Co Amor e a Misericordia de Deus seremos libres

Semana Santa Lugo 2016

Estamos a celebrar o Xubileo extraordinario da Misericordia, convocado polo noso Papa Francisco. As celebracións e procesións, as nosas devocións desta Semana Santa, poden axudarnos a lembrar -ou a descubrir- que a vivencia da misericordia está no centro de toda a nosa existencia cristiá, que non se trata en absoluto de algo só sentimental ou secundario dentro das loitas e tarefas da vida.

O Fillo de Deus entrou na nosa historia, fíxose home, naceu da Virxe María. E, como quen ama ata o final, quixo quedar connosco, chegando ata a cruz e a resurrección, para asegurar a nosa vida, a nosa vitoria sobre o mal, a inxustiza e a morte.

Con Xesús, o Señor, desaparece a escuridade interior, o non saber para que vivir, para que sufrir ou sacrificarse. Desaparece o medo, porque o Seu amor é fiel. El compadécese das nosas miserias e, en primeiro lugar, da nosa infidelidade, da ambigüidade e falsidade do corazón, do pecado cometido; sabe perdoar.

Esta verdade, que celebramos en todos os actos desta Semana, que contemplamos nos nosos pasos e procesións, acompáñanos e sosténnos ao longo do ano, especialmente a través dos sacramentos da reconciliación e da Eucaristía.

Non renegar desta verdade profunda, de Xesucristo, a quen honramos estes días na súa Paixón e Resurrección, é unha opción fundamental que determina a maneira de vivir de cada un. Coñecendo o Amor e a Misericordia de Deus, seremos libres en calquera circunstancia, porque ninguén poderá arrebatarnos ao que é a paz do noso corazón.

E teremos un criterio de xuízo novo e propio, que lembramos especialmente na Semana Santa e que pode transformar o mundo: amar como El nos amou.

+ Alfonso Carrasco Rouco.

Bispo de Lugo

Un grupo de lucenses inicia o 17 de marzo unha peregrinación a Santiago

peregrinos parten de Lugo

Distintas institucións públicas lucenses quixeron estar no punto de saída dunha das primeiras peregrinacións organizadas en grupo desde Lugo a Santiago trala declaración do Camiño Primitivo como patrimonio mundial. Despois de saír da Porta de San Pedro, a primeira parada da alcaldesa da cidade, Lara Méndez, a delegada da Xunta, Raquel Arias, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, o presidente da Deputación, Darío Campos, entre outras autoridades, foi ante a Porta da Misericordia, onde foron recibidos polo deán da Catedral, Mario Vázquez. Dentro do templo, rezouse ante a Virxe dos Ollos Grandes e impartiuse a bendición do peregrino.

En realidade, cada unha das autoridades civís realiza as etapas que mellor lle encaixan coas súas ocupacións, compatibilizando as súas axendas coa peregrinación. A primeira desas etapas é a do día 17 de marzo. Outros peregrinos si completarán os 102 quilómetros para chegar a Santiago o domingo 20.

peregrinos pola Porta da Misericordia

II Concerto coral de Semana Santa na igrexa Santiago A Nova

 

Orfeon Xoan Montes 2

O día 17 de marzo na igrexa Santiago A Nova de Lugo houbo dúas actuacións:

ORFEÓN XOÁN MONTES

Programa:

  1. Sanctus, de Franz Schubert
  2. Eses ollos grandes, de Enrique Alvarellos
  3. Canticorum iubilo, de G.F. Haendel
  4. Panis Angelicus, de Casciotini
  5. Ruinas de un monasterio, de Sthele
  6. Signore delle cime, Giuseppe de Marzi
  7. Oh rostro ensangrentado, de J.S. Bach

Dirixiu: Elisabet Filgueira Gesteira

O CORO DE NENOS DA PARROQUIA DE SANTIAGO “A NOVA”

1. Swing Low, Negro Espiritual

2. Cantos de Taizé:
– De noche iremos
– Ubi Caritas
– Magnificat
3. Jesu dulcis memoria, Gregoriano
4. Amazing Grace, John Newton
5. La saeta, A. Machado- J.M. Serrat

Dirixiu: Luis Varela Castiñeira

Coro nenos A NOva

 

Presentación do libro Titanes contra pobreza, que conmemora os 50 anos de Cáritas de Lugo

Presentación libro Titanes contra pobreza

A Deputación de Lugo acolleu o día 15 a presentación do libro Titanes contra pobreza, co que se conmemoran os 50 anos de Cáritas Diocesana en Lugo.

O autor do libro, José de Cora, explicou que “a obra é como un álbum de fotografías no que se rende homenaxe a todos os implicados nos 50 anos de historia de Cáritas na provincia; e no que se pode apreciar a grandísima evolución no seo da propia organización durante todos estes anos”

O Director de Cáritas, Ginés Plaza, sinalou a importancia desta obra para lembrar “o labor de tantos lucenses: voluntarios, socios, colaboradores e traballadores de Cáritas en apoio aos máis desfavorecidos da sociedade; todos eles foron e son parte fundamental da historia desta institución, así como de Lugo, e así se ve reflectido neste libro”

O Bispo de Lugo, quixo pór en valor a creación de Cáritas un 4 de xuño de 1964, pois foi “a expresión da fe profunda do pobo de Lugo a Xesús Sacramentado presente no altar maior da Catedral. Este libro fala da sinxeleza da nosa Igrexa e de Cáritas que ten acompañado a moitas persoas, atendido moitas necesidades e consolado moitos sufrimentos. Como Igrexa debemos estar no medio do mundo e que a nosa presenza faga posible o encontro, o diálogo e a esperanza, sen aceptar exclusións, divisións ou marxinacións”.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, lembrou o traballo desinteresado de Cáritas na loita contra a pobreza e a exclusión social. Destacou o traballo que nos últimos anos están a desenvolver para axudar e atender ás mulleres que exercen a prostitución ou son vítimas de trata.

Presentación libro Titanes contra pobreza público

Presentación do libro “O Camiño da Cruz”

Presentador e autores de Camiño da Cruz

O 15 de marzo na libraría La Voz de la Verdad presentouse a obra O Camiño da Cruz, de José Antonio González García e Manuel Regueiro Tenreiro.

Segundo Manuel Regueiro, a obra naceu como consecuencia de andar investigando sobre Xosé Filgueira Valverde e a tradución que tamén fixera Pemán do poema de Paul Claudel “Chemin de la Croix”. Curiosamente coincidían Filgueira e Pemán en ser autores que algúns querían enviar ao inferno literario. O que sentiron Manuel Regueiro e José Antonio González ante as traducións foi admiración.

Ademais dos textos literarios, hai outros que teñen como finalidade que o lector se considere un espectador do que pasou hai 2000 anos e que se vexa acompañando a Xesús na súa Paixón. Para José Antonio González foi doado lograr isto, grazas aos seus coñecementos históricos e biblicos.

E unha última parte do libro é unha proposta para celebrar un Via Crucis, con menos formulismos e máis vida.

Presentación Camiño da Cruz publico

A %d blogueros les gusta esto: