Asemblea da Renovación Carismática

renovacion-carismatica

A Casa Diocesana de Exercicios acolle o día 22 de outubro a Asemblea Diocesana da Renovación Carismática Católica de España en Lugo. A xornada, baixo o lema “Mais o que se une ao Señor, faise un só Espírito con El” (1ª Cor 6, 12-19), comezará ás 9:30 horas coa acollida e a Adoración sendo a hora prevista para finalizar as 20h. Todos os grupos da Renovación Carismática da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela están invitados a participar nesta festa de loanza, contemplación, intercesión.

A predicación corre a cargo do P. José Antonio Crespo, de As Ermitas. A Eucaristía estará presidida por Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

Carta de Inés Fernández, Carmelita Misioneira Teresiana de orixe lucense en Filipinas

ines-fdez

Reproducimos a carta enviada á Delegación Diocesana de Misións pola irmá Ines, Carmelita Misioneira Teresiana:

 Con mirada retrospectiva e memoria agradecida polo longo camiño percorrido como misioneira peregrina, lixeira de equipaxe pero cargada de optimismo e esperanza, quero facervos participes do gozo da miña traxectoria vocacional como misioneira.

África foi o móbil da miña chamada vocacional como relixiosa- misioneira, pero como Deus ten os seus plans, fai 27 anos envioume a Asia, concretamente a Filipinas. Gran sorpresa! Non tiñamos presenza neste continente. Xunto con outra irmá, fomos elixidas e enviadas polos nosos superiores a roturar esta terra. Un 25 de xaneiro, día da conversión de San Paulo, “Ide por todo o mundo; predicade o Evanxeo a toda criatura” Mc 16:15, emprendemos voo cara ao descoñecido coa certeza e seguridade que El é fiel e coida aos que ama.

A aventura misioneira estaba cargada de incógnitas, cada día algo novo, a miña capacidade de asombro e admiración non daba abasto a asimilar tanta novidade e realidades diferentes (cultura, costumes, lingua…) Foron tempos recios, pero Deus manifestábase a cada paso de forma sorprendente, en persoas e circunstancias. É inexplicable a experiencia da acollida e proximidade da xente, a súa paciencia e compresión. O sentido de familia e comuñón fraterna vivida entre as distintas congregacións relixiosas fixo que nos sentísemos en casa e favoreceu positivamente nosa inmersión no pobo.

Despois de moitos anos aínda teño gravada nas miñas pupilas e corazón a imaxe que presenciei na miña primeira visita ao “smokey mountain”, lugar onde queimaban o lixo de Manila e mentres ardía a xente segregaba o reciclable. Ver isto lastimoume e dalgunha forma indignoume, non hai dereito a que uns despilfarremos tanto e outros carezan en grao sumo do elemental, experimentei unha gran impotencia. Por outra banda fascináronme os rostros riseiros desa xente sinxela, hospitalaria, que dá o que necesita, todas as familias invítannos a tomar algo, é incrible.

Na misión preséntanse dificultades de diferente índole, que esvaecen cando acollo co corazón desde a proximidade e a sinxeleza, envolvéndome na realidade da xente con aptitude de escoita e respecto. “Un misioneiro da misericordia consola coa forza da compaixón, non xulga, percibe a Xesús vivo con el no medio da tarefa misioneira”, dinos o papa Francisco.

A miña vida como misioneira compároa cun xardín con diversidade de plantas e flores, cada especie é única e ten a súa beleza propia, pero o conxunto de todas dá un aspecto e colorido ao xardín que o embelece e fai atractivo. Isto pasa na misión, unha enriquécese en contacto coas persoas que o Señor pon no seu camiño dando como resultado a beleza da Igrexa. “A miña misión redúcese a anunciar aos pobos que ti, Igrexa, es infinitamente bela e amable e a predicarlles que te amen” (Bto. Francisco Palau)

O director do Instituto Español de Misións Estranxeiras (IEME), José María Rojo, falou da evanxelización en Latinoamérica

j-m-rojo-dialogo-co-publico-copia

 No marco das actividades programadas pola Delegación Diocesana de Misións con motivo do Domund, invitouse ao actual director do Instituto Español de Misións Estranxeiras (IEME), José María Rojo a que falase o día 17 no salón de actos do Seminario da evanxelización en Latinoamérica. José María Rojo comezou presentando o cambio cultural que se nota nas grandes urbes latinoamericanas, produto da mestizaxe, da confrontación entre o global e o local, da omnipresenza da sociedade da información (nalgúns lugares hai acceso a internet pero non hai traída de augas). Outras características son a falta de planificación urbanística, a perda de raíces (sobre todo na 2ª xeración) e o feito de ser varias as fontes de valores (non só a familia).

Debido a que non é o púlpito quen máis xente congrega, faise necesario recorrer a outros medios para evanxelizar: lugares eclesiais aínda que non necesariamente clericais (asociacións…), espazos reivindicativos onde se traballa pola chegada do Reino de Deus, medios de comunicación, movementos eclesiais (Movimiento de Trabajadores Cristianos, Renovación Carismática, Camino Neocatecumenal…).

José María Rojo fixo ver que onde hai máis masa, hai máis soidade e máis persoas que quedan á beira do camiño. Ante isto, a Igrexa, aínda que sexa pouco visible, ten que ser unha Igrexa acolledora.

A Relixión na escola e na Universidade

Foto MarioAcábase o verán e os profesores aproveitan o comezo de curso para encontros de formación permanente que os axuden a fortalecer e renovar a súa práctica docente. Antonte mesmo, festa de Santa Teresa de Jesús, exemplar educadora e sabia doutora, os profesores de Relixión da Diocese, reuníronse no Seminario Diocesano de Lugo para reflexionar en torno a un suxerente tema: “Pedagoxía da misericordia. O corazón ten razóns que a razón non entende”.

A coñecida revista Religión y Escuela, no editorial do seu último número afirma que foi un verán moi duro para os profesores de Relixión. Máis aló da esperpéntica incerteza política e as súas consecuencias na aplicación da LOMCE, algunhas comunidades autónomas diminuíron a carga lectiva da materia co seguinte recorte nas xornadas laborais do profesorado. Moitos alumnos (cos seus pais) e profesores de Relixión non soamente sofren constantes acosos ideolóxicos polo habitual cuestionamento da materia senón tamén polo progresivo deterioro das súas condicións laborais. Cómpre alentar as actuacións dos colectivos diversos (asociacións de profesores e de pais, sindicatos, plataformas culturais, etc.) para restablecer algo que foi normal na nosa democracia e que o é na gran maioría dos países de Europa cunha historia democrática máis antiga cá nosa. É necesario un pacto educativo estable en xeral e especialmente no que respecta á materia ou materias de Relixión.

A modo de exemplo, nos países escandinavos estúdase “Historia do cristianismo e historia das relixións”; nos Países Baixos “Visións da vida”; en Francia “O feito relixioso”; en Suíza “Grandes textos das Relixións”, noutros países “Liberdade relixiosa e dereitos humanos”, “Relixións e crenzas”, etc. O que teñen claro as democracias europeas, en contra dalgúns partidos políticos en España, cargados de fanatismos do pasado e ideoloxizados ata o extremo de querer atentar contra os dereitos dos demais, é que a transmisión relixiosa e o estudo do fenómeno non poden nin deben ser nunca apartados da escola pública. Outra cousa é o consenso en torno ao paradigma educativo, aos nomes e temas, aos programas e métodos. En calquera caso, os pais, os mestres, os profesionais do ensino en xeral, as relixións, e a Igrexa Católica en canto  que maioritaria en España, deben ter moito que dicir. E en calquera dos casos non deberiamos dubidar, por respecto ás liberdades fundamentais, que o saber relixioso na escola segue enchendo de sentido a existencia dos nosos nenos e mozos e ocupando o seu espazo e o seu lugar significativo na formación integral dos alumnos. Oxalá que poida chegarse a un acordo, máis aló das ideoloxías de partido, con certa estabilidade e coa garantía do futuro dun novo paradigma para o ensino da Relixión na escola e na Universidade.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

Conferencia sobre a misión nas grandes cidades latinoamericanas

conferencia-domund-copia

O 17 de outubro ás 20 horas no Seminario Diocesano o misioneiro en Perú José María Rojo falará sobre a misión nas grandes urbes latinoamericanas, nun acto organizado  pola Delegación Diocesana de Misións que se enmarca na campaña do Domund 2016.

José María Rojo García naceu en Villeza de las Matas (León) en 1946. Estudou nos seminarios de León e do IEME en Burgos e foi ordenado sacerdote o 6 de abril de 1975. Viviu máis de 30 anos como misioneIro en distintos lugares de Perú, onde caeu “por accidente” pois toda a súa preparación (durante catro anos) fora para ir a áfrica, onde nunca chegou a estar. O seu primeiro destino foi Huacho Chimbote (Perú). Tamén estivo en Juliaca e Ica. Na Diocese de Lurín-Lima Sur foi responsable da Comisión de Comunicación diocesana, trala súa graduación na U. Javeriana de Bogotá. En España formou parte do equipo de Animación Misioneira e actualmente está en Madrid como Director Xeral do Instituto Español de Misións Estranxeiras (IEME) para o período 2013-2018. Dentro do seu labor evanxelizador, José Mª Rojo é un loitador nato polos dereitos dos máis desfavorecidos.

A %d blogueros les gusta esto: