O Libro dos libros

Mario Vázquez Carballo

 Na maioría das revistas de divulgación, incluídas tamén as do corazón, aconséllase ler, aproveitando o tempo de lecer do verán, e encómianse as grandes virtudes da lectura para unha boa formación e o crecemento persoal. Totalmente de acordo. Creo que ninguén dubida da importancia do hábito de ler pero tamén é certo que iso require un esforzo e é preciso recibir unha recompensa. Aínda que é verdade que se le para aprender e instruírse, para crecer e contrastar outras formas de pensar, para afirmar a propia personalidade e informarse, tamén é certo que ler axuda a pasar un bo intre, educa o pensamento, relaxa tensións e fomenta a meditación. Divulgouse a celebración dos 400 anos do Quixote e a conmemoración da morte do seu autor, Miguel de Cervantes Saavedra, o 23 de abril de 1616. Tamén de acordo.

 Pero chama a atención o pouco que se fala e escribe sobre “o Libro dos libros”, o primeiro dos libros, o Gran Libro. Por iso, creo que convén lembrar que, con motivo da exposición sobre a imprenta no Museo Británico (1962) publicouse un volume que leva por título: Libros que cambiaron o mundo (München, 1968). Os dous primeiros que se citan baixo o epígrafe: “No principio era a Palabra”, son a edición da Biblia en latín, impreso por Juan Gutenberg en Maguncia (1455), e a edición en alemán impresa por J. Mentelin en Estrasburgo (1566). Seguen logo as edicións da Biblia en Praga (1468) e a valenciana (1478).

 Desde a Igrexa Católica e desde a Teoloxía, a Biblia foi recuperada xa a comezos do século pasado e posta no lugar de honra que lle corresponde; foi estudada na Igrexa e en España, dun modo particular, como nunca o foi na súa historia anterior; o Concilio Vaticano II, favoreceu de modo eminente o seu coñecemento, lectura e difusión; a mesma Conferencia Episcopal Española, logo de 20 anos de traballo e investigación bíblica implicando aos mellores expertos, publicou a súa propia versión e edición (ano 2010) presentada no Palacio de Congresos da Castellana en Madrid na clausura dun excelente Congreso sobre a Palabra de Deus.

 Aínda que é verdade que o século XX trouxo o problema da Biblia (crítica bíblica, modernismo, liberalismo protestante), tamén o é que trouxo grandes solucións bíblicas, divulgándoa, dándoa a coñecer, creando sociedades bíblicas e movementos (en Lugo o Movemento Bíblico impulsado por J. Antonio González, contribuíu enormemente a estas tarefas divulgativas), e converténdose así para todos os cristiáns en fonte de vida e fundamento de unidade. A Biblia é hoxe, xunto coa Eucaristía, a que conforma a dobre mesa eclesial onde se parte e reparte a Palabra de Deus. As mesas do Pan e da Palabra encárnanse así na nosa propia historia, nas nosas terras, no noso ser e nas nosas intelixencias.

Co Concilio Vaticano II, quero invitar á lectura desta gran xoia da literatura universal, porque ela é “a alma da teoloxía” e fonte primordial do coñecemento de Cristo. Recentemente, o descubrimento dos papiros do Novo Testamento e dos manuscritos de Qumrán, reavivaron os estudos bíblicos e son un novo estímulo para a procura da verdade.

Mario Vázquez Carballo

Festas da Milagrosa

Festa Milagrosa igrexa wp 2

 O venres 2 de setembro inícianse as festas na parroquia lucense da Milagrosa co pregón a cargo do párroco José Antonio Ferreiro Varela ás 20:30h.

 O domingo 4 ás 12 h será a Misa Solemne e trala súa finalización, o acto “Flores para a Virxe”, procesión polas rúas próximas á igrexa, ofrecéndolle á imaxe da Virxe Milagrosa flores brancas.

 Coincidindo con estas festas, nos locais da igrexa está aberto un mercado solidario.

Por qué estudarán Filosofía os curas?

anton_negroOs curas loxicamente se entende que son crentes, pois consagran a súa vida ó servizo da Fe. Para eles o máis importante é Xesucristo, por quen hai que gastar a vida ata sufrir o martirio. Entón, por qué a Igrexa Católica lles fai estudar Filosofía para ser curas? O normal é ver nos ministros doutras relixións que só estuden os temas da súa Relixión e Fe.

A Igrexa Católica pon nos plans de formación dos cregos dous ou tres anos de estudo da Filosofía, e tamén das chamadas Ciencias Humanas, e iso antes de estudar Teoloxía! Nunha institución con tanta historia iso non pode deberse a unha casualidade, senón que debe ser algo moi reflexionado.

A Igrexa di de si mesma que é experta en humanidade, terá algo de razón? Un periodista escribía sobre o poder nas institucións sociais civís e afirmaba que terían que aprender dunha institución SABIA, como a Igrexa, que para un terceiro mandato de presidente da Conferencia Episcopal esixía ó menos 2/3 dos votos, sendo ademais os mandatos curtos, tres anos. Aceptando a posible veracidade disto, que nos quere ensinar a Igrexa coa obriga de que os curas estuden Filosofía antes de Teoloxía?. Entre as diversas ensinanzas, que este feito manifesta, destacaría as seguintes:

  1.  Supón unha valoración da razón como o camiño da persoa para atopar a verdade sobre a natureza e a historia, sobre o home e mesmo sobre Deus. A razón é unha facultade humana a desenvolver.
  2.  Expresa un claro aprecio á Ciencia como desenvolvemento da razón e da capacidade do coñecemento humano, porque somos conscientes de que a ciencia ten que estar ó servizo da humanidade e da humanización, non para deshumanizarnos e facernos máis incivilizados. Por iso é normal atopar entre os científicos de recoñecido prestixio a curas católicos. Só sinalo o exemplo dun cura que estudou no Seminario de Lugo, a quen fai 5 anos se lle dedicou o Ano das Ciencias de Galicia e déuselle o seu nome a un museo e mesmo a un cráter lunar!.
  3.  Aposta polo diálogo coa cultura e coa sociedade de cada tempo, e en especial un diálogo cos pensadores da época. Xa S. Paulo nos discursos ós pagáns, que relata o libro dos Feitos, cita a pensadores e poetas do mundo helenista. Frecuentemente vemos mediando en conflitos a personalidades da Igrexa (non foi unha excepción a mediación para as relacións entre Cuba e Estados Unidos).
  4.  Manifesta un claro rexeitamento de todo tipo de fundamentalismo, aínda que sexa baseado no libro revelado. A Biblia hai que interpretala no contexto da tradición da Igrexa, os xéneros literarios, a crítica textual… A fe hai que facela razoable, porque tense a seguridade de que o é; crese como persoas coas propias facultades intelectuais.
  5.  Implica así mesmo a afirmación da autonomía das realidades temporais. Por iso, aínda que na Unión Europea hai catro estados confesionais, ningún é católico entre outras razóns porque a Igrexa Católica tampouco o quere.
  6.  Expresa tamén unha confianza nas posibilidades da persoa para comprometerse con responsabilidade na procura de alcanzar o ben. Así, mesmo no Catecismo afirmase a primacía da conciencia como norma suprema de moralidade, e mesmo que, quen non obedece á súa conciencia certa, condénase (nº 1790).
  7.  É aceptar a autonomía humana e a súa liberdade para protagonizar a propia vida de xeito persoal e asociado. Deus non nos quere escravos senón libres. Como se repite moitas veces no Maxisterio a Fe “proponse, non se impón”.

Ler máis

Testemuño dunha participante na Xornada Mundial da Xuventude

XMX Facía anos que desexaba ir a unha Xornada Mundial da Mocidade. Ás dúas anteriores non puiden ir, pero ao ver a retransmisión da Xornada de Rio e ao anunciar que a seguinte era en Cracovia, lugar relativamente próximo, propúxenmo. Vivir unha XMX é unha experiencia incrible.

 Nela comprobas que mozos de todo o mundo únense co obxectivo de atoparse con Deus así como mozos que queren cerciorarse de que é verdade que algo pasa, que algo hai para que se reúna tanta mocidade, sobre todo ao vivir na sociedade na que vivimos nós, os mozos. Estás a gusto porque comparten os teus ideais e non che atacan por crer en Deus ou outras cousas relacionadas coa Igrexa.

 A parte disto, tamén me gustou os momentos de oración que tivemos, tanto o propio da XMX como outros que fixemos, por exemplo en Bochnia. Ser acollidos por familias foi unha experiencia tamén moi bonita porque de primeiras é normal pensar facerse preguntas como: Quen me tocará? ou Saberá inglés? Tamén é moi común dicir que non che gusta ir a casa de descoñecidos. Finalmente todo iso acaba por non importar, pois cóidannos coma se fosemos uns fillos máis. E ante isto, o idioma non é problema, coñecendo as palabras básicas do mesmo, comunicándose con xestos ou nalgunhas familias ata teñen tradutores propios para falar en inglés.

 Non esquecerei frases como a que se dixo por primeira vez, creo que en Dresde: “Non é o teu estilo e sábelo”, ou outras como cando o Papa dixo: “O que se vos deu gratis, devolvédeo gratis”.  É  verdade, porque el mesmo dixo que nós non só somos o futuro da Igrexa, senón o presente; e isto, aínda que é difícil na sociedade na que vivimos, ténsenos que notar.

 Dou grazas a Deus por deixarme vivir esta XMX e por toda a xente coa que me atopei. Como xa dixen antes, vivir algo así é incrible.

Cris

[Texto en castelán e montaxe fotográfica]

Mercado solidario na Parroquia da Milagrosa

Parroquia A MilagrosaBaixo o lema: “Compartir fainos medrar” a Parroquia da Milagrosa organiza un mercado benéfico do 26 de agosto ao 5 de setembro, de 11:30 a 13:00 e de 17:30 a 20:30.

Con esta acción a Parroquia da Milagrosa márcase varios obxectivos:

– Recadar fondos. Todo o ano moitas persoas achéganse á comunidade solicitando axuda material. En setembro as solicitudes aumentan pola proximidade e inmediatez do inicio do curso escolar.

– Promover comportamentos solidarios.

– Vencer a indiferenza. A comunidade cristiá non é, nin nunca pode ser indiferente ante Deus nin ante o próximo.

– Concienciar. Resaltar a importancia da colaboración parroquial para afrontar as carencias da nosa contorna.

– Saír do noso individualismo. O mercado, que se realiza na semana da festa, chámanos á solidariedade, non soamente nesta semana, senón a crear -a través das nosas accións- correntes de solidariedade; espontáneas e comprometidas.

 Ademais da atención semanal no despacho parroquial, están en marcha programas como os seguintes:

Apadriña unha familia. Persoas da nosa comunidade, mediante distintas formas de colaboración, crean unha rede de apoio a familias en situación de necesidade.

Campaña de apoio a nais solteiras. Co préstamo, por Artigos Relixiosos Martínez, dun lampadario provisto dun dispositivo de imaxe, recádanse fondos destinados á axuda económica a mulleres con cargas familiares de todo tipo.

Grupo de Baile. Coa idea de traballar e abrir a Parroquia á xente máis nova, e ofrecer un lugar de lecer máis aló das rúas do barrio.

[Cadro económico da obra social da Parroquia]

A %d blogueros les gusta esto: