Charla sobre María de la Purísima

Madre Mª de la Purísima, irmá da Cruz

O mércores 14 de outubro no salón parroquial de San Froilán (Lugo) o sacerdote Miguel Ángel Álvarez falou da vida da Madre María de la Purísima na Compañía Irmás da Cruz. Tamén explicou o que significa a santidade e os distintos pasos do proceso de canonización. Este proceso culmina o 18 de outubro, cando se canonizará á Madre María de la Purísima

Tamén compartiu o seu testemuño Alfonso Vilariño, sacerdote da Diocese de Lugo que coñeceu persoalmente á nova santa. Contou que cando Madre María informou ás 80 irmás dos desexos que tiña Alfonso Vilariño de que se instalasen en Lugo, todas ofrecéronse. Como Madre María era moi observadora da regra da orde, foi por Lugo durante 3 anos a partir da fundación na devandita cidade. Alfonso Vilariño dixo que Madre María nunca lle negaba nada; por exemplo, cando as invitou a que fosen a Santiago a gañar o xubileo. Aínda que as Irmás da Cruz son de semiclausura (non saen a pasear, só a visitar enfermos), foron a Galicia e ademais de Compostela, Alfonso Vilariño conseguíu que tamén visitasen as Rías Baixas. 

Colexio da Asunción en Sarria

Misa 50 anos Colexio Asunción Sarria

O Bispo da Diocese presidiu a Santa Misa solemne de acción de grazas con motivo de cumprirse cincuenta anos da fundación do Colexio da Asunción en Sarria. O pobo e os numerosos invitados encheron o templo da parroquia do Rosario como expresión de agradecemento a Deus, ás familias colaboradoras coa fundación e ás relixiosas da Asunción.

É bo non esquecer as persoas que, de moitos modos e formas, fan o ben nas nosas terras de Lugo. Se perder a memoria é grave, non saber ou non querer lembrar e agradecer, aínda que sexa inconscientemente, pode converterse nunha expresión dolorosa de perda de sensibilidade, de esterilidad e de ocultamento cultural de obras que foron e son exemplares para as xeracións futuras.

Non é este o lugar axeitado para unha historia tan densa. Por iso quedarán no anonimato multitude de nomes, circunstancias, acontecementos que entreteceron en Sarria un gran colexio e contribuíron á formación integral de numerosos nenos e mozos da comarca. A fe e a confianza inquebrantable dos fundadores do colexio abriron un camiño que continúa hoxe cheo de esperanza e producindo extraordinarios e excelentes froitos.

Nos convulsos tempos do século XIX, a fundadora da Congregación da Asunción, María Eugenia Milleret, convencida de que era necesario concederlle a preferencia a Deus nos corazóns, na sociedade e na historia, quere dedicar a súa vida a facerlle coñecer e amar a El e á Igrexa. E iso levaríase a cabo mediante a educación. Así poderíase transformar a sociedade para estender polo mundo o Reino de Deus. María Eugenia adiantábase así ás grandes propostas educativas do Concilio Vaticano II asumindo os valores éticos que máis tarde conformarían os proxectos educativos católicos de numerosas congregacións.

O proxecto de María Eugenia aterraba en Sarria a partir do mes de xullo de 1965. Era a primeira fundación da Asunción en Galicia co obxectivo de contribuír á promoción social e cultural, especialmente no rural. O 5 de agosto do mesmo ano chegaban as primeiras irmás da Congregación: sor María Evelia, sor María Elva, sor María Germana e sor María Camino.

Contan os anais que foron moi ben acollidas e recibidas, incluso os veciños tiveron que fornecelas de auga dada a escaseza que había daquela na vila, soamente dúas horas de auga ao día.

Pero a auga da cultura comezaba como un surtidor a producir sabrosos froitos. Hoxe, son máis de 300 alumnos e 30 profesores. Noraboa e longa vida para esta nobre institución.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Actos polos cristiáns perseguidos

A Delegación de Misións da Diocese, organiza o 9 de outubro, ás 19 h na parroquia de San Pedro de Lugo un Vía Crucis polos cristiáns perseguidos.

O domingo día 11 ás 12.30 h, na mesma parroquia, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidirá a Eucaristía para unirse á petición do Papa Francisco de rezar polos miles de cristiáns que sofren persecución en todo o mundo.

50 aniversario do Colexio da Asunción de Sarria

Colexio Asunción Sarria

O sábado 10 de outubro ás 11 h celébrase unha Eucaristía presidida polo Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco.

O Colexio da Asunción é un centro concertado de infantil, primaria e secun-daria. É un centro católico, aberto a todos e especialmente aos que máis o necesitan. No Colexio da Asunción fórmanse dun xeito integral homes e mulleres que contribúan a unha sociedade máis xusta, en concordancia cos valores cristiáns. O centro tamén oferta servizos como garda, comedor ou actividades extraescolares, que axudan ás familias na conciliación.

[Ver historia e álbum]

Inauguración do curso pastoral

Mons Alfonso Carrasco

O xoves 8 de outubro inaugurouse oficialmente o curso pastoral 2025 – 2016 na Catedral de Lugo, cunha Eucaristía presidida polo señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco.

Na homilía Mons. Alfonso Carrasco Rouco considerou que hai razóns para iniciar con alegría todos xuntos o novo curso. A historia na que estamos é boa; así pois, a meta será boa. Tamén sinalou que “a pedagoxía divina é humana, boa, prudente e pacífica”.

A %d blogueros les gusta esto: