Campaña de Nadal na parroquia A Milagrosa (Lugo)

As actividades máis reseñables da campaña 2015-2016 son:

– Cea benéfica o venres 11 de decembro ás 20:30 horas no salón parroquial. Antes celébrase a Santa Misa ás 19:30 horas. O donativo que se pide son 10 euros. Aprovéitase esta ocasión para invitar a persoas que atravesan momentos complicados e difíciles, a participar desta comunidade.

– Entrega extraordinaria de alimentos en Nadal. Repártese unha bolsa de alimentos o día 23 de decembro para a celebración do Nadal, que se suma á entrega de alimentos que se fai todos os xoves do ano. A parroquia só recolle alimentos no templo, isto é, non ten puntos de recollida fóra do mencionado.

-Entrega de xoguetes o día 5 de xaneiro pola mañá. Recóllense na parroquia a partir do 23 de decembro.

-Programa Apadriña a unha familia. Búscanse padriños e madriñas que se involucren en crear oportunidades e apoiar familias necesitadas -tanto económica como socialmente- cun compromiso de axuda material e de acompañamento durante un periodo de tempo.

Preparación do Nadal cos nenos na Parroquia de San Antonio, Lugo

As sesións de catecismo do xoves, venres, sábado e domingo (10, 11, 12 e 13 decembro respectivamente) na Parroquia de San Antonio de Padua substitúense por unha celebración conxunta que será o venres día 11 de 17.00 a 19.00 horas.

O grupo Scout Tesela e o equipo de catequistas organizan unha actividade estruturada en diversos puntos distribuídos polas instalacións parroquiais, cada un enfocado a unha tecnoloxía ou propósito diferente. Así os asistentes poderán percorrer todos os postos sen unha orde concreta, tanto se queren ver todos os puntos coma se non, dedicar máis ou menos tempo a un ou outro.

MAXI-TOUCHPAD: Coma se fose unha pantalla táctil xigante, os participantes poderán pintar ou estampar a súa firma, mensaxe… nun mural que logo decorará durante as festas unha parede da parroquia.

POMBA VIRTUAL: Constará dun ordenador con conexión a internet cunha conta de correo creada específicamente, onde poderán escribir un e-mail de felicitación navideña e envialo ao enderezo desexado.

PHOTOCALL: Un espazo ben iluminado e cunha parede de fondo onde cos accesorios fabricados polos nenos do Grupo Scout Tesela faranse fotos divertidas e orixinais para facer postais personalizadas ou para envialas a través de internet.

VIDEOCALL: Para o video posterior aquí recompílanse vídeos persoais, individuais ou grupais onde a xente poida transmitir a súa mensaxe navideña dun xeito divertido e diferente.

CHOCOLATE@CHURROS.COM: Unha mesa onde conseguir un chocolate quente con churros e outros doces e compartir un momento de distensión e charla.

CONFESIONARIO DE ORIENTE: Webcam onde se gravará un video persoal coa carta aos Reis Magos (para que se poidan enviar aos pais correspondentes) ou os teus desexos para estes Nadal.

REPORTEIRO EN LIÑA: Cunha cámara e un micrófono irá gravando, entrevistando á xente e animando o ambiente en xeral.

CLAUSURA E LIPDUB: O encontro finalizará cun pequeno acto na igrexa, onde se verá un pequeno vídeo onde participan distintos grupos da parroquia desexando feliz Nadal a todos os asistentes. Haberá unha sinxela coreografía facendo o reporteiro on-line gravacións previas que fagan o efecto dun gran lipdub.

Esta actividade diríxese a todas as familias da parroquia.

Encontro de Nadal do profesorado de relixión

O 12 de decembro no Gran Hotel Lugo terá lugar o Encontro de Nadal do profesorado de relixión da Diocese de Lugo.

O programa é o seguinte:

Paco Castro Miramontes

  • 10,30 h. Oración

  • 11 h. Francisco J. Castro Miramontes. Vivir a esperanza en tempos de crise

  • 12 h. Descanso-Café

  • 12,30 h. Reflexión. 2ª parte

  • 13,30 h. Informacións varias

  • 14h. Xantar de Irmandade. Homenaxe ós compañeiros/as xubilados

Advento-misericordia Ano Santo

Advento é soñar un mundo novo, advento é soñar a felicidade, advento é soñar unha humanidade nova, unha humanidade en marcha, en busca

Advento é soñar co Neno Xesús, soñar con ese neno que nos trae a alegría de vivir, devólvenos a inocencia perdida e reúnenos a todos no seu berce. Berce de vida, de ilusión, de fraternidade, de perdón, advento é soñar.

Advento é ver a realidade desde os ollos da fe, desde os ollos limpos que loitan por un mundo mellor, un mundo fraterno, un mundo humano onde o divino faise presente na humanidade.

Advento é esforzo dunhas mans por construír unha casa para todos, unhas mans abertas para acariñar, para saudar, para aplaudir, para tender pontes de encontro entre as persoas.

Advento é un corazón aberto para acoller a tenrura e a compaixón do Neno Deus.

Advento é un corazón aberto para amar, para doarse, para entregarse ao servizo dos nenos, dos mozos, dos adultos, dos anciáns, dos necesitados de agarimo, de comprensión, de misericordia.

Advento é soñar e ter a coraxe de facer realidade ese soño desde a sinxeleza e a humildade.

Advento é realidade, presente e futuro. Advento é o vento que sopra aire fresco nos pulmóns dos que buscan incansablemente un mundo novo ao estilo de Xesús de Nazaret.

Advento é inicio dun proxecto inmenso: Deus faise un de nós, toma carne humana.

Advento desde Isaías, María, Isabel, Xoán Bautista, todos en procura e todos cos ollos, as mans, o corazón abertos para acoller a vontade de Deus Pai e facer posible o “soño”: Deus encárnase e salva polo seu Fillo á humanidade.

Advento sopra, Espírito Santo axúdanos a non ter medo a acoller este aire novo que nos trae o advento, Espírito Santo ven ás nosas vidas, ven ás nosas comunidades e fainos dóciles para acoller a Salvación.

Manuel Areán Fernández

Paula fixo os votos perpetuos como Irmá da Cruz

Paula e outras 3 irmás da Cruz fan votos perpetuos

 Un grupo de case 30 persoas  de Lugo estiveron o día 7 en Sevilla acompañando á irmá Paula nun dos días máis importantes da súa vida. Paula xa é Irmá da Cruz para sempre. O seu veo branco foi cambiado por un negro. É só un signo externo, pero fálanos da súa consagración total para o Señor. A cerimonia foi longa, pero moi intensa e emotiva. Foron 4 as mozas que con ela fixeron os votos perpetuos nunha “abarrotá” capela da Compañía da Cruz. Que a todas elas o Señor as siga bendicindo todos os días da súa vida.
En Sevilla hai unha comunidade de moitas relixiosas novas, entregadas e alegres, con abundantes vocacións. Como a de Lugo, pero ao grande. Todo un signo dos tempos nun mundo tan secularizado.
Ao día seguinte na Casa das Irmás da Cruz celebráronse as vodas de ouro dun grupo de relixiosas que cumpren 50 anos de consagración ao Señor.

Noticia extraída do boletín informativo Parroquia-e (Parroquia de San Froilán)

A %d blogueros les gusta esto: