Día de Hispanoamérica na parroquia lucense de San Francisco Xavier

Día de Hispanoamérica S Fco XAvier 2

Aínda que o propio día da celebración é o 6 de marzo, na nosa Diocese, celebrouse o día de Hispanoamérica odomingo día 28 de febreiro, na parroquia San Francisco Xavier. Houbo unha Eucaristía á que estiveron invitadas todas as persoas e asociacións hispanoamericanas que están asentadas en Lugo. A continuación no salón parroquial houbo exposición de produtos artesanais e gastronómicos.
A Eucaristía estivo presidida polo P. Eduardo Batubenga, sacerdote da República do Congo, que falou de San Francisco Xavier e animou a seguir colaborando coa obra misioneira, pois el é “un produto de obra misioneira”. Sen a colaboración económica desta obra el non podería ser sacerdote.

Nota dos bispos de Galicia ante a solemnidade de San Xosé

Ante a necesidade de fixar claramente o tratamento que dita festa debe ter por parte da comunidade católica, acordamos manter nas dioceses respectivas o carácter festivo deste día.

A persoa e a vida de San Xosé teñen na historia da nosa salvación unha importancia que foi recoñecida sempre pola sagrada Liturxia e as leis canónicas ao propoñer a súa festa como día de precepto (cf. canon 1246). Tradicionalmente o pobo cristián secundou esta norma dando un significativo realce familiar e social á festa do 19 de marzo.

No presente ano de 2016, este día foi declarado laborable na Comunidade Autónoma de Galicia. Ante a necesidade de fixar claramente o tratamento que dita festa debe ter por parte da comunidade católica, os bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago acordamos manter nas diocesis respectivas o carácter festivo deste día.

En consecuencia, e para coñecemento dos fieis, dispoñemos:

1. Manter o 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto, coa obrigación de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil.

2. Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, esposo da Virxe.

3. Pedir, igualmente, aos párrocos e rectores de igrexas que informen aos fieis con antelación destas decisións e acomoden no posible os horarios de misas ás posibilidades e necesidades dos fieis.

4. Ao coincidir a celebración do Día do Seminario coa festividade de San Xosé, a oración e a colecta para o Seminario diocesano serán trasladadas á tarde do sábado, día 12, e ao domingo, día 13 de marzo.

5. Respecto da celebración logo da hora nona do día 18 de marzo, de acordo coas indicacións do Calendario Litúrxico Pastoral da Conferencia Episcopal Española, celebrarase misa vespertina da Solemnidade de San Xosé. Para a misa vespertina do día 19 de marzo utilizarase o formulario do Domingo de Ramos.

Julián, Arcebispo de Santiago.

Luis, Bispo de Tui-Vigo.

Alfonso, Bispo de Lugo.

José Leonardo, Bispo de Ourense.

Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.

Antonio, Administrador diocesano de Mondoñedo-Ferrol.

Aos poucos, paso a paso

cuaresma 5Aos poucos, paso a paso xa estamos chegando á 3ª semana de Coresma. Moitas veces referímonos a este tempo penitencial e de preparación como un camiño que temos que percorrer. Como sempre, o tempo pasa voando e, case sen decatarnos, achegámonos tímidamente á Pascua.

Algúns, quizais moitos, vemos a Coresma como un tempo escuro e tristón, case como o mes de novembro. Estes sentimentos son lexítimos e débense á contemplación das nosas miserias e infidelidades, que a conversión coresmal pon máis de manifesto.

Con todo a luz que ilumina a vida dos cristiáns e do mundo non se apaga nunca, tampouco neste tempo. Unha luz que ilumina a nosa vida para que podamos saír con dignidade da escuridade na que nos some o pecado.

O Fillo de Deus resucitado é esa luz que aluma a escuridade do pecado e da morte. A meta da carreira coresmal é o sepulcro baleiro iluminado pola resurrección de Xesucristo.

Esta meta motívanos para facer este camiño cun ánimo renovado. Non camiñamos cara a ningún lugar. Camiñamos cara á casa do Pai misericordioso que espera aos seus fillos cos brazos abertos para darlles a mellor das herdanzas.

Neste camiño tamén temos momentos de avituallamento. O Papa, na mensaxe para a Coresma deste ano, invítanos a participar nunha xornada de oración e penitencia que el chama “24 horas para o Señor”. Este ano a invitación é máis forte, se cabe. En moitas parroquias e lugares da Diocesis organizarase algo neste sentido. Na parroquia de San Froilán haberá tamén unha vixilia de oración. Será o venres, 4 de marzo, desde as 9 da noite ata as 12.

Miguel Ángel Álvarez

Actos polo 3º aniversario do Centro de Orientación Familar Diocesano

COF diocesano 3 aniversario

O día 23 de febreiro no salón de actos do Seminario Diocesano celebrouse o terceiro aniversario do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo (COF). Os actos comezaron coa presentación da memoria de actividades do COF por parte do seu director Martiño Rodríguez, e do presidente da Fundación COF, Mons. Alfonso Carrasco. Tamén interviron o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e o Xefe territorial de Política Social, Alberto Linares Seguiu unha conferencia do Bispo Auxiliar de Santiago de Compostela, Jesús Fernández: “A familia: fogar da misericordia”. Nela comezou sinalando as sombras nas que vive a institución familiar en diversos aspectos (socioeconómico, educativo, relixioso…) para despois orientar en torno á posibilidade de paliar tales sombras a través da misericordia.

COF diocesano 3 aniversario 3

(As fotos son de Miguel Castaño)

Carta da misioneira Ana López desde Patuka (Honduras)

Patuka

Estes meses en Patuka lembrareinos como un tempo de deserto na miña vida e aprendizaxe, onde sentín zarandeadas demasiadas cousas [….]

As mulleres miskitas de Patuka péñense en último lugar. A ese sufrimento silencioso danlle boas doses de auto resignación [….]

Outra das realidades que me cuestiona e zarandea dun xeito brutal, é decatarme de como vivo cunha serie de luxos, que para min son normais, pero non, para a xente coa que comparto, e canto dependo realmente dos mesmos. Ter luz eléctrica, auga corrente, acceso a internet, comida na despensa, cama, ducha, toallas e sabas, faime alguén moi privilexiado neste pobo. Quizá como sempre tiven esas cousas, para min eran como mínimos que non me facían rica. [….]

Acá que me está tocando de preto acompañar aos enfermos, vexo xente con cancro que o día que ten sorte dispón dun paracetamol, para a dor, xente que vai con todo o esforzo ao hospital máis próximo 4 horas río arriba, e poucos días despois a súa familia tráeo a morrer aquí, para que non sexa tan caro despois, e porque o que ten necesita cirurxía, un hospital de maior categoría na cidade. E unha vez máis vexo certa resignación en todo iso, que por unha banda enfádame un pouco, e por outro supoño que é a única forma de levalo sen volverse tolo.

Supoño que esta estancia no deserto conducirame a descubrirme e desposuírme daquelas cousas que consideraba que me daban seguridade, e aquí vexo que non funcionan ou non existen. E obrígame a buscar esa fenda de luz, para poder dar sentido á nosa presenza misioneira aquí. Creo por sorte que no meu fondo non cabe moita resignación.

Ana López

[Ver carta completa en galego]   [Ver carta completa en castelán]

A %d blogueros les gusta esto: