Carta dos bispos de Galicia con motivo da campaña de sensibilización relixiosa escolar

Queridos pais:

Nestas semanas, como pais, estades xa tramitando a matrícula escolar do vindeiro curso, conscientes da importancia e o esforzo que supón a educación dos vosos fillos e fillas. Nela está en xogo a súa preparación como persoas que poidan responder aos desafíos da vida e aos compromisos sociais.

1.- Lograr unha educación de calidade é un empeño de toda a comunidade educativa (pais, alumnos, profesores). Só así se pode lograr unha educación integral da persoa, da que forma parte a dimensión relixiosa, constitutiva do ser humano e do seu xeito de estar no mundo. Por iso, pedímosvos que inscribades aos vosos fillos, no momento da matriculación, na materia de Relixión Católica.

2.- A presenza do Ensino relixioso nos centros educativos é un dereito que tedes vós, os pais, e que as autoridades educativas deberán garantirvos para que poidades optar por ela con plena liberdade, evitando toda discriminación e en igualdade de trato que o resto das demais materias.

3.- Ademais esta solicitude ha de ser consecuencia lóxica da vosa condición de pais crentes e dos compromisos adquiridos no día do seu bautizo. Non solicitala sería, sen dúbida, un contrasentido con eses compromisos.

Ler máis

Nova xornada do Curso de Formación en Matrimonio e Familia

Os salóns parroquiais de Silleda, acollen o sábado, 9 de maio, unha nova xornada do Curso de Formación en Matrimonio e Familia (CFMF) que organizan conxuntamente as cinco dioceses de Galicia.
O decano do Tribunal da Rota, Carlos Morán tratará o tema das crises matrimoniais. Desde o seu coñecemento directo de centos de traxectorias matrimoniais como decano do Tribunal da Rota, Carlos Morán, falará sobre os retos aos que deben enfrontar os matrimonios para ser felices e que se pode facer para converter as crises en momentos de crecemento, todo iso desde unha perspectiva esperanzadora, profunda e misericordiosa.
A sociedade actual, lonxe de considerar o amor como doazón, entrega, intercambio e interrelación, ve o matrimonio dunha maneira moi desvirtuada do que significa e de como se debe de vivir para que sexa pleno e satisfactorio. Por iso tamén se tratará nesta xornada a cuestión da prevención, e o modo en que a Igrexa debe suscitar a preparación ao matrimonio para poder ofrecer aos noivos unha formación que sexa unha boa axuda.
Nesta xornada, ademais, presentarase o labor da Fundación Gift & Task que leva desde 2007 ofrece un itinerario de preparación próxima ao matrimonio, que é quizais a oferta formativa para noivos máis interesante, de maior calidade e profundidade de toda España.

O horario é o seguinte:
10 h 1º relatorio “O amor conxugal: autodoazón e entrega
12 h 2º relatorio Causas das crises conxugais, As crises, unha ocasión para amarse
13.10 h 3ª relatorio – Prevención das crises e forma de abordalas
16 h Experiencias: Gift & Task, un revolucionario curso para noivos
16.20h Orientacións para a prevención das nulidades e coloquio aberto co ponente

Carlos M. Morán Bustos

Doutor en Dereito Canónico, desde 2009 é Decano do Tribunal da Rota da Nunciatura Apostólica de España.
É autor de numerosas publicacións e impartiu conferencias e seminarios sobre temas relacionados co matrimonio en xeral, e sobre dereito matrimonial e procesal canónico en particular.

[Ver vídeo de Carlos Morán]

Primeiras comuñóns

É tempo de primeiras comuñóns. Moitos nenos, motivados polos seus pais, sacerdotes e familia, preparáronse axeitadamente para tan importante acontecemento. Lugo, cidade do Sacramento, debería distinguirse pola seriedade na preparación de algo tan sagrado e pola continuidade na formación relixiosa e pola inserción parroquial no tempo. Os sacramentos non son acontecementos illados. Teñen unha dimensión social de relevancia. De feito, responden a momentos irrepetibles da existencia humana: nacer, crecer, presentarse en sociedade, maioría de idade, a constitución dunha familia, a elección vocacional, a enfermidade e a morte…

Se o fundamental nas primeiras comuñóns é Cristo, a preocupación primeira da familia e da parroquia enteira, debería de ser achegar os nenos ao Señor: «Deixade que os nenos se acheguen a min» (Mc 10, 14). A través de propostas educativas e pastorais de continuidade é cando se fai posible a experiencia de fe. Experiencia que debería estar sempre acompañada polo testemuño de vida e o exemplo dos adultos (vin algúns casos nos que os pais e os padriños quedan de espectadores e nin sequera comulgan). A primeira comuñón non debería ser, nunca, a última comuñón e a última participación na eucaristía dominical. Se así fose estariamos convertendo tan sublime acontecemento nun acto social, lúdico, festivo, consumista e pouco exemplarizante para todos. Precisamente, porque a austeridade non rifa coa festa e a alegría, a coherencia co que alí se celebra esixe a caridade e a solidariedade cos máis pobres.
Nestes tempos en que asistimos con dor a tanta inxustiza, a acontecementos tan tráxicos con miles de mortos en Nepal (parece que xa superan os cinco mil), non ten ningún sentido, nin agora nin nunca, comulgar co Deus do amor na Eucaristía e vivir á marxe de tanto sufrimento e de tanta dor. Un xesto exemplarizante podería ser pedir aos nenos e ás familias, unha colecta para Cáritas co fin de colaborar no sustento e o coidado de tantos nenos que se atopan xa sen pais e sen fogar por causa dunha catástrofe tan aterradora.
Cando ía escribir isto, chegou ás miñas mans unha pastoral do Bispo de Calahorra e La Calzada-Logroño, titulada `Carta do Bispo aos nenos que celebran a primeira comuñón’. Comeza, para a miña sorpresa, cunha referencia á nosa Diocese, deste xeito: «Unha antiga tradición do século XIV, confirmada por diversas fontes históricas e arqueolóxicas, di que sobre o altar da capela lateral da igrexa do Cebreiro, en Galicia, estaba celebrando a eucaristía un sacerdote benedictino. Pensaba que aquel cru día de inverno, en que a neve amoreábase e o vento era insoportable, ninguén viría á Misa. Pero equivocábase. Un paisano de Barxamaior, chamado Juan Santín, achegouse camiñando ata O Cebreiro para participar na Santa Misa. O monxe celebrante, de pouca fe, non soubo valorar a fe e o sacrificio do campesiño que viaxou a pé nun día de tanto frío. No momento da Consagración o sacerdote percibe como a Hostia convértese en carne sensible á vista, e o cáliz en sangue, que ferve e tingue o mantel do altar».
Sucedeu aquí, en Lugo. Relátao, de novo, o Bispo de Calahorra. Moitos peregrinos e fieis, hoxe rezan devotamente ante o Santo Grial, alí no Cebreiro. Xesús quería afianzar a débil fe daquel monxe, pero tamén a de todos os lucenses e de todos os homes da terra. Tratábase dun milagre asombroso. Cada primeira comuñón pode ser hoxe un novo milagre, Xesucristo, sen dúbida, pon a mellor parte pero pídenos e esixe unha responsable colaboración.

Mario Vázquez Carballo

Festa das nais en Oural e dos avós no Incio

Día da Nai Oural

O 1 de maio ás 12:30h en Oural, homenaxe ás nais cunha celebración eucarística presidida por Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Será un día especial vivido desde a fe e agasallando ás nais con cariño e admiración.

O 2 de maio é a Festa dos avós das parroquias do Incio. Hai unha Eucaristía ás 13h e a continuación unha comida de confraternidade. Organizan o Concello e sacerdotes do Incio.

Peregrinacións parroquiais a Italia e Ávila

A parroquia de San Clodio organiza unha peregrinación a Ávila do 30 de abril ao 4 de maio. O 1 de maio visítase Madrid, o día 2 os lugares nos que se estará son Ávila e Alba de Tormes e o día 3 os fregueses de San Clodio aproveitan a viaxe de regreso para coñecer Toro.

A parroquia Santiago A Nova organiza unha peregrinación a Italia desde o 30 de abril ao 5 de maio. Ademais de Roma, tamén se estará en Pisa, Milán e Turín.

Esta última parroquia de Santiago A Nova organiza conxuntamente coa de Quiroga o Campamento Parroquial Campanova, para mozos e mozas a partir dos 10 anos. Será entre o 28 de xuño e o 5 de xullo de 2015 no Acampamento Courel (Esperante-Courel -Lugo-).

A %d blogueros les gusta esto: