorais da Igrexa, deberán ser exercitados en conformidade coa súa específica vocación laical, distinta daquela dos sagrados ministros.”

Actualmente están convocados dous encontros laicais pola Conferencia Episcopal Española:

1- “So­bre o pa­pel da Igre­xa na so­cie­dade de­mo­crá­ti­ca”, no marco do 40 aniver­sa­rio da Cons­ti­tu­ción Es­pa­ño­la (3 e 4 ou­tu­bro 2018).

2- Un con­gre­so para tra­tar “o pa­pel e a reali­dade dos fieis laicos na vida so­cial e ecle­sial de España”, que terá unha fase pre­pa­ra­to­ria nas dis­tin­tas dio­ce­ses (no­vem­bro 2019).

Estes encontros teñen que servir para medrar en responsabilidade e non quedarse en “cousas bonitas”. Deben axudar a coñecer a realidade persoal e grupal, a ambiental e a institucional, así como para facer un discernimento e xuízo de cómo estamos e cara ónde camiñar, e finalmente para implicarse e comprometerse na acción transformadora persoal, grupal, ambiental e institucional.

Remato con estes dous interrogantes: Teñen claro os laicos cal é a súa vocación específica? Temos claro os presbíteros cal é a vocación específica dos laicos?

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Imaxe: cathopic

“Placuit Deo”

Este o título dun interesante documento recentemente publicado pola Congregación para a Doutrina da Fe, á fronte da cal está o xesuíta español Luís F. Ladaria. Trátase dunha carta dirixida aos bispos da Igrexa Católica sobre algúns aspectos da salvación cristiá.

Antes de seguir, convén recordar que os documentos pontificios adoitan titularse coas primeiras palabras en latín e que, á súa vez, xa nos dan a clave do documento en cuestión que, neste caso, comeza así: «Dispuxo Deus na súa sabedoría revelarse a Si mesmo e dar a coñecer o misterio da súa vontade (cf. Ef 1, 9), mediante o cal os homes, por medio de Cristo, Verbo encarnado, teñen acceso ao Pai no Espírito Santo e fanse consortes da natureza divina (cf. Ef 2, 18; 2 P 1, 4). [?] Pero a verdade íntima sobre Deus e sobre a salvación humana maniféstasenos pola revelación en Cristo, que é a un tempo mediador e plenitude de toda a revelación (DV 2)»

Dixemos que se trataba dunha carta dirixida aos bispos, pero iso non impide que a poidamos ler tamén todos os demais, xa que o tema tratado é de vital interese para todos.

Este breve documento publicouse a finais do mes de febreiro pero pasou bastante desapercibido, quizais por coincidir coa publicación da exhortación Gaudete et exultate do papa Francisco.

É un documento interesante, porque en menos de trinta páxinas móstranos como o centro e o artífice da salvación humana atópase en Xesucristo, o Fillo de Deus. A salvación é un don gratuito de Deus e non se debe aos nosos méritos.

Comeza o documento facendo unha análise das transformacións culturais de hoxe e como impactan no significado da salvación cristiá. Denúncianse neste capítulo os erros do neo-pelaxianismo e o neo-gnosticismo. Disto mesmo falaranos tamén o Papa na exhortación antes citada, cando nos advirte dos perigos que podemos atopar no camiño da santidade.

Continúa a carta Placuit Deo constatando a aspiración humana á salvación. O home percíbese como un enigma e busca a felicidade con todos os medios que ten ao seu alcance, pero atópase con que nada creado pode satisfacelo por completo. Tampouco nos satisfai a idea de que só se salve a nosa alma. A salvación que nos anuncia a fe non concirne só á nosa interioridade, senón ao noso ser integral. É a persoa completa, de feito, en corpo e alma, que foi creada polo amor de Deus ao seu xeito, e está chamada a vivir en comuñón con El (PD 7).

No capítulo cuarto preséntanos a Cristo como o nome e o rostro da salvación. Para iso recórdanos unha coñecida e preciosa cita de Benedicto XVI en Deus caritas est: «Non se comeza a ser cristián por unha decisión ética ou unha gran idea, senón polo encontro cun acontecemento, cunha Persoa, que dá un novo horizonte á vida e, con iso, unha orientación decisiva».

No capítulo seguinte, invítanos a comprender como Xesucristo dispuxo a necesaria mediación salvífica da Igrexa, especialmente a través dos sacramentos.

Conclúe o texto animándonos a comunicar a fe mentres esperamos ao Salvador, para que sexan moitos os que o coñezan.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

Loado sexas, Señor, polo irmán sol

Xa estamos no verán, agora non hai dúbida. O irmán sol, como canta san Francisco de Asís, resístese un pouco este ano, pero con el ou sen el é tempo de verán e vacacións, algo que tamén inflúe nas parroquias e na vida espiritual dos seus membros.

Estes días xa temos entre nós aos que durante o ano están fóra. Nótase e agradécese a súa presenza, tamén na celebración da Eucaristía dominical. Eles veñen descansar e a visitar as súas familias, pero tamén a animar a vida da Parroquia, xunto cun bo número de peregrinos que chegan cada día neste tempo de verán.

O sol, o bo tempo e o descanso, ou cambio de actividade tamén son unha boa axuda para a oración e sentir a presenza de Xesucristo máis preto de cada un de nós. Sorpréndeme ver como toda a Creación vainos acompañando todo o ano na celebración do misterio da vida de Xesucristo. Todo está disposto polo Creador para que as persoas podamos recoñecelo presente no centro do universo e admirar a súa infinita bondade a través da fermosura e perfección da Creación.

Tanto se tedes vacacións coma se non, invítovos a que vos deixedes sorprender pola compañía de Xesucristo durante os meses de verán. Poderémolo atopar na celebración do domingo, na Misa dunha festa, no testemuño dun peregrino, na familia que imos ver, no amigo que fai tempo que non visitamos, na lectura dun libro, nun día de praia, nun paseo pola montaña, nun momento de silencio á posta do sol… Todo pode converterse nunha oración que nos leve a Deus, como o fixo san Francisco co Cántico das Criaturas.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Texto orixinal]

Foto: Luis Ángel Espinosa

Preguntar é de humanos

O home é un animal curioso. En virtude da súa autoconsciencia e a súa racionalidade está “programado” para preguntar e preguntarse.

Que podo saber, que debo facer, que me cabe esperar… que é o home, As sempre presentes cuestións kantianas son, por extensión, as grandes preguntas da humanidade.

A metafísica, a moral, a mesma relixión son brazos da mesma cuestión: que é o home?

Se ben podemos afirmar a univeralidade destas preguntas, seguramente, non é tan doado atopar respostas unánimes ou mesmo consensuadas.

É máis, seguramente tamén, as respostas unívocas terán que ser tomadas con certa cautela. O grande filósofo e paradigma do pensamento cristián no medievo, San Tomé de Aquino, non podería ser máis claro cando afirmaba: -permítaseme a literalidade- Timeo hominen unius libri, é dicir, Temo ao home dun só libro. E é que a pluralidade, de ningún xeito ten necesariamente que estar reñida coa verdade, nin coa unidade… que non uniformidade.  Volvamos ás preguntas desde esta perspectiva plural, que non relativista.

Estas cuestións semellan unha especie de circuíto onde a reflexión da humanidade foi evoluíndo, zizzagueando e dando as máis plurais respostas. Unha especie de “eterno retorno” onde a chegada e o punto de partida, ás veces, conflúen nun mismo cruce de camiños.

Permítaseme avanzar que este panorama universal no espazo e no tempo, lévanos a pensar que o verdadeiramente importante vai radicar non nas respostas, senón nas propias preguntas. É máis, no propio acto e no xeito, sempre diverso, de preguntar.

Esta curiosidade humana, da que falabamos ao comezo, vai dirixida en varias direccións. Unha cuestión cara á orixe, cara á causa da existencia do home e do mundo… estamos no por que? Pero hai outra dirección, cara adiante, que ten que ver coa finalidade, estamos no para que? Entrambas dan corpo á grande e última pregunta humana, a do sentido.

O home pregunta porque non pode non preguntar. E as respostas  atopámolas na realidade, no propio home e no propio acto de cuestionar.

O home pregunta porque quere saber, porque quere comprenderse e comprender a realidade que o envolve, o ceo que o cobre e o horizonte que atisba.

Neste esforzo comprensivo humano entran en xogo as máis variadas disciplinas. E entran en xogo dende a propia formulación da pregunta. Se preguntamos polo como, as respostas virán principalmente da física, das ciencias experimentais… como funcionan as cousas. Pola contra, se preguntamos polo por que e o para que, as respostas virán do lado da metafísica, da ética, da teoloxía…

E é que hai que saber como preguntar para poder atopar a resposta máis axeitada.

En todo caso, e para ir concluíndo, as  tres dimensións do ser humano: a natural, a social e a trascendente fan do home un animal “en busca de sentido”, un ser aberto ao Absoluto, un cidadán capaz de, parafraseando a Ignacio Ellacuría, “facerse cargo da realidade, cargar coa realidade e encargarse da realidade”. Un comprender para transformar, dende a pluralidade, ancorado nunha tradición e tendendo pontes ao resto de perspectivas, e ao resto de libros. Quizás aí o sentido, seguro que aí a resposta.

Queque Bayo,

Profesor de Metafísica na UESD

A %d blogueros les gusta esto: