II Concurso de Poesía Eucarística

LEC_certame_poesía_cartel16

O 5 de maio finaliza o prazo para presentar as obras ao II Certame Literario de Poesía Eucarística que convoca o Centro Eucarístico Lucense.
Pódense presentar escritos poéticos que constitúan un único poema ou varios cunha extensión máxima de 300 versos, en castelán ou en galego.
As obras poderanse entregar en persoa ou enviarse por correo ao Centro Eucarístico Lucense, Praza de Santa María 1, 27001 Lugo.

Premios:
Categoría adultos (maiores de 18 anos).
1º Premio: 600 € e a publicación da obra
2º Premio: 350 € e a publicación da obra

En cada unha das outras dúas categorías, xuvenil (ata 18 anos) e infantil (ata 15 anos).
1º Premio: 350 € en material escolar ou libros e a publicación da obra
2º Premio: 250 € en material escolar ou libros e a publicación da obra

Máis información

O Centro Eucarístico Lucense tamén convocou un Concurso de fotografía

Concerto benéfico de Noemí Mazoy

Concerto de Noemi Mazoy

O sábado 30 de abril na igrexa San Antonio de Padua (Lugo) ás 20:30h a soprano Noemí Mazoy deu un concerto, no que estivo acompañada por Valery Zviarzhevich ao acordeonista, Paula Rancaño ao violonchelo, Saúl Mazoy á percusión e Gerardo Castedo á guitarra. Tratábase dun concerto solidario, pois estivo organizado pola Pastoral Penal da Diocese e a Asociación Concepción Arenal, que preparan unha nova casa de acollida para presos en situación de permiso, excarcelados e para as familias que os visitan na prisión.

Ninguén sen traballo e sen nai. Día do traballo, día da nai, mes das flores

Este domingo celebramos o VI domingo de Pascua, pero tamén o día do traballo por ser o 1 de maio; e o día da nai porque é o primeiro domingo deste mes.

Cristo fai novas todas as cousas, por iso a Igrexa “bautiza” o día de traballo coa memoria de San Xosé obreiro, o carpinteiro de Nazaret. Xosé axudou á Virxe María a criar e educar a Xesús, coma se fose o seu auténtico pai. A Igrexa dedica a María o mes de maio ou mes das flores, por iso en España celebramos o primeiro domingo deste mes o día da nai.

Ninguén sen traballo e sen nai. O traballo é necesario para vivir dignamente e para axudar á estabilidade das relacións familiares. Ademais, traballo, polo menos para os crentes, é tamén ocasión para colaborar coa obra creadora de Deus.

O papa Francisco na exhortación apostólica Amoris Laetitia, denuncia a ausencia de traballo, ou a indignidade de moitos empregos, que ás veces causan feridas dolorosas no seo das familias.

Ter un traballo que permita vivir dignamente é unha das principais preocupacións dos españois. Os gobernos de todas as administracións falan continuamente de políticas de emprego. Quizais non estaba de máis que todos lembrásemos aquel primeiro de maio da historia, cando, despois de moito esforzo, conseguiuse a xornada laboral de 8 horas e o poder descansar outras 8, aínda que se lles quedou polo camiño unha última reivindicación tamén fundamental: 8 horas de “cultivo persoal” que non conseguiron sacar a adiante polos intereses pouco xenerosos dalgúns. Na miña opinión, aínda estamos suspensos en todo o que implica este “cultivo persoal” que reclamaban os nosos antepasados non tan afastados: formación humana e profesional antes, durante e despois da nosa época de traballadores.

E ninguén sen nai. Isto xa non depende de nós. A chamada “lei de vida” ten o seu ritmo. Pero, sexan como sexan as cousas, sempre vai haber unha nai que nunca vai fallar: María, a nai de Xesús. El mesmo entregóunola a todos, cando lle dixo a Xoán, que estaba aos pés da cruz: “aí tes á túa nai” (Xn 19, 26-27). Di tamén o texto evanxélico que “desde aquel día o discípulo recibiuna na súa casa”.

Tamén na Amoris Laetitia o Papa alza a voz en favor de tantos nenos que son privados das súas nais, inxusta e innecesariamente, en procesos violentos ocasionados por guerras e outros intereses. Tampouco se esquece o Papa dos nenos aos que non se lles deixa nacer nin das nais que teñen que abortar inducidas por terceiros ou porque ninguén lles brinda a axuda material e emocional que necesitan para seguir adiante co embarazo.

Hoxe poño nas mans de María a todas as mulleres que exercen a súa maternidade de distintas formas, a todos os fillos que necesitamos o amor e coidado dunha nai, a todas as nais que están soas e a todas as persoas que foron arrebatadas das mans das súas nais. Que ela, a Nai de Deus, interceda por todos.

Baixo o patrocinio de San Xosé Obreiro poño a todos os traballadores, aos empresarios, aos sindicatos, aos autónomos, aos que non teñen traballo ou teñen que traballar en condicións precarias. Que o carpinteiro de Nazaret interceda para que todos teñamos un traballo que nos permita vivir dignamente e fáganos experimentar a graza de ser colaboradores de Deus no “coidado da casa común” (Laudato Si).

Miguel Ángel Álvarez

Mercado solidario de Mans Unidas

Mercado solidario Mans Unidas - copia

Na rúa San Pedro, 9 de Lugo Mans Unidas abriu un mercado solidario para recadar fondos cos que contribuír aos 2 proxectos que ten asignados. Ata o 21 de maio, permanecerá aberto de luns a venres pola mañá (11-13:30h) e pola tarde (17 – 20:30h) e os sábados pola mañá.

Proxectos

No departamento de Lempira (Honduras) traballarase con 30 mulleres e 30 xoves para incrementar a produción de alimentos e mellorar a nutrición das familias ademais de traballar as condicións de saneamento básico da contorna. Os aspectos concretos sobre os que se traballará son: elaboración de abonos orgánicos, produtos naturais anti-pragas, rescate de cultivos tradicionais, intercambio de sementes, reciclaxe de augas grises… O proxecto enmárcase na promoción da agricultura ecolóxica e a soberanía alimentaria. Mans Unidas Lugo aporta o 94% do custo, destinado a equipos e materiais, persoal, capacitación, funcionamento.

En Sioma, unha poboación ao sur de Zambia, a Diocese de Livingstone fíxose cargo no ano 2000 dun centro de saúde rural que desde a súa construción no ano 1958 non viu posible facer unha reforma profunda. Agora vai poder facerse coa axuda de Mans Unidas Lugo, que achegará o 90 % do custo e o 10% as Irmás de San Francisco, que dirixen e traballan no centro de saúde. Este atende anualmente a 6.100 pacientes e del dependen 14 dispensarios.

En total Mans Unidas Lugo achegará 104.562 euros.

O silencio sobre Deus

Intento atopar referencias concretas sobre Deus nos discursos civís en xeral ou político-sociais en particular. Apenas as encontro. Algunhas, desgraciadamente, aparecen co único desexo de ofender aos crentes e de manipular a linguaxe relixiosa con fins utilitaristas e de poder. É coma se a realidade da existencia europea e española, non tivese nada que ver co relixioso e coa realidade do divino. Nin a antropoloxía, nin a filosofía, nin as referencias bíblicas, nin a cultura, nin a arte, nin a arquitectura, nin a vida cotiá, nin a boa educación, parecen ter nada que ver con Deus para moitos dos nosos contemporáneos. Ás veces dá a impresión de que retornan aqueles emperadores implacables e furibundos que, molestos pola existencia de Alguén que lles transcende, rebélanse contra os que temos a graza de crer, co fin de inxectarnos a súa “insoportable levidade do ser“.

Con todo, a fe nun Deus bo e misericordioso, liberador e sanador, segue viva en Europa, malia eles. Porque Deus está na raíz e no límite de moitas xentes de ben que traballan por un mundo mellor. A presenza do Papa en Lesbos, illa convertida agora nun campo de concentración de refuxiados que foxen da guerra, molesta aos poderosos, porque se atreve a berrarlle ao mundo que outra Europa é posible. Algúns recoñeceron que este Papa é a “conciencia de Europa“, dunha Europa que renuncia progresivamente aos principios de solidariedade e de respecto ao ser humano. Dunha Europa que fai tempo comezou a destruírse a si mesma cando quixo expulsar a Deus da realidade e, con Deus, os seus signos, as súas referencias e os seus inherentes valores éticos. Son ideólogos do poder, políticos desnaturalizados por un ateísmo chapuceiro que soamente ven inconvenientes e engorrosos problemas onde hai dor, sufrimento e morte. Sufrimentos e guerras causadas por eles mesmos, si, os mesmos que agora gardan silencio e escóndense cando onte saían á rúa e gritaban “non á guerra“. Aínda que é certo que a fe dos cristiáns europeos non poderá resolver os conflitos armados que rexorden desgraciadamente na humanidade, tamén é verdade que si os pode mitigar. E mentres, os cristiáns seguimos afirmando a Deus no mundo e intentando vivir coherentemente co que profesamos, algúns dos nosos líderes políticos din si á cultura da insolidariedade e da morte e non ao ben común, ao diálogo e á colaboración. É que vivimos nun país que deu as costas ás familias e aos máis débiles (a pobreza hérdase, di un informe de Cáritas) mentres se subvenciona a cultura do individualismo, da indiferenza, do hedonismo e da soidade.

Se este Papa “é a conciencia de Europa“ é porque cre en Deus. Nun Deus que salva e compromete. Un Deus cuxa fe nel xera determinadas formas de conduta e de opción polos pobres. E isto é así, porque a súa presenza envólvenos, rodea a existencia humana e o universo, e é punto decisivo de referencia para a comprensión do ser humano e do mundo. Sen esta orientación vital determinante, a desorientación, a perda de identidade e a banalidade, impóñense. Ai Deus! Noso Deus!

Mario Vázquez

A %d blogueros les gusta esto: