Peregrinación a Fátima organizada pola Hospitalidade de Lourdes

Entre o venres 8 e o luns 11 de setembro 111 persoas peregrinan de Lugo a Fátima no ano no que se celebra o centenario das aparicións da Virxe en Portugal. A peregrinación, que organiza a Hospitalidade Diocesana de Lourdes de Lugo, ten o seguinte programa:

VENRES DÍA 8:

  • 16:30 h: Visita á Basílica Subterránea e Celebración Comunitaria da Penitencia, na mesma (Capela da Resurreição).

  • 19:15 h: Misa na Capela da Resurrección de Xesús (Basílica da Santísima Trinidad), presidida por Lugo.

  • 21:30 h: Rosario e Procesión dos Fachos.

SÁBADO DÍA 9:

  • 8 h: Tras almorzar, saída para Lisboa. Acompañado por guías nativas credenciadas visítase: o Monumento do Santo Cristo; cidade e monumentos de Lisboa; comida de campo; Santa Misa no Santuario de San Antonio de Padua (de Lisboa); visita de Estoril.

  • 21:30 horas: Rosario e Procesión dos Fachos, con actuación de Lugo.

DOMINGO DÍA 10:

  • 8 h: Via Crucis polo Caminho dos Pastorinhos.

  • 10 h: Rosario na Capelinha.

  • 11 h: Participación na Misa Internacional, con actuación de Lugo.

  • Tarde libre. Posibilidade de ir a Nazaré, Leiría.

LUNS DÍA 11:

  • 8 h: Saída para Coimbra: visita da cidade en coche. Vista panorámica, e visita á Universidade con foto do grupo ante a fachada.

  • Visita a todo o conxunto de Bon Jesú. Pola tarde, visita ao gran Santuario de Sameiro, onde se celebrá a Misa de Despedida.

Xornadas formativas no Mosteiro de Poio

O clero galego ten a súa Semana de Formación Permanente no Mosteiro de Poio do 11 ao 13 de setembro baixo o lema: “25 anos das xuntanzas dos cregos de Galicia: vivindo a comuñón”. Efectivamente, hai 25 iniciábanse estas xornadas, como resposta á publicación da Exhortación apostólica postsinodal Pastores Dabo Vobis, que insistía tanto na importancia da formación.

Ao longo destes 25 anos pasaron polo encontro centenares de sacerdotes, que se beneficiaron dun ámbito privilexiado de comuñón e de formación: puideron escoitar e establecer diálogos con decenas de relatores, compartiron testemuños de vida e experiencias pastorais, rezaron e celebraron a liturxia xuntos.

O programa deste ano é o seguinte:

Luns, 11 de setembro:

10:30 h Acollida. Inscrición e recollida de materiais.

11:00 h Apertura. Hora Intermedia. Presentación das Xornadas

11:30 h – 1ª Relatorio. “A vida e o ministerio do sacerdote hoxe”, por Beniamino Stella, Cardeal Prefecto da Congregación para o Clero.

13:00 – Eucaristía presidida por Beniamino Stella

17:00 – 2ª Relatorio e diálogo: “Visión retrospectiva das Xornadas de Poio, 1993-2017”, por Luis Quinteiro Fiuza, Bispo de Tui-Vigo.

19:00 – Talleres: “Itinerario de Formación Católica de Adultos” (Equipo A. C. de Mondoñedo-Ferrol); “A música na nova impresión do Misal” (Secretariado de Música Sacra de Santiago).

20:45 – Adoración eucarística – Vésperas.

21:30 – Cea. A continuación convivencia – velada festiva.

Ler máis

A eutanasia: unha sociedade sen esperanza

Volve estar sobre a mesa o tema da eutanasia, ou da morte digna, en linguaxe eufemística. De cando en vez, alguén encárgase de sacar este tema á palestra pública e política, para que a xente se manifeste a favor do mesmo e así un día dar punto final ao ancián ou ao enfermo, sen que supoña un trauma para ninguén e sexa aceptado por todo o mundo como algo normal dunha sociedade moderna.

Entendo que produza pánico a dor e o sufrimento. A min, o primeiro. Persoalmente, recoñezo que me aterroriza pensar que, por un simple accidente de tráfico, un poida quedar parapléxico ou tetrapléxico. Dáme moito máis medo cá mesma morte. Podo entender que unha persoa, desesperada pola dor, desexe morrer para non seguir sufrindo. O que non podo entender é que, cando estamos perfectamente sans, queiramos morrer, ou que esteamos dispostos a facilitar a morte a outros cando nolo pidan.

Pero outra cousa, é o que se desprende de todos os argumentos que nos expoñen para facernos ver que a eutanasia é un gran avance e o mellor para as persoas. Se é que aínda nos recoñecen esta categoría.

Non me produce unha tristeza insoportable a morte cando é natural, nin sequera cando se produce prematuramente. Confío en Deus e a súa promesa dunha vida eterna.

O que me produce moita tristeza é que sexamos unha sociedade sen esperanza, na que a xente quere morrer e outros queren matarnos, só co único pretexto do benestar.

Detrás da eutanasia o que hai é unha gran falta de esperanza. A eutanasia é a expresión do baleiro do home que quere morrer porque non consegue ser dono absoluto de si mesmo. Un home que quere morrer antes que confiar a súa vida e o seu sufrimento ao Autor da verdadeira vida.

As cousas non xorden da nada nin, por desgraza, é idea só duns poucos. Nas miñas conversacións cos traballadores das funerarias ou con compañeiros sacerdotes, decátome de casos que se achegan ao surrealismo. Por exemplo, que teñen nas súas instalacións urnas con cinzas que ninguén recolle, ou que unha familia quería enterrar ao seu “ser querido“ o mesmo día que faleceu. Ou o caso dun compañeiro que, logo dun funeral, observou como a familia ía sen levar as cinzas do defunto e ao avisala dixéronlle que eles non as querían para nada.

Son casos reais, de familias reais, onde o desapego e a falta de afectos ou de caridade chega a uns extremos nos que non se valora nin aos defuntos nin aos vivos. Así, a ninguén lle estraña que intentemos desfacernos dos anciáns e dos enfermos canto antes. Ou tamén, que nós deixemos todo arranxado para que, se un día chegamos gravosos para os demais, recibamos unha “inxección máxica” e emprendamos o camiño cara á nada.

Pero detrás destas aparentes boas intencións: de non molestar, de non sufrir, de escoller con liberdade, o que se manifesta, máis ben, son as carencias da nosa sociedade. Somos unha sociedade sen esperanza, na que os nosos semellantes deixaron de ser un valor absoluto e convertéronse nun simple obxecto de “usar e tirar“. Claro, que se non existe Deus, como din algúns, é normal que as cousas sexan como as estamos vendo. Moi triste, unha sociedade sen esperanza e sen ansias de eternidade. Moi triste.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán.

Teño necesidade de Ti

Matt Maher

27 de xullo de 2013. Río de Janeiro. Preto de tres millóns de mozos reunidos co Papa Francisco para orar. E foi durante a exposición do Santísimo onde diversos autores católicos interpretaron algunha das súas cancións para axudarnos na oración. Foi entón cando o canadense Matt Maher cantou o seu “Lord, I need you“  (Señor, Teño necesidade de Ti).

O documento do Concilio Vaticano II que dedica algúns dos seus números á música é a Sacrosanctum concilium. No número 112 dinos que a finalidade da música sagrada «é gloria de Deus e a santificación dos fieis». E o beato Paulo VI dicía nun discurso aos músicos polo día de Santa Icía que «se a música -instrumental ou vocal- non posúe ao mesmo tempo o sentido da oración, da dignidade e da beleza, impídese a si mesma a entrada na esfera do sagrado e do relixioso».

Pois ben, creo que Matt Maher soubo captar nunha canción o que moitas veces nós expresamos na nosa oración de petición e súplica, cando nos sentimos esmagados polas dificultades e non sabemos como avanzar, ou cando o pecado nos arrastra lonxe da amizade con Xesucristo. Pero vou engadir unha cousa sobre a canción: Cristo vive por amor a nós. Como di San Agustín nas súas Confesións: «O home, pequena parte da túa creación, quere loarche. Ti mesmo incitas a iso, facendo que atope as súas delicias na túa loanza, porque nos fixeches para Ti e o noso corazón está inquedo mentres non descansa en Ti». É coma se Deus necesitase de ti e de min.

Xa ves, querido lector, que a música é un instrumento moi útil para verbalizar aquilo que levamos no corazón e ás veces non sabemos como expresar. Non cansemos nunca de poñernos ante Deus tal e como somos, dicirlle estas ou outras palabras e deixarnos abrazar polo seu amor misericordioso, que ten o seu xesto máis concreto no sacramento da reconciliación. Dille que o necesitas, o desfeito que estás, que perdiches a esperanza ou cales son as túas tentacións; pero logo déixache tocar por El, que Deus sae ao teu encontro a través de tantas persoas que nos coidan, que nos queren, da súa Igrexa, os seus ministros, os sacramentos… E que Xesús sexa sempre a esperanza onde decidamos permanecer.

Nicolás Susena Presas

Diácono da Parroquia da Milagrosa de Lugo

Peregrinación a Santiago organizada pola Parroquia de San Antonio de Padua (Lugo)

A Parroquia San Antonio de Padua de Lugo organiza unha peregrinación a Santiago polo Camiño Primitivo os sábados de setembro e outubro:

2 de setembro: Lugo – San Román da Retorta

9 de setembro: San Román da Retorta – As Seixas

16 de setembro: As Seixas – Melide

23 de setembro: Melide – Arzúa

30 de setembro: Arzúa – Santa Irene

14 de outubro: Santa Irene – Monte do Gozo

15 de outubro: Monte do Gozo – Santiago de Compostela, onde se asistirá ás 12 h á Misa do Peregrino na Catedral

Cada día a saída é ás 9 h e o regreso ás 18h, excepto o 14 de outubro, que se fai pernocta no Monte do Gozo.

A %d blogueros les gusta esto: