Concerto benéfico organizado por Mans Unidas Lugo

5 MAIO DÍA 22 CONCERTO MANS UNIDAS - copia

O vindeiro domingo día 22 de maio de 2016, ás oito da tarde, no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, celebrarase un concerto benéfico. Actuarán a Banda Municipal de Lugo, dirixida por Rosendo Ivorra Jover, e o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Manuel Fernández Mosquera.

As entradas poden adquirirse no local de Mans Unidas (rúa da Cruz, 1 B, 1º9 de 11 a 13 horas, teléfono 982 25 55 67; ou no propio Círculo das Artes desde unha hora antes do concerto. Todo o diñeiro recaudado cos 5 euros de donativo que custa cada unha, será destinado aos dous proxectos que a Delegación de Mans Unidas Lugo financia este ano en Honduras e Zambia.

Viaxe-peregrinación da Parroquia de San Froilán a Andalucía

Peregrinac a Sevilla Parroq S Froilán

Todo foi segundo o previsto. Non houbo novidades e iso é o principal. Pasamos bastante calor, pero menos do habitual. Está claro que aquilo é outra cousa. Cada un dos 53 que fomos seguro que destacaría unha cousa de todo o que vimos e vivimos.

Persoalmente, quédome coa sensación que un percibe ao entrar na capela das Irmás da Cruz e facer un intre de oración con elas ante as tumbas das súas grandes santas, Ángela de la Cruz e María de la Purísima. Algúns tamén puidemos ver a capela da casa de Huelva.

Pero quizais o máis importante deste tipo de viaxes é a irmandade que se crea entre os membros do grupo. Esta mesma experiencia xa a tiven noutras ocasións. Cinco días de convivencia nun lugar distinto ao habitual fai que se fortalezan os lazos dunha amizade fraterna, que non sempre podemos coidar na vida cotiá.

Tamén foi todo un descubrimento, e nunca mellor dito, Huelva e La Rábida, co mosteiro e os seus xardíns.

É de agradecer a boa disposición e colaboración de todos para que tivesemos uns días de relax, pero tamén de convivencia e de aproveitamento espiritual malia os imprevistos e cambios de última hora.

O balance final é moi bo. Isto anima a repetir a experiencia para o próximo ano e comezar a pensar desde hoxe nun novo destino.

Miguel Ángel Álvarez

Ler máis

Presentación dun novo número de Lvcensia

Presentación de Lvcensia

O 18 de maio  na Aula Magna do Seminario presentouse do nº 52 da revista Lvcensia. O acto estivo presidido polo señor bispo D. Alfonso Carrasco Rouco.

O profesor Miguel Leiva falou sobre os drons: usos, lexislación…  e informou sobre o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas: que tipos de drons se fan (para vixilancia), quen os fai (INTA, Indra e Inaer), con canto diñeiro (máis de 100 millóns de euros) e os postos de traballo que se crearían (10o directos).

Miguel Leiva tamén sinalou a problemática que hai arredor dos drons: os de tipo militar poden levar cabezas nucleares e en EEUU están preparando un dron que el mesmo decidiría cando disparar.

O novo número Lvcensia chama a atención sobre o Camiño Primitivo a Santiago. Outro tema de estudo corresponde a unha sepultura antropomorfa do monte de Cartimil (Ventosa, Agolada). Ademais, preséntase unha nova entrega de hidrónimos prelatinos, neste caso referentes ao curso alto e medio do río Ulla. Inclúense biografías do xeneral John Ryan no seu paso por Lugo, Avelino Díaz Díaz, chamado “o poeta de Meira” ou Xoaquín Díaz Villar emigrante e benefactor de Valadouro.
Destaca o artigo sobre o culto ao Santísimo Sacramento na catedral de Lugo con datos referentes aos últimos cinco séculos que mostran a vida relixiosa na cidade. Relacionado coa catedral fálase tamén dos seus mestres de capela. Este número recolle ademais unha crónica sobre as Xornadas de Teoloxía en Lugo.
A biblioteca do Seminario dá a coñecer a colección de patroloxía grega e latina de Migne.
Pecha este número un artigo sobre as vodas de ouro do Colexio da Asunción de Sarria, resaltando a importancia que tivo para esta comarca o establecemento das relixiosas nesta localidade.

Parroquia A Milagrosa, 70 anos de historia viva

celebración A Milagrosa
Momento da celebración dos 70 anos da igrexa da Milagrosa o pasado 14 de maio

 

Con agradecemento camiñamos na fe. Con esta afirmación poderiamos resumir os 70 anos de historia, desde que se colocou a primeira pedra da igrexa da Milagrosa, casa da comunidade cristiá. A súa actividade articúlase en torno a tres polos:

  1. oración – celebración
  2. catequese – evanxelización
  3. caridade – obra social

 Pero é unha casa de portas abertas a grupos e persoas do barrio, e mesmo da cidade que utilizan os seus espazos.

A través da Parroquia de A Milagrosa esténdese e irrádiase o labor da Igrexa Católica, mestra en humanidade. E así a comunidade cristiá axuda a moitas persoas con graves problemas económicos, sociais e afectivo. A comunidade intentou e intenta por o seu grao de area para soster na súa dignidade as persoas vítimas da inxustiza xeneralizada e da crise económica que sofre a xente.

Este edificio, que cumpre 70 anos, é signo visible da Igrexa como comunidade de fe. O labor desta Igrexa faise a través das diversas comunidades cristiás, que traballan non só para vivir e celebrar a súa propia fe, senón tamén en beneficio de toda a sociedade, na procura do ben común e da xustiza. Traballa coa súa propia contribución na esfera ética e moral, coa actividade libre dos propios cristiáns, e con infinidade de tarefas, especialmente sociais e caritativas.

Para esta Igrexa e a comunidade que a sustenta, o ben común nace e está motivado pola esperanza que provén da obra salvadora de Xesucristo. Nestes 70 anos moitas persoas fixeron da Parroquia de A Milagrosa un espazo de portas abertas e colaboraron para que a obra de amor de Deus chegue e axude a tódalas persoas nas distintas situación que se atopen na súa vida. (Texto extraído do folleto publicado para conmemorar os 70 anos de historia).

Xubileo de asociacións, movementos e confrarías

Xubileo de leigos

O domingo 15 de maio, solemnidade de Pentecoste, celebrouse o Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar. Con ese motivo organizouse o xubileo de movementos, asociacións e confrarías. Na peregrinación ata a Catedral, para entrar nela pola Porta da Misericordia, fíxose levando os respectivos estandartes os representantes das confrarías de Semana Santa de Lugo e de movementos. Ás 13h foi a Misa de Pentecoste presidida polo ser Bispo.

As próximas peregrinacións á Catedral para gañar o xubileo da misericordia son o día 17 de maio (parroquias de Monforte e Melide) e o día 21 (parroquias de Lalín e Silleda).

xubileo leigos peregrinación

A %d blogueros les gusta esto: