A Igrexa, mellor desde dentro

Como é de todos sabido, fai uns días coñecemos o documento do Vaticano sobre o trato que debemos dar ás cinsas dos nosos defuntos. Falei disto no meu anterior artigo. Hoxe traio de novo a colación este tema, pero é por outro motivo.

Durante os días de Todos os Santos e dos Fieis Defuntos, tiven ocasión de facer unha pequena sondaxe sobre a lectura deste documento. Preguntei sobre a lectura e coñecemento deste documento aos números fieis que asistiron ás tamén numerosas misas que tiven que celebrar.

O resultado da enquisa foi o esperado: todo o mundo oíra falar do documento nos medios de comunicación, pero só un escaso 1% leuno e coñecíao de primeira man.

Isto é só unha mostra do que adoita pasar habitualmente coas cousas da Igrexa. Coñecemos a vida da Igrexa, á que dicimos pertencer, só polo que din outros, que na maioría dos casos non van ser, precisamente, os máis amigos ou os que a coñezan desde dentro e de verdade. Coñecemos a nosa casa polo que din os de fóra e non porque nos preocupemos dela ou nos sintamos parte da mesma.

Son inxenuo, pero non tanto como para dicir que a Igrexa é perfecta e que todas as noticias sobre ela son falsas ou mal intencionadas. Claro que non. A Igrexa é santa e pecadora ao mesmo tempo. Santa, porque a súa cabeza é Cristo. Pecadora, porque os seus membros (non só o Papa, os bispos e curas) somos pecadores, ou imperfectos, se lles gusta máis a palabra.

Cando queremos coñecer unha realidade é lóxico que o fagamos desde dentro e preguntando aos que están todos os días “ao pé do canón” desta realidade. Permítanme que lles poña a seguinte comparación: imaxínense que están interesados en coñecer mellor ao partido político X e para iso pídenlle opinión só ao líder do partido Z. O resultado é previsible: uniranse ao partido Z e non ao X ao que, por certo, terminarán odiando.

Desde aquí invítolles a coñecer á Igrexa desde dentro. Non importa se nunca estiveron nela ou se a deixaron polos motivos que fosen. Entren, sen prexuízos e coma se fose a primeira vez. Esquezan as lendas urbanas ou negras que circulan por aí adiante.

Unha vez que entren, ou que lles pregunten aos que están dentro, atoparanse cunha realidade nova e verán que nada é como lles dixeron. Pero, o máis importante, é que se atoparán con Xesucristo, o Fillo de Deus.

Se teñen ocasión intenten falar cun sacerdote. Pero fágano desde a sinceridade, non atacándoo con malicia, senón expoñéndolle as dúbidas que teñen e que el llas aclare ou lles informe onde poden atopar a información e a formación correctas.

Non acudan aos sacerdotes só para que lles organicen un evento social privado e particular no día, hora e lugar que mellor lles convén sen posibilidade doutra opción. Deixen que se lles acompañe nese acontecemento festivo ou luctuoso facendo que Deus lles ilumine e bendiga nese momento, pero sen buscar nin pedir cousas “estrañas”, que nada teñen que ver coa Igrexa e menos coa saúde espiritual das persoas.

Non me cabe ningunha dúbida: o primeiro que ten que ofrecer hoxe a Igrexa ao mundo é a Xesucristo. Non hai nada nin ninguén mellor. Un mundo con Deus como motor efectivo e afectivo non pode ir mal. Un mundo guiado polo mandamento novo do amor, que nos ensinou  Xesucristo, ten que ir ben necesariamente. Unha persoa que se atopou con Deus de verdade ten que ser feliz.

Fíense, fagan a proba e despois díganme como lles foi.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Oración polas vocacións na Catedral e no Seminario

Dous xoves ao mes o Seminario Diocesano participa no Xoves Eucarístico ás 20h. E un xoves ao mes organízase unha vixilia de oración entre as 21 e as 22h. Despois da vixilia desta semana, as seguintes serán: 15 de decembro, 12 de xaneiro, 9 de febreiro, 9 de marzo, 6 de abril, 4 de maio e 1 de xuño.


Ademais, o Seminario invita aos fieis a unirse á adoración eucarística e ao rezo de vésperas solemnes que se fai na Capela Maior todos os domingos deste curso 2016-2017 entre as 20:15h e as 21:15h. Accédese á Capela Maior do Seminario pola fachada principal.

50 anos da Parroquia da Estación

50-anos-parroquia-da-estacion

A unidade pastoral da Parroquia da Estación comprende actualmente A Parte, Bascós, Chavaga, Reigada, Rivasaltas e Valverde. Baixo o lema “Camiñando da man de Xesús e María” vense celebrando o cincuentenario da Parroquia desde hai varias semanas. Así, o sábado 5 de novembro houbo Misa cantada co grupo Trícole, e o sábado 12 coa Schola Gregoriana Lucensis. Námbolos dous casos houbo tamén un concerto.

E o domingo 20 de novembro ás 12:30h hai unha Eucaristía de acción de grazas, presidida polo señor bispo Alfonso Carrasco Rouco. Intervirá a Coral de Renfe.

[Imaxes das celebracións feitas]

Misa polas vítimas da violencia machista e acto de sensibilización na parroquia A Milagrosa

pola-eliminacion-da-violencia-contra-a-muller

O venres 18 de novembro ás 19.30 h, na parroquia da Milagrosa hai unha Eucaristía polas vítimas da violencia machista. E sobre as 20 h, un acto de sensibilización respecto do grave problema da violencia contra a muller, no que colaboran Cáritas Diocesana (Área de Muller), a Asociación contra a violencia de xénero en Lugo Si Hai Saída, Colexio Salesiano Divina Pastora, a Unidade de prevención, asistencia e protección a mulleres vítimas de violencia de xénero da Policía Nacional, e a iniciativa “Queremos iluminar o mundo. Hai razóns. Non hai escusas” da IV edición das 24 horas de Mans Unidas.

A Organización Mundial da Saúde estima que no mundo, unha de cada tres mulleres sufriu violencia física ou sexual por parte da súa parella, ou violencia sexual por terceiros. En España, segundo os datos da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, no que levamos de ano, son 37 as vítimas mortais, asasinadas polas súas parellas ou ex parellas. E en 19 destes casos deixaron menores orfos. É unha obriga dos poderes públicos facer todos os esforzos posibles para terminar con esta lacra, pero tamén é un labor de todos, individual e colectivamente, colaborar na erradicación desta violencia e apoiar ás vítimas restituíndo a dignidade que lles foi arrebatada.

A comunidade parroquial da Milagrosa quere honrar na Eucaristía a memoria das vítimas, de todas as vítimas da violencia machista. Desexa que a comunidade únase a eles pedindo a Deus polas vítimas e pola paz, e mostre a súa repulsa a todas as formas de violencia. A vida de todas as persoas é sagrada.

Dialogar e actuar con datos ou con estereotipos

Na nosa sociedade o diálogo faise difícil porque abundan as argumentacións de tipo emotivo como: “iso non o soporto”, “iso gústame ou desgústame aquilo”… Outras veces vaise ridiculizar e desacreditar ó interlocutor. En xeral temos diálogos pouco fecundos pois apenas usamos datos e feitos da realidade, pero si moitos prexuízos e estereotipos.

Agardo que os tres seguintes exemplos aclaren algo o tema:

1. É frecuente escribir ou falar da “turbosantidade de José Mª Escrivá”, da “súa santidade exprés”, ou outras afirmacións desacreditativas da Igrexa nese proceso de canonización. Prescindindo da simpatía que se lle teña, quero sinalar algúns feitos obxectivos:

– Escrivá de Balaguer foi beatificado o 17 de maio de 1992 xunto con outra persoa significativa. A homilía de Xoán Paulo II nesa beatificación non se difundiu, e só unha vez vin a referencia ó seu contido.

– Escrivá foi canonizado o 6 de outubro de 2002, e a persoa beatificada con el o 1 de outubro de 2000, dous anos antes.

– Non me consta que Escrivá apareza citado en ningunha encíclica papal, pero a beatificada con el aparece nunha encíclica de Bieito XVI, “Spe Salvi” (nº 3-5)

Por suposto que caben varias lecturas e interpretacións, máis ou menos adecuadas, pero sen contradicir os datos.

2. Outro campo de discusión sen apenas datos é o referente ó preservativo e á Sida. Sempre que vexo artigos nos medios de comunicación sobre o tema busco se dan a porcentaxe de fiabilidade del para previr a Sida. Lendo cada día dúas ou tres publicacións, en 30 longos anos só atopei ese dato dúas veces, e unha vez máis mencionado de xeito indirecto. Dáse frecuentemente o seu grao de fiabilidade para previr embarazos.

Isto lémbrame a conversa que tivo un amigo, profesor dunha das Facultades de Enxeñeiría de España, cun fabricante de preservativos. Este faláballe das medidas da porosidade do látex e do que medía o virus do VIH (a cabeza do espermatozoide é unhas cen veces maior ca o VIH). Tamén lle mostraba a súa satisfacción pola promoción gratuíta do seu produto, xa que así ninguén lle podería presentar unha Demanda por Publicidade Enganosa, (véxase a publicidade que fan os fabricantes).

Tamén sería aconsellable presentar datos da evolución da Sida en países que basean a súa prevención no preservativo e os que a centran máis na fidelidade e en retrasar a idade de inicio das relacións sexuais. A OMS recomenda ademais do preservativo outros métodos de prevención… Véxase a foto que fixen na República Dominicana da Campaña contra a Sida financiada pola Unión Europea, por tanto, por España!!!

valla-r-dominicana_anton-negro

3. No campo das relacións diplomáticas, o Goberno de Zapatero presentou unha queixa ó Nuncio da Santa Sé a finais de xaneiro de 2005. Pensaban que Xoán Paulo II criticara a política do goberno sobre os matrimonios homosexuais, a política da auga e os transvases… Tamén houbo unha gran polémica político-mediática sobre o tema. Menos mal que a Igrexa é Misericordiosa e o portavoz, J. Navarro Vals, só respondeu cun prudente: “O Papa non dixo iso, lean o seu discurso”. (“Cristianisme i Justicia”, nº 170)

Pero presentar unha protesta polo que non se dixo, deixa en mal lugar ó embaixador “cerca da Santa Sé”, ó Ministro de Exteriores (que era católico!), ó Goberno en xeral, e non favorece en nada a imaxe dos españois no mundo.

Outro exemplo serían os comentarios sobre Bieito XVI cando escribiu sobre “o boi e a mula no Belén e sobre os Reis Magos”, que non tiñan nada que ver co escrito por el, co fácil que sería consultalo! Ou o referente ás igrexas de Chile e Arxentina ante as ditaduras (a Arxentina ten bispos asasinados na represión: Enrique Angelelli o 4-8-76 e Carlos Ponce de León o 11-7-77). Máis exemplos non son necesarios.

Un diálogo serio esixe facelo dende a vida e con datos fiables, coa aceptación da outra persoa e a escoita profunda. Ten que buscar medrar no coñecemento da realidade e da Verdade…

Para tomar decisións e facer proxectos de vida responsables é necesario coñecer datos da realidade, ter un ideal ou utopía cunha adecuada antropoloxía, actuar con ética e moral… pois o fin non xustifica os medios.

Antón Negro

A %d blogueros les gusta esto: