“O que estea sen pecado, que tire a primeira pedra”

pedra

Con estas palabras resolve Xesucristo a polémica creada polos escribas e fariseos sobre o castigo que querían aplicar a unha muller adúltera. Din que hai poucas verdades absolutas, esta é, sen dúbida, unha delas: “o que estea sen pecado que tire a primeira pedra (Xn 8, 1-11)”. Así é. Non hai ningún humano sen pecado, ata o máis santo ten pecados. No bautismo quedamos limpos da mancha do pecado orixinal, pero a condición de pecadores acompañarános toda a vida. Aínda así, malia os nosos pecados, somos moi afortunados, pois o único que non ten pecado e que podería tirar a primeira pedra non o vai facer: “Tampouco eu non te condeno. Anda, e desde agora non peques máis”.

Fai poucos días dicía o Papa Francisco: “Se non te ves pecador como vas experimentar a misericordia de Deus?” Só quen se sabe pecador pode experimentar a graza e os beneficios da proximidade de Deus, que é infinitamente misericordioso.

A adúltera do Evanxeo, do mesmo xeito que outros moitos que acudiron a Xesucristo para que os sanasen, sufriu as consecuencias do pecado pero tamén experimentou a comprensión e o amor de Deus. O pecado é condenado, pero a persoa é perdoada, restaurada e promocionada. Xa nada volve ser como antes logo de ser lavados e acariñados polas mans de Xesucristo.

O Ano da Misericordia e a Coresma son unhas boas ocasións para provocar un encontro co Deus de Xesucristo. Moitas veces condiciónannos os prexuízos e os respectos humanos. Cremos que por non pensar nos nosos pecados ou non querer velos xa deixan de existir. Outras veces consolámonos ou distraemos a atención apelando a unha liberdade ou conciencia feita á nosa medida e segundo os nosos criterios. Pero, por moito que tratemos de acalar a voz de Deus que fala á nosa conciencia, antes ou despois, todos sentiremos necesidade do abrazo tenro do Pai que cure as feridas da nosa alma.

Miguel Ángel Álvarez

Peregrinación á Catedral de parroquias de San Clodio, Quiroga e O Courel

Copia de peregrinac á Catedral S Clodio

O domingo 13 de marzo fregueses de San Clodio, Quiroga e O Courel peregrinan á Catedral de Lugo para pasar pola Porta da Misericordia e gañar o xubileo. Ás 12 h terá lugar a recepción na basílica e a Eucaristía presidida polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Están previstas peregrinacións doutras zonas da Diocese en vindeiras semanas.

 Tamén neste Ano da Misericordia haberá xubileos específicos: o 23 de abril de catequistas, entre o 5 e o 15 de maio : operarios e voluntarios da misericordia, educadores, sacerdotes, membros de asociacións, movementos e confrarías. En xuño será o xubileo de enfermos e discapacitados e en outubro haberá un xubileo mariano.

[Ver escrito de Mons. Alfonso Carrasco “Porta da Misericordia”]

O insulto como “obra de arte”

Estes días deu moito que falar o poema titulado “Mare nostra”, máis coñecido como “O nosopai de Barcelona”. Podería sumarme ás palabras do Bispo barcelonés cando lle preguntaron respecto diso: “ás veces é mellor non dicir nada”, pero esta vez non me resistirei. Os cristiáns estamos adestrados para poñer a outra fazula desde o principio, pero os nosos sacrificios deberían de ser por unha boa causa ou polo ben doutras persoas. Con todo, isto non lle dá dereito a ninguén para ofendernos apelando a unha idea equivocada do que é a liberdade de expresión.

Non é a primeira vez que se fai unha composición parodiando o Nosopai, oración que lles ensinou Xesucristo aos apóstolos cando estes dixéronlle que lles ensinase a rezar. Pero nesta ocasión chovía sobre mollado e as abundantes mostras de disconformidade non se fixeron esperar. Os cristiáns mostramos o noso malestar porque se fixo unha burla coa pregaria central dos católicos.

No entanto, a gravidade dese acto, chamado cultural, non vén dada só polo que ten de ofensa contra os sentimentos relixiosos.

Se analizamos esa “composición poética” non vemos nada, polo menos explícitamente, blasfemo, pois non se menciona a Deus. Outra cousa é a intención que puidese ter a autora, pero iso é cousa dela e da súa conciencia.

Aquí a cuestión está en que se nos vende como cultural e artístico unha peza chea de termos vulgares, pronunciados case a berros e cun ton de enfado, malia que lle estaban dando un premio.

Ante este caso e ante outros moitos similares que tamén tivemos que sufrir recentemente, xórdenme algunhas dúbidas:

-Como lles explica agora un profesor aos seus alumnos a importancia de estudar e formarse nas distintas áreas, sobre todo en humanidades? Para compoñer un “painoso” como este non fai falta estudar ata os 23 anos.

-Onde queda o labor de miles de profesores de Lingua Castelá e Literatura ou Lingua Catalá logo de semellante “obra de arte”? Para que esforzarse en coñecer aos clásicos e as súas técnicas? Onde queda a achega da relixión Católica á cultura occidental, incluída a literatura?

Protesto, xa que logo, en contra de que se ofreza iso como cultura e que ademais sexa apoiado polos cargos públicos, os mesmos que teñen que velar por conservar o patrimonio cultural e artístico dun pobo e pola mellor formación integral dos seus nenos e novos.

Para Ada Colau isto é unha “mostra de creatividade”. Non o entendo, como tampouco entendo que haxa que estar ofendendo gratuita e continuamente aos católicos. Todo isto prodúceme moita pena. “É imposible que unha persoa feliz goce ofendendo aos demais”, como dixo o bispo Munilla comentando a noticia de que aumentaran nun 13% os delitos de odio. O 80% non se denuncian.

Miguel Ángel Álvarez

Conferencia-coloquio sobre a experiencia solidaria na fronteira mexicana

Norma Romero 2

O 7 de marzo estiveron en Lugo Norma Romero, portavoz do colectivo “Las Patronas” de Veracruz (México), e o seu fillo Jafet, que deron unha charla co título: UNHA EXPERIENCIA SOLIDARIA NA FRONTEIRA MEXICANA. 

A família de Norma Romero comezou axudando ás persoas que ían no tren que pasaba pola súa localidade sen saber quen eran, só que tiñan necesidade de pan e auga. Posteriormente foron coñecendo aos migrantes, e como escapaban das mafias dos seus países para caer nas mafias que controlan o traxecto. Nestes últimos 21 anos Norma Romero foi superando as dificultades (incomprensións dos veciños, das autoridades) coa axuda da súa fe e duns valores positivos ben asentados.

Norma Romero e Jafet realizan unha xira por España organizada pola Campaña Noviolencia2018. En Lugo estivo organizado o acto por: Taller de Solidariedade, Círculo de Silencio, Delegación de Apostolado Segrar, Delegación de Misións e Caritas Diocesana de Lugo.

[Homilía do Papa Francisco na Misa de Ciudad Juárez]

Exercicios espirituais organizados pola Delegación de Apostolado Segrar

Do venres 11 ao domingo 13 de marzo de 2016, hai exercicios na Casa Diocesana de Lugo, impartidos polo sacerdote salesiano Xavier Blanco. Comezan o venres ás 19h e rematan o domingo 13 de febreiro co xantar.

Exercicios espirituais para segrares

Venres
19 Charla sesión 1
21:30 Cea

Sábado
8:30 Oración
9:30 Almorzo
10 Charla sesión 2
12 Charla sesión 3
14:15 Comida
16:30 Charla sesión 4
18 Café
19 Celebración perdón
21:30 Cea

Domingo
8:30 Oración
9:30 Almorzo
10 Charla sesión 5
12:30 Eucaristía
14:15 Comida

As persoas que non se inscriban con réxime de pensión completa poden quedar a algunha comida ou cea en caso de que o avisen uns días antes.

A %d blogueros les gusta esto: