Eucaristía de inicio de Curso Pastoral

inauguracion-curso-pastoral-catedral-2-copia

 O luns 3 de outubro ás 20 h quedou inaugurado o Curso Pastoral 2016 – 2017 cunha Eucaristía presidida polo señor Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco na S. I. Catedral. Participaron vicarios e delegados, persoas consagradas, catequistas, profesores de relixión, membros de Cáritas, de movementos… en representación de toda a Diocese.

 Na súa homilía, o señor Bispo agradeceu o labor que realizan todos e invitou a pedir “ao Señor que manteña  esperto e vivo o noso corazón. Estará así se acertamos co desafío que van significar as persoas e as tarefas que temos encomendadas. Como o bo samaritano tamén nós debemos mirar as persoas, as tarefas, os desafíos, como unha ocasión que Deus nos dá. Seremos felices se florece no noso corazón o amor ao próximo… que é a clave en case todos os programas”.

Grupo “Xuntas” de apoio a nais traballadoras

grupo-juntas-copia O Grupo “Xuntas” é un grupo de apoio para nais traballadoras, cun fillo/a menor en idade escolar e con pouca ou ningunha axuda da familia. As reunións son o 1º e o 3º xoves de 19.30 a 20.30h a partir do 6 de outubro no Colexio Maristas de Lugo (Avda. Alcalde Anxo López Perez, 2 Lugo). Ás participantes, que poden deixar o grupo en calquera momento, ofréceselles acollida e apoio mutuo, escoita, crecemento persoal, un banco de tempo, propostas de lecer conxunto, apoio do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo (gabinete psicolóxico, cursos, avogados…). Responsables do grupo son Martiño Rodríguez (Psicólogo, Director do COF Diocesano) e Teresa Botana (Relixiosa, Serva de San Xosé).

Inauguración do Curso Pastoral

curso-pastoral-copiar

 A inauguración do Curso Pastoral é o luns 3 de outubro ás 20 h cunha Eucaristía presidida polo señor Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco na S. I. Catedral.

 Para este Curso, proponse de novo insistente e conscientemente a fe como un camiño de vida. E préstase unha particular atención ao matrimonio, pois nel maniféstase de xeito principal o significado da fe para a vida. Por outra parte, durante este Curso outros lugares da Diocese sumaránse ao camiño xa proposto de dar forma a lugares ou centros de referencia -interparroquiais- máis centrais ou axeitados para que os fieis poidan acudir á Santa Misa co seu sacerdote todos os domingos.

[Ver texto completo das Líneas de acción pastoral para el curso 2016-17]

Pobre San Froilán!

oracion-a-san-froilan

 Antes de nada dicir que con este título non me estou referindo ás festas de san Froilán, senón ao noso santo lucense máis coñecido ou, polo menos, máis nomeado, aínda que hai outros.

 Molesteime en ler o programa enteiro das festas que organiza o Concello de Lugo. Máis de 200 actividades. Malia ser a festa dun santo, só hai unha actividade dedicada propiamente a el, e non creo que vaia a ser a máis concorrida: a ofrenda a san Froilán na Catedral o día 5 ás 12. Xa nin se usan as palabras “misa” ou “eucaristía”, non vaia a ser que alguén se moleste porque o considere un atentado contra o laicismo, como xa pasou nalgún sitio por dedicarlle un “viva” ao santo nas súas festas patronais. Pobre san Froilán!

 A novena na parroquia da que é titular e a Misa solemne do propio día parece que non reúnen as condicións para compartir un pequeno espazo nun tan grande programa de actos. Pero nós estamos celebrando con toda a solemnidade da que somos capaces ao noso santo paisano e protector. Ademais, na nosa parroquia, a de San Froilán, rezamos todos os días a súa oración. Nela pedímoslle ao Señor, por intercesión de san Froilán, que se lembre dos nenos, os mozos, os maiores e de todos os fogares.

 Cada vez vivimos nun mundo máis incoherente. Laicismo por unha banda, pero por outro aproveitámonos do tirón dos santos, aínda que só sexa para facer deles unha marca comercial que encabece un cartel dunhas festas e veña o maior número posible de persoas que deixen uns euros na nosa cidade. Pobre san Froilán!

Se preguntamos ao que o sabe todo, a Google, por san Froilán, diranos que en máis de 230.000 sitios fálase del. Se no mesmo buscador queremos ver imaxes,atopámonos cunha gran cantidade e variedade, pero só unha (si, só unha) da Misa do patrono na Catedral. Pobre san Froilán!

 Supoño que moitos ao oír nomear a san Froilán a imaxe que se lles vén á cabeza é a do polbo. Menos mal que se puideron arranxar as cousas a última hora, porque moitos xa pensaron que, se non había polbo este ano, xa non se podería celebrar ao santo. Pobre san Froilán!

 Falar de san Froilán é falar dun lucense que intentou vivir ao estilo de Xesucristo dun modo radical. Para iso deixa a súa casa paterna para vivir como ermitán nas montañas do Cebreiro e o Bierzo. Máis tarde, séntese impulsado por Deus a abandonar o seu retiro para dedicarse de maneira total á predicación do Evanxeo nas comarcas de Galicia e León, que será cando se produza o lendario episodio do lobo.

 Falar de san Froilán na época actual é unha chamada a repensar o noso estilo de vida e decatarnos de que hoxe a chamada á santidade é tan actual como no tempo de san Froilán. Non é unha vergonza nin un exceso de orgullo querer ser santos. Para ser santos, máis ben, necesítase unha gran dose de humildade para recoñecer que estamos necesitados da misericordia de Deus.

 Termino coas palabras do Prefacio I da Misa dos santos. Creo que resume ben cal é a misión dos santos e como debemos achegarnos a eles:

“En verdade é xusto darche grazas / e deber o noso glorificarte, / Pai Santo, / porque manifestas a túa gloria / na asemblea dos santos, / e, ao coroar os seus méritos, / coroas a túa propia obra. / Ti ofrécesnos o exemplo da súa vida / a axuda da súa intercesión / e a participación no seu destino, / para que, animados pola súa presenza alentadora, / loitemos sen desfalecer na carreira / e alcancemos, como eles, / a coroa de gloria que non murcha, / por Cristo, Señor noso”.

Viva san Froilán!

Miguel Angel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Apertura de Curso no Seminario e no Instituto Teolóxico Lucense

eucaristia-votiva-do-espirito-santo-3

O venres 30 de setembro tivo lugar a apertura solemne do Curso Académico 2016-2017 do Seminario Diocesano e do Instituto Teolóxico Lucense. Estiveron presentes autoridades civís e eclesiásticas; entre estas, o Bispo de Mondoñedo-Ferrol, Luis Angel de las Heras. Os actos foron os seguintes:

  • Eucaristía Votiva do Espírito Santo

    Presidiu o Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco

  • Actos académicos

    – Lectura da Memoria do Curso 2015-2016

    – Apertura do Curso, polo Sr. Bispo

    – Lección inaugural: Costumes e tradicións populares nas Illas Británicas, pola profesora Dª Ana Puente

  •  Brinde polo novo curso

Na Sala de Exposicións central do Seminario inaugurouse a exposición bibliográfica Volumen in Folio, con exemplares da Biblioteca de tema relixioso, xurídico e cultural do século XVI e posteriores. Esta exposición poderá verse todo o mes de outubro.

O Seminario Menor acolle para a súa formación este curso a 46 seminaristas, distribuídos nos catro cursos da ESO e os dous cursos de BAC. Desde fai uns anos cursan estudos neste Seminario alumnos procedentes da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, este curso son oito no Seminario Menor.

No Seminario Maior fórmanse catro seminaristas diocesanos e un pertencente á Diocese de Mondoñedo-Ferrol; aos que se engade outro seminarista que concluíu a súa formación académica e que está na súa etapa de pastoral.

Como novidade, neste curso incorpóranse como alumnos ao Instituto Teolóxico Lucense seis seminaristas do Seminario Misioneiro Redemptoris Mater (pertencente ao Camiño Neocatecumenal).

A %d blogueros les gusta esto: