Novenas en honra de Nosa Señora de Fátima

O venres día 5 comeza na Parroquia de San Pedro, Lugo, a Novena en honra de Nosa Señora de Fátima. Os actos inícianse ás 18:30 (o domingo será ás 17:30h) co rezo do santo Rosario, exercicio da Novena e celebración da Eucaristía.

O sábado 13, día da Virxe de Fátima e centenario das aparicións, ás 11h da mañá será a Misa dos Enfermos, con administración do sacramento da Santa Unción.

O 5 de maio comeza na Parroquia A Estación de Monforte a novena en honra á Nosa Señora de Fátima, co seguinte horario:

  • 19’15 h: Novena 19’30 h: Santa Misa

Xornada de Oración polas Vocacións

Neste cuarto domingo de Pascua, domingo do Bo Pastor, recórdasenos unha vez máis que Xesús coñece o nome e a historia de cada un de nós. El é a porta que estamos chamados a atravesar, a voz inconfundible que se nos invita a seguir. Esa imaxe inspíranos e axúdanos a vivir a Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e a Xornada de Vocacións Nativas que se celebra de xeito conxunto baixo o lema Empuxados polo Espírito: aquí estou, envíame.

O papa Francisco, na súa mensaxe deste ano lémbranos a dimensión misioneira da vocación cristiá. Quen responde á chamada de Deus para seguir o seu camiño, descobre ben pronto o desexo incontible de levar a Boa Noticia aos homes os seus irmáns. Non estamos sós nesta tarefa, Xesús camiña ao noso carón.

[Materiais escritos]  [Vídeo]

Nota dos bispos Galicia con motivo da Xornada Interdiocesana de Ensino Relixioso Escolar

Queridos pais e nais:

1.- Estamos seguros de que unha das vosas maiores preocupacións é a educación dos vosos fillos e fillas. Nela poñedes todo o voso empeño e esforzo nuns momentos cheos de retos e dificultades.

2.- Nesta situación os centros educativos xogan un papel importante para lograr unha educación de calidade.

3.- Para axudarvos a lograr esa educación, pedímosvos que non vos esquezades de solicitar para eles o Ensino Relixioso. Nunha formación integral da persoa, a educación non pode prescindir da dimensión relixiosa que é constitutiva de todo ser humano.

4.- A presenza do Ensino relixioso nos centros educativos é un dereito e un deber que tedes vós, os pais, recoñecido na Constitución, e que todas as autoridades educativas deben garantirvos para que poidades optar por ela con plena liberdade evitando toda discriminación e en igualdade de trato que o resto das demais asignaturas.

5.- O Ensino Relixioso axudará aos vosos fillos e fillas a coñecer mellor e profundar na mensaxe de Xesús; a reflexionar sobre os criterios, valores e actitudes que permiten dar pleno sentido da vida, do mundo e da historia; a crecer en intelixencia da Palabra de Deus para atopar nela a luz que lles ilumine á hora de formar a súa personalidade e inserirse no medio da sociedade; a comprender a propia tradición relixiosa, na que naceron e a coñecer o sentido relixioso da nosa cultura chea de costumes, festas, ritos e modos de vida impregnados polo cristianismo; capacitarlles para un diálogo entre fe e cultura nun mundo cada vez máis pluricultural e plurirelixioso.

6.- Sen dúbida queredes que progresen no coñecemento de matemáticas, sociais ou literatura. Pero non permitades que os vosos fillos crezan sen unha cultura e formación relixiosa. Estade seguros de que nela atoparán coñecementos e valores que lles axudarán a ser boas persoas. A relixión non fai dano a ninguén, ao contrario, axúdanos a ver a vida e actuar nela con sentido de verdade, xustiza e solidariedade.

7.- A Igrexa ponse ao voso servizo para alcanzar esa formación relixiosa que, sen dúbida, será un gran ben para os vosos fillos e fillas. Non vos deixedes levar por esas opinións da mal chamada modernidade que proclaman que a Relixión non ten valor nin sentido.

8.- Xa que logo, esta é a nosa petición: Sede conscientes da vosa responsabilidade de pais crentes e pensade no ben dos vosos fillos. Pedide Ensino Relixioso Católico en todos os centros educativos.

9.- Esta solicitude ha de ser consecuencia lóxica da vosa condición de pais crentes e dos compromisos adquiridos no día do seu bautismo. Non solicitala sería, sen dúbida, un contrasentido con eses compromisos.

10.- Queremos agradecer todo o esforzo que fan os profesores de Relixión e pedímoslles que coa súa palabra e o seu testemuño transmitan aos seus alumnos a mensaxe de Xesús e os encamiñen polos camiños dos valores do Evanxeo.

11.- Que o Señor vos axude a todos os que colaborades nunha mellor educación humana e relixiosa da infancia e mocidade.

Saúdanvos con todo afecto e bendín no Señor.

 

+ Julián, Arcebispo de Santiago.

+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.

+ Alfonso, Bispo de Lugo.

+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

+Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.

+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.

Concerto de música góspel

O 7 de maio ás 18h na igrexa de Santiago A Nova hai un concerto de góspel a cargo do grupo Aba Taano, conformado por unha mezzosoprano, un barítono e tres baixos. Estes cantantes cantarán en zulú, swahili, luganda ou runyancore e tamén interpretarán góspel tradicional en inglés e pop á vez que bailan coreografías preparadas por eles mesmos. Os concertos de Aba Taano están sempre impregnados de pureza, forza e entusiasmo e as súas voces son excepcións e emocionan a todo tipo de audiencia.

Cos seus concertos axudan a financiar o proxecto humanitario de Música Para Salvar Vidas, cuxo labor é axudar a que nenos orfos procedentes de Uganda poidan labrar o seu futuro por medio da música e a danza. O concerto deste domingo é de entrada libre e ao final pode deixarse unha colaboración económica.

Os músicos do grupo Aba Taano percorreron moitos auditorios de España co coro Uganda Natumayini, logo co Omutima Gwa Afrika e actualmente coa actual formación (Aba Taano).

Congreso de Educadores Católicos

O Salón de Actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo acolle o 6 de maio o Congreso de Educadores Católicos, que ten como programa o seguinte:

  • 9:30 Recollida de documentación

  • 9:45 Oración

  • 10:00 Conferencia: Xesús: O Mestre, por D. Francisco Serrano, Profesor titular de San Pablo CEU (Madrid)

  • 11:30 Pausa café

  • 12:00 Conferencia: Educación con efecto bolboreta, por Dna. María Ángeles López Romero, Directora da editorial San Pablo

  • 14:00 Xantar

  • 16:00 Conferencia: Diálogo cultura-fe. Claves, por D. Francisco Serrano

  • 17:30 Pausa-café

  • 17:45 Homenaxe aos nosos centros. Colexio Divina Pastora Lugo. A Educación nunha escola salesiana, por Dna. Marta Trashorras Gayoso, Mestra e psicopedagoga

  • 19:15 Avaliación

  • 20:00 Clausura do congreso

    Mons. Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: