Cal é a misión da Igrexa?

O Concilio Vaticano II supuxo un punto de partida para a Igrexa. Comezaba unha nova época e era necesario poñer unhas bases que clarificasen cal era a misión da Igrexa.

 Este acontecemento non estivo exento dalgunhas crises. Aínda hoxe moitos sacerdotes recordan a crise de identidade sufrida polo sacerdocio naquel momento.

 Outra crise, quizais fose ou segue sendo, determinar cal é a misión esencial da Igrexa neste momento da historia. A que se ten que dedicar a Igrexa: aos pobres ou anunciar o evanxeo de Xesucristo? Que é o primordial, ou o máis necesario, ou o mellor?

 Imos facer un pouco de historia. O Vaticano II dinos que, polo bautismo, todos (non só os curas) estamos chamados á misión evanxelizadora.

 Un pouco máis tarde, o beato Paulo VI nun documento que aínda segue sendo actual, na Evangelii Nuntiandi 22, dinos que “non hai evanxelización verdadeira, mentres non se anuncie o nome, a doutrina, a vida, as promesas, o reino, o misterio de Xesús de Nazaret Fillo de Deus”.

 San Xoán Paulo dará un paso máis e usará o término “nova evanxelización”. En Redemptoris missio 3 di que “ningún crente en Cristo, ningunha institución da Igrexa pode eludir este deber supremo: anunciar a Cristo a todos os pobos”.

Benedicto XVI recordaranos que a auténtica evanxelización prodúcese cando se dá un encontro persoal con Cristo.

 Para rematar, o papa Francisco, pouco antes de ser elixido sucesor de Pedro, dicía: “Pensando no próximo Papa: un home, que desde a contemplación de Xesucristo e desde a adoración a Xesucristo axude á Igrexa a saír de si cara ás periferias existenciais, que a axude a ser a nai fecunda que vive da doce e confortadora alegría de evanxelizar”.

 A seguinte pregunta é: onde queda, entón, o exercicio da caridade?. O exercicio da caridade na Igrexa é unha consecuencia directa da súa misión evanxelizadora e non ao contrario.

Os cristiáns temos que movernos cunha actitude conxuntiva e non disxuntiva. Non é cuestión de escoller unha dimensión e rexeitar a outra, senón de integrar as dúas, porque unha leva necesariamente á outra.

 A salvación que nos trae Xesucristo é unha salvación integral. Por iso tratamos de adiantar a este tempo as condicións de vida perfecta que esperamos gozar na eternidade.

Fai poucos días o Rei Felipe VI, na visita á Conferencia Episcopal, recoñecía a achega social da Igrexa. Noutros tempos os sacerdotes tiveron que construír estradas e traídas de auga, que era o máis necesario e urxente.

 Pero a misión da Igrexa segue sendo necesaria hoxe. É importante que as persoas poidan alimentar e cultivar os seus desexos de transcendencia. Isto só será posible con Xesucristo e nunha comunidade eclesial na que nos podamos atopar con El.

 Se claudicamos desta misión evanxelizadora, pasaranos algo similar ao que dicía un médico ao constatar a desproporción entre o diñeiro destinado á investigación do alzheimer e os tratamentos estéticos. Cando pasen uns poucos anos, na Igrexa e na sociedade presumiremos dunhas catedrais e museos de arte relixiosa espectaculares, pero ninguén saberá o que significa o seu contido nin cal é a súa orixe.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

 

Algo máis ca unha foto

city-mall

No ano 2007 pedíronme que explicase a Globalización a un grupo numeroso de persoas que estudaban Biblia. Entendín que a mellor maneira de explicárllela era cos equipos de fútbol, xa que algún club tiña xogadores de 15 nacións de Europa, África, América e Asia. As camisetas levaban un logo vinculado a un país como Alemaña ou Estados Unidos, eran fabricadas en países pobres do terceiro mundo e a publicidade, que levaban escrita, estaba vinculada a outro país como Xapón, Qatar….

A primeiros de setembro de 2016 envíanme dende Honduras esta foto no City Mall (Centro Comercial) da cidade de S. Pedro Sula. Na foto vemos xuntos tres símbolos deportivos que aquí son fonte de fortes controversias, pero cando se trata de facer negocio á costa doutros non hai problema de ir en harmonía.

O primeiro símbolo é o da coñecida como “La Roja”, que emprega unha camiseta de Adidas (empresa creada por un dos irmáns Dassler, chamado Adolf: de aí Ad-i-Dass) que lle paga á selección española desde un mínimo de 10 millóns de € anuais ata 24, se hai éxitos deportivos, que en parte van para primas, luxos e despilfarros dos xogadores e directivos… pois esta camiseta custaba en Honduras 2000 lempiras, ó cambio 80 € (1 € = 25 lempiras). Na industria manufactureira hondureña con 10 ou menos traballadores o salario mínimo mensual é de 7619 lempiras, é dicir, para mercar a camiseta necesitan máis dunha semana de traballo. Unha camisa de vestir feita a medida custaba no país menos da metade. Calquera estudante de 1º de económicas sabe que para Adidas isto é un negocio rendible.

O 2º símbolo é o escudo do Barça nun coxín e o 3º o escudo do Real Madrid noutro coxín. Cando miramos as contas do Real Madrid da temporada 2013-14 vemos que ingresaron por merchandising, publicidade e patrocinios (ver foto) 247,3 millóns de €, o capítulo máis importante; por dereitos de televisión 199,9 millóns e por entradas só 129,8 millóns. Distribución de ingresos similares dáse no Barça. Tamén me enviaron foto de botellóns de refrescos de Honduras e Guatemala co escudo do Barça. Outros obxectos similares hai nese país e noutros dos que sacan beneficio os clubs.

Con ese diñeiro págase unha parte dos cerca de 40 millóns de € brutos do salario de Messi e Ronaldo, e tamén do de outros coma Neymar, Bale, Suárez, Benzema, Piqué, Ramos… Se temos en conta que arredor do 50 % do seu soldo o pagan en impostos, temos que uns cantos millóns van para a Facenda Pública, é dicir, para estradas, ensino, sanidade, soldo dos políticos, etc. Resulta que os hondureños (xunto con outros moitos pobres do mundo) pagan unha parte do supersoldo destes xogadores e tamén do que chamamos o “noso Estado do Benestar”, que non deixa de ser gran un espolio dos empobrecidos.

Ler máis

A Igrexa, mellor desde dentro

Como é de todos sabido, fai uns días coñecemos o documento do Vaticano sobre o trato que debemos dar ás cinsas dos nosos defuntos. Falei disto no meu anterior artigo. Hoxe traio de novo a colación este tema, pero é por outro motivo.

Durante os días de Todos os Santos e dos Fieis Defuntos, tiven ocasión de facer unha pequena sondaxe sobre a lectura deste documento. Preguntei sobre a lectura e coñecemento deste documento aos números fieis que asistiron ás tamén numerosas misas que tiven que celebrar.

O resultado da enquisa foi o esperado: todo o mundo oíra falar do documento nos medios de comunicación, pero só un escaso 1% leuno e coñecíao de primeira man.

Isto é só unha mostra do que adoita pasar habitualmente coas cousas da Igrexa. Coñecemos a vida da Igrexa, á que dicimos pertencer, só polo que din outros, que na maioría dos casos non van ser, precisamente, os máis amigos ou os que a coñezan desde dentro e de verdade. Coñecemos a nosa casa polo que din os de fóra e non porque nos preocupemos dela ou nos sintamos parte da mesma.

Son inxenuo, pero non tanto como para dicir que a Igrexa é perfecta e que todas as noticias sobre ela son falsas ou mal intencionadas. Claro que non. A Igrexa é santa e pecadora ao mesmo tempo. Santa, porque a súa cabeza é Cristo. Pecadora, porque os seus membros (non só o Papa, os bispos e curas) somos pecadores, ou imperfectos, se lles gusta máis a palabra.

Cando queremos coñecer unha realidade é lóxico que o fagamos desde dentro e preguntando aos que están todos os días “ao pé do canón” desta realidade. Permítanme que lles poña a seguinte comparación: imaxínense que están interesados en coñecer mellor ao partido político X e para iso pídenlle opinión só ao líder do partido Z. O resultado é previsible: uniranse ao partido Z e non ao X ao que, por certo, terminarán odiando.

Desde aquí invítolles a coñecer á Igrexa desde dentro. Non importa se nunca estiveron nela ou se a deixaron polos motivos que fosen. Entren, sen prexuízos e coma se fose a primeira vez. Esquezan as lendas urbanas ou negras que circulan por aí adiante.

Unha vez que entren, ou que lles pregunten aos que están dentro, atoparanse cunha realidade nova e verán que nada é como lles dixeron. Pero, o máis importante, é que se atoparán con Xesucristo, o Fillo de Deus.

Se teñen ocasión intenten falar cun sacerdote. Pero fágano desde a sinceridade, non atacándoo con malicia, senón expoñéndolle as dúbidas que teñen e que el llas aclare ou lles informe onde poden atopar a información e a formación correctas.

Non acudan aos sacerdotes só para que lles organicen un evento social privado e particular no día, hora e lugar que mellor lles convén sen posibilidade doutra opción. Deixen que se lles acompañe nese acontecemento festivo ou luctuoso facendo que Deus lles ilumine e bendiga nese momento, pero sen buscar nin pedir cousas “estrañas”, que nada teñen que ver coa Igrexa e menos coa saúde espiritual das persoas.

Non me cabe ningunha dúbida: o primeiro que ten que ofrecer hoxe a Igrexa ao mundo é a Xesucristo. Non hai nada nin ninguén mellor. Un mundo con Deus como motor efectivo e afectivo non pode ir mal. Un mundo guiado polo mandamento novo do amor, que nos ensinou  Xesucristo, ten que ir ben necesariamente. Unha persoa que se atopou con Deus de verdade ten que ser feliz.

Fíense, fagan a proba e despois díganme como lles foi.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Dialogar e actuar con datos ou con estereotipos

Na nosa sociedade o diálogo faise difícil porque abundan as argumentacións de tipo emotivo como: “iso non o soporto”, “iso gústame ou desgústame aquilo”… Outras veces vaise ridiculizar e desacreditar ó interlocutor. En xeral temos diálogos pouco fecundos pois apenas usamos datos e feitos da realidade, pero si moitos prexuízos e estereotipos.

Agardo que os tres seguintes exemplos aclaren algo o tema:

1. É frecuente escribir ou falar da “turbosantidade de José Mª Escrivá”, da “súa santidade exprés”, ou outras afirmacións desacreditativas da Igrexa nese proceso de canonización. Prescindindo da simpatía que se lle teña, quero sinalar algúns feitos obxectivos:

– Escrivá de Balaguer foi beatificado o 17 de maio de 1992 xunto con outra persoa significativa. A homilía de Xoán Paulo II nesa beatificación non se difundiu, e só unha vez vin a referencia ó seu contido.

– Escrivá foi canonizado o 6 de outubro de 2002, e a persoa beatificada con el o 1 de outubro de 2000, dous anos antes.

– Non me consta que Escrivá apareza citado en ningunha encíclica papal, pero a beatificada con el aparece nunha encíclica de Bieito XVI, “Spe Salvi” (nº 3-5)

Por suposto que caben varias lecturas e interpretacións, máis ou menos adecuadas, pero sen contradicir os datos.

2. Outro campo de discusión sen apenas datos é o referente ó preservativo e á Sida. Sempre que vexo artigos nos medios de comunicación sobre o tema busco se dan a porcentaxe de fiabilidade del para previr a Sida. Lendo cada día dúas ou tres publicacións, en 30 longos anos só atopei ese dato dúas veces, e unha vez máis mencionado de xeito indirecto. Dáse frecuentemente o seu grao de fiabilidade para previr embarazos.

Isto lémbrame a conversa que tivo un amigo, profesor dunha das Facultades de Enxeñeiría de España, cun fabricante de preservativos. Este faláballe das medidas da porosidade do látex e do que medía o virus do VIH (a cabeza do espermatozoide é unhas cen veces maior ca o VIH). Tamén lle mostraba a súa satisfacción pola promoción gratuíta do seu produto, xa que así ninguén lle podería presentar unha Demanda por Publicidade Enganosa, (véxase a publicidade que fan os fabricantes).

Tamén sería aconsellable presentar datos da evolución da Sida en países que basean a súa prevención no preservativo e os que a centran máis na fidelidade e en retrasar a idade de inicio das relacións sexuais. A OMS recomenda ademais do preservativo outros métodos de prevención… Véxase a foto que fixen na República Dominicana da Campaña contra a Sida financiada pola Unión Europea, por tanto, por España!!!

valla-r-dominicana_anton-negro

3. No campo das relacións diplomáticas, o Goberno de Zapatero presentou unha queixa ó Nuncio da Santa Sé a finais de xaneiro de 2005. Pensaban que Xoán Paulo II criticara a política do goberno sobre os matrimonios homosexuais, a política da auga e os transvases… Tamén houbo unha gran polémica político-mediática sobre o tema. Menos mal que a Igrexa é Misericordiosa e o portavoz, J. Navarro Vals, só respondeu cun prudente: “O Papa non dixo iso, lean o seu discurso”. (“Cristianisme i Justicia”, nº 170)

Pero presentar unha protesta polo que non se dixo, deixa en mal lugar ó embaixador “cerca da Santa Sé”, ó Ministro de Exteriores (que era católico!), ó Goberno en xeral, e non favorece en nada a imaxe dos españois no mundo.

Outro exemplo serían os comentarios sobre Bieito XVI cando escribiu sobre “o boi e a mula no Belén e sobre os Reis Magos”, que non tiñan nada que ver co escrito por el, co fácil que sería consultalo! Ou o referente ás igrexas de Chile e Arxentina ante as ditaduras (a Arxentina ten bispos asasinados na represión: Enrique Angelelli o 4-8-76 e Carlos Ponce de León o 11-7-77). Máis exemplos non son necesarios.

Un diálogo serio esixe facelo dende a vida e con datos fiables, coa aceptación da outra persoa e a escoita profunda. Ten que buscar medrar no coñecemento da realidade e da Verdade…

Para tomar decisións e facer proxectos de vida responsables é necesario coñecer datos da realidade, ter un ideal ou utopía cunha adecuada antropoloxía, actuar con ética e moral… pois o fin non xustifica os medios.

Antón Negro

Onde están os mortos?

Nos próximos días imos celebrar a solemnidade de Todos os Santos e a conmemoración dos fieis defuntos. O mes de novembro revolve os sentimentos e recordos dunha forma especial. Os nosos defuntos fanse presentes dun modo distinto ao habitual, e quero pensar que non é só por unha simple tradición cultural.

Unha das preguntas que máis me fan como cura é: onde están os mortos? onde van? Tamén me preguntan moito se na outra vida imos recoñecernos. Isto último respóndese fácil e rapidamente: claro que si. A outra pregunta tamén ten doada resposta: os nosos defuntos están con Deus ou non están en ningún lado (léase, o inferno). Vou intentar razoar un pouco máis todo isto. A ver se consigo que teñamos máis confianza ante aquilo que, aparentemente, pon fin á existencia dos nosos días terreos e temporais.

Se temos claro que Deus existe, non deberiamos ter maior problema para saber onde están os nosos defuntos. Deus, por natureza, é eterno. Polo tanto, se conseguimos chegar ata El, tamén participaremos da súa mesma vida divina á que vai unida a súa eternidade. Para isto necesitamos que haxa alguén que estea en condicións de “pagar a peaxe” por nós: Xesucristo, o Fillo de Deus, que carga cos nosos pecados na cruz para que poidamos facer o camiño que nos leva ao ceo, limpos de pecado e libres de pesadas cargas inútiles. Os cristiáns, ante a realidade da morte, temos a confianza de saber que estamos en mans dun Deus Pai que, por amor, enviou ao seu Fillo ao mundo para que non se perda nada do que El fixo, e para que o Espírito Santo cree de novo todas as cousas.

Para os que non cren en Deus, as cousas son un pouco máis difíciles ou escuras. Dio Pilar Rahola no pregón do Domund deste ano: “Estamos tan sos ante a morte os que non temos a Deus por compañía!” Se non existe Deus, tampouco hai vida eterna e a esperanza remata, no mellor dos casos, un segundo antes do último alento. E medio segundo despois ou, se queren, un segundo despois do funeral (se é que o houbo, porque tampouco tería moito sentido) todo, absolutamente todo, terminaría, e quedarán só uns cantos recordos na memoria, pero sen ningunha esperanza. Neste caso só pode dicirse que os defuntos están na morte eterna. Esta posibilidade crea moitas incertezas. A primeira é saber de onde vimos e quen pensou en nós, pois o azar non crea nin ama, e menos con esta perfección. A segunda, é sobre o mesmo sentido da vida: merece a pena loitar e esforzarse por algo que pode rematar en calquera momento?

Máis que preocuparnos do alén ou dos seus detalles quizais deberiamos facernos outra pregunta, a mesma que se fixo no seu día santo Tomé de Aquino: Hai vida antes da morte? (Cita do bispo Munilla nas redes sociais). Efectivamente, a confianza na vida eterna vai depender moito das bases sobre as que construamos a nosa vida terreal. Se a de agora é unha vida segundo Xesucristo, a morte e o que veña despois será “carne sen ósos”. Será un paso que deamos con confianza e con total tranquilidade, porque, por fin, veremos e coñeceremos en primeira persoa e sen ningún tipo de veo a quen antes xa tratamos e quixemos. Se Cristo non existise, o noso destino sería só a escuridade e frialdade dun sepulcro, pois ninguén nos lembraría cando pasen dúas ou tres xeracións máis.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán  

A %d blogueros les gusta esto: