A Diocese de Lugo presenta unha listaxe con medio milleiro de pezas singulares que serán catalogadas

Cesar e Bispo, Conselleiro
Asinatura do convenio entre Bispado e Consellería de Cultura a principios deste ano

 

A Diocese de Lugo continúa coas obras do novo Museo Diocesano, que estará dentro da propia Catedral e presentou ante a Consellería de Cultura un primeiro listado de pezas singulares a conservar.

O responsable de Patrimonio Histórico da Diocese de Lugo, César Carnero, explicou que se trata dun primeiro grupo de pezas singulares, entre as que destacan elementos de ourivería, en ouro ou prata; retablos, imaxes e ata pinturas murais. Identificar todas as pezas destacadas que gardan as 1.138 parroquias da Diócese de Lugo levará bastante meses.

 Nestes momentos, os operarios están colocando xa o pavimento sobre o que repousarán as vitrinas. De cumprirse o prazo previsto, o museo abrirá de novo as súas portas ao público no mes de novembro.

Información de Cope Lugo

A catedral de Lugo acolle o acto de primeiro aniversario da Declaración dos Camiños Primitivo e Norte como Patrimonio da Humanidade

D Alfonso Carrasco no 1 aniversario da declaración do Cam primitivo patrimonio da humanidade

O 5 de xullo, primeiro aniversario da Declaración dos Camiños Primitivo e Norte como Patrimonio da Humanidade, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, recibiu na catedral ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez, e ás autoridades civís con motivo da entrega da placa conmemorativa que recoñece á basílica lucense como ben integrante da lista de Patrimonio da Humanidade pola súa vinculación ao Camiño Primitivo.

Tralo descubrimento da placa nunha das naves laterais, os asistentes trasladáronse ao claustro da catedral onde o Bispo de Lugo, agradeceu a todos o seu traballo para facer posible este recoñecemento da UNESCO que supón unha honra para cantos viven ao longo do Camiño de Santiago, lugar singular e punto de encontro e experiencia de diálogo para peregrinos e lugareños. Na súa intervención de benvida o bispo de Lugo sinalou a importancia da axuda e a colaboración mutua entre todos para seguir mantendo o Camiño como unha auténtica realidade viva.

Traballar en rede na pastoral familiar

PastoralFamiliarO maior nivel de intelixencia non depende só de posuír un maior número de neuronas senón do incremento das conexións sinápticas. De igual modo, a maior intelixencia apostólica depende, sobre todo, da capacidade dos cristiáns para traballar en rede. No ámbito da pastoral familiar faise presente a necesidade do networking, do traballo en rede, e non só por economía de forzas, senón porque os católicos somos xeneticamente comunitarios. Para atender ás familias e aos matrimonios, potenciando as súas riquezas e acompañando as súas fraxilidades, necesitamos unir forzas. Por iso, a pastoral familiar á que nos invitan a Familiaris consortio e a Amoris laetitia esixen a colaboración interdiocesana, a sinerxia entre dioceses, movementos e asociacións laicais. A comuñón: criterio de eclesialidade e conditio sine qua non para a pastoral familiar.

Xosé Manuel Domínguez Prieto
Doutor en Filosofía, director do Instituto de Familia de Ourense

(Artigo publicado orixinariamente en Alfa y Omega, n. 984)

De novo en Lourdes

Borghese Mis días al servicio de María

 “Mírame; estou aquí, volvín. Si, outra vez -a vixésima?, a vixésima primeira?, non o sei, perdín a conta- volvo estar nesta explanada, sentada na primeira ringleira de bancos de ferro esmaltados en branco.

 “Fronte a min, a Gruta coa estatua de María que quixo revelarse aquí como Inmaculada Concepción. Os peregrinos desfilan aos pés da Nai e, absortos na súa conversa con ela, mantéñense o máis cerca posible da parede rocosa, acaríñana con dozura, case a bican buscando un contacto máis profundo e íntimo con aquela que quixo facer desta cova unha das súas máis coñecidas moradas terrenais”.

 Así así comeza o primeiro capítulo da famosa obra de Alessandra Borghese, Lourdes. Os meus días ao servizo de María, (Planeta, Barcelona, 2010). Un libro apaixonante que se le seguido ata o final e froito dunha intensa experiencia de fe da autora. Unha obra recomendable para os que nunca viron a cova do Pireneo. Precisamente porque foi escrita coa intención de que, os lectores, fascinados pola misteriosa historia que a envolve e mediante o testemuño de quen a viviu, sintan o desexo de coñecela.

 De modo semellante ao relato de Borghese poderían comezar a súa historia persoal da rica experiencia de Lourdes, miles de lucenses que este ano durante a semana do 27 de xuño ao 1 de xullo, peregrinaron a Lourdes e celebran os seus 30 anos de peregrinación a tan significativo lugar. “E ti, a trixésima vez? Pois si. E que Deus me conceda moitos máis anos para volver” din moitos dos nosos peregrinos. Que terá Lourdes para que cada ano ao redor de 800 persoas de nosa Diocese queiran volver ao Santuario en peregrinación?

 Lourdes é misterio de fe. Lugar de encontro con miles de peregrinos procedentes de todos os lugares do mundo. Lourdes é fe vivida, compartida e celebrada. Lourdes é a gruta, o rio, o santuario, o pobo, os camiños de Bernadette Soubirous, o viacrucis na montaña, o rosario, a procesión de fachos na noite, os Pireneos franceses, o encontro coa realidade da dor e do sufrimento vividos desde a esperanza cristiá, o sorriso dos enfermos, o testemuño dos coidadores, os cantos, a alegría que se espalla por todos os recunchos da explanada, a diversidade, as cores das bandeiras… pero Lourdes é sobre todo, misterio de humildade e de sinxeleza, inmersión nas piscinas de auga fresca como símbolo de conversión, reconciliación e misericordia, novidade de Graza e Amor de infinitude que sempre se renova.

 Vólvese a Lourdes porque un non quere afacerse á novidade do misterio e da graza, da caridade que crece nunha complicidade fraterna que nace da amizade mutua.

 Noraboa á Hospitalidade de Lourdes polos seus 30 anos organizando as peregrinacións da Diocese de Lugo. Grazas aos responsables da Hospitalidade por tanto esforzo desinteresado, e dun modo moi especial a D. José Lebón e a Carmela, incansables organizadores e animadores que inxectaron nos peregrinos de Lugo o efecto Lourdes, sabedores de que os que experimentaron unha conversión e foron tocados polo Misterio de Lourdes volven transformados. De novo, os peregrinos de Lugo, uníronse con gozo aos máis de seis millóns de peregrinos que chegan a Lourdes cada ano.

Mario Vázquez Carballo

A comuñón interdiocesana

 

familia

Desde fai máis de 20 anos oín a xente queixarse de que na Igrexa somos poucos, que cada vez hai menos persoas dedicadas á pastoral, son máis maiores… Certamente é así. En concreto, no campo da pastoral familiar (PF), os retos actuais fan inviable permanecer no modelo co que se traballou ata agora. Polo menos… se desexamos dar unha resposta real e significativa. Cómpre  emprender novos camiños. E creo que un é o da comuñón interdiocesana.

A maioría das dioceses españolas non contan xa cos recursos humanos e/ou económicos que serían necesarios para afrontar as esixencias actuais ante as que nos coloca a PF. Atreveríame a dicir que este é o caso dun 80 ou 85 % das dioceses. Soas, illadas, traballando como illas -malia que non o son-, non poden afrontar estes retos. Quizais estean conseguindo, con sorte, afrontar algún ou algúns deles; pero a PF non pode axudar ás familias se está compartimentalizada. Na PF non é posible axudar aos noivos se non se axuda ás familias; ou axudar aos fillos sen axudar aos pais. Non nos consolemos con parches. Xa non funcionan. As familias merecen máis. Necesitan máis. Unindo os recursos económicos e especialmente ás persoas coas que conta cada diocese -traballando unidos-, buscando xerar proxectos conxuntos, compartir recursos, apoiarse mutuamente… abriremos un novo camiño con novas posibilidades.

Por exemplo, se unha zona conta cun bo perito-psicólogo, este podería colaborar con varios tribunais eclesiásticos que non teñan moitas causas. Os COF de dioceses próximas poderían compartir algúns profesionais que se desprazasen unha vez á semana a outro COF, e mellorar así a atención ás familias. A organización dunha xornada de formación en PF, cun relator excepcional, ben organizada e suscitada con ilusión, podería facerse coordinadamente entre cidades ou dioceses veciñas, facilitando que todos se sintan invitados -en particular as familias- e xerando unha asemblea máis enriquecedora e ampla. A PF hoxe necesita persoas dedicadas a tempo completo e específicamente formadas en determinados campos; quizais non é posible afrontar este reto en solitario pero si coa unión varias dioceses.

Fai unhas semanas, María Álvarez de las Asturias publicaba no seu blog, na web de Alfa y Omega, unha entrada titulada “Unificar a Pastoral Familiar”. Nela apuntaba a necesidade de buscar unha maior comuñón e coordinación intradiocesana. Non podo estar máis de acordo con ela. A comuñón intradiocesana é imprescindible. Soamente sendo familia poderemos axudar ás familias. Pero o que desexo suscitar aquí é que a comuñón intradiocesana é unha meta necesaria pero non suficiente. Quizais o fose no pasado, aínda que supuxese unha redución de horizontes. Actualmente, suscitar a PF coma se cada diocese fose unha illa, autónoma, independente… supoñerá para o 80 % das dioceses verse abocadas a un progresivo declive. Pola contra, creo sinceramente que abandonar esta posición autosuficiente podería supoñer un novo camiño cheo de grandes e fermosos froitos. Porque os retos da PF hoxe só poden afrontarse se as dioceses empezan a tomar, con determinación e valentía, decisións de gran calibre. E a enerxía e claridade necesarias para dar certos pasos só é posible atopalas no seo da confianza que xera a comuñón.

Martiño Rodríguez González

Doutor en Psicoloxía, director do COF diocesano de Lugo

(Artigo publicado orixinariamente en Alfa y Omega, n. 984)

A %d blogueros les gusta esto: