14.000 misioneiros españois

Os misioneiros da Igrexa católica española, unos 14.000, están presentes en 130 países (e as embaixadas de España non chegan a 100) de todos os continentes: en América o 70,8%, África 13,8%, Europa 8,9%, Asia 6,2% e , Oceanía 0, 2%. En países onde os cristiáns son perseguidos hai 237 misioneiros. A maioría deles, un 54,2%, son mulleres como vén sendo normal en todas as accións de defensa da vida e da solidariedade. Os misioneiros laicos son xa o 7,16%, algún tamén da nosa Diocese.

Estes 14.000 misioneiros son un anticipo profético do que debe ser o Reino de Deus: unha humanidade reconciliada, fraterna e en paz. Dito doutra maneira poñen de manifesto ante a nosa sociedade que a utopía dunha humanidade en harmonía, sen fronteiras nin opresións, é posible. Non só é posible senón que hai signos visibles de que xa empeza a ser realidade para todos aqueles que non pechan os ollos ao que acontece e expresa este dato.

Indo máis aló do ámbito cristián analizamos dúas realidades nas que se podería acoller mellor a súa aportación:

Universidades

En España as universidades deberían recoñecer que a presenza dos misioneiros é unha riqueza cultural e científica de primeira orde. Non teño explicación ao feito de que non aproveiten cultural e cientificamente esta riqueza. Como é posible que facultades como as de Economía, Políticas, Socioloxía, Antropoloxía, Periodismo, Traballo Social… non inviten aos misioneiros/as a ter diálogos cos seus alumnos para que teñan información de primeira man sobre eses países en cuestións de economía, cultura, organización política, plans de estudo, globalización, interdependencia, etc Calquera que teña un mínimo coñecemento e trato cos misioneiros sabe que son grandes expertos sobre a vida real neses países, ademais de ter importante e diversa formación académica universitaria.

Cando trouxeron aos misioneiros-médicos, Manuel García Viejo e Miguel Pajares enfermos de ébola, foron unha axuda para os médicos, polo coñecemento dos protocolos sanitarios e a información precisa da sintomatoloxía da enfermidade. Para o estudo das enfermidades tropicais son expertos de primeira orde os misioneiros-médicos.

País de inmigración

Hai uns 30 anos que España empezou a ser claro país receptor de inmigrantes, e hoxe xa son algo máis do 10% da poboación. Todos os informes afirman que seguirán vindo inmigrantes.

Se queremos, integrar aos inmigrantes na sociedade española (tamén na escola) teriamos que consultar moito máis aos misioneiros se tiveramos algo de sentido común, pois son expertos na súa cultura e tradicións. Ademais, o custe non sería elevado pola súa dinámica de gratuidade e de vivir co elemental.

Canto coñecemento e saber se está desperdiciando! Que pouca preocupación por facer unha sociedade e un mundo máis xusto! Onde queda a preocupación por coñecer o núcleo do humano que está debaixo das diversas culturas? Onde está a preocupación pola Solidariedade e a Xustiza? Sería bo ter a intelixencia e sentido común dun diplomático, amigo dun amigo, que, cando terminou a formación complementaria a súa oposición e foi nomeado para a embaixada en Angola, pediunos unha conversa cun misioneiro. Despois dunha longa conversa cun misioneiro vasco díxonos que aprendeu moitas cousas que non lle ensinaran nos cursos de diplomacia.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Xornada das Vocacións Nativas e de oración polas vocacións

xornada oración vocacións nativas

A Xornada de Vocacións Nativas do día 26 está dedicada á oración e a cooperación económica cos mozos que son chamados á vocación sacerdotal ou relixiosa nos Territorios de Misión.

Polo gran significado da imaxe de Cristo como Bo Pastor (IV domingo de Pascua) tamén se celebra o 26 de abril a Xornada Mundial de Oración polas Vocacións. En Lugo hai unha cadea de oración que comeza xa o sábado 25.

Cadea de oración pola vida consagrada en Sarria e Lugo

En este Ano da Vida Consagrada xa foron varios lugares da Diocese onde houbo un recoñecemento a varias congregacións relixiosas, e nos vindeiros días seguen estes encontros en Sarria e Lugo.

O día 24 ás 20 h na igrexa de Nosa Señora do Rosario de Sarria hai un acto de acción de grazas polas comunidades relixiosas radicadas na zona: mercedarios, operarias parroquiais, relixiosas da Asunción.

E o día 29 será a igrexa de San Froilán, Lugo, a que acolla ás 18:30h a Cadea de oración pola Vida Consagrada. Nela participarán dúas das catro congregacións que pertencen á Parroquia de San Froilán: As Fillas da Caridade e as Irmás da Cruz. As Madres Agustinas farán a súa propia vixilia noutra data e a Alianza unirase á Parroquia de San Lourenzo de Albeiros. Na vixilia de oración do día 29 haberá Exposición do Santísimo, rezarase con textos de San Vicente de Paúl e de Sor Ángela da Cruz e escoitaranse testemuños de relixiosas das dúas congregacións.

Por que ir a Misa os domingos? Unha explicación desde a Pascua

paz a vosotros

As reflexións que fago ás veces desde aquí veñen motivadas por conversas ou polo que escoito na rúa. E algo que se oe con frecuencia é o de “vou a Misa cando teño ganas ou cando sinto necesidade” ou tamén “non é necesario ir a Misa para ser boas persoas” ou “os que van a Misa non son mellores cós demais” ou “eu só vou por un funeral ou a unha voda”.
Deste tipo de argumentos despréndense motivacións erróneas, precisamente por partir de ideas tamén erróneas.
O verdadeiro motivo polo que os cristiáns imos a Misa os domingos é para atoparnos con Xesucristo resucitado. Nos textos evanxélicos que narran a Resurrección de Xesucristo e os días posteriores atopamos as verdadeiras motivacións.
-Xesús resucita o primeiro día da semana. Día que toma o nome de “domingo” por ser o día do Señor. Señor en latín dise dominus. O domingo é o día cando se produce o acontecemento esencial da misión de Xesús que é a resurrección e o que fai que a nosa fe teña sentido, porque se nos garante que seguimos a Deus e non a un simple home.
-Dinnos os Evanxeos que Xesús vólvese a aparecer aos seus discípulos “aos oito días”, é dicir, ao domingo seguinte. E así foi ata o día de hoxe: cada oito días, en domingo, Xesucristo faise presente na Eucaristía dominical dunha forma real e auténtica.
-Un último detalle: Xesucristo aparécese non de calquera modo senón cando os discípulos están reunidos. Cando non é así, teñen moita dificultade para recoñecelo (Tomás ou os dous de Emaús)
Teriamos que comparar tamén como era a vida dos Doce antes e despois do encontro co Resucitado. Antes: confusións sobre a misión de Xesús (os Zebedeos que querían un posto no mal entendido reino), negacións (Pedro),
medos (estaban encerrados nunha casa por temor aos xudeus), dúbidas, desconcertose desencantos (Tomás, os dous de Emaús, María Magdalena e as outras mulleres).
Despois: valentía para anunciar o Evanxeo ata dar a vida, dispoñibilidade, confianza, alegría, sentido da fraternidade… Os efectos do encontro con Cristo Resucitado saltan á vista.
Cando imos a Misa o que imos facer é atoparnos con Xesucristo resucitado que se fai presente cando unha comunidade de fieis reúnese no seu nome. É un encontro real co Deus de Xesucristo presente no Pan e o Viño que el mesmo converte no seu Corpo e no seu Sangue.
Máis tarde, este encontro converteríase nun dos Mandamentos dos cinco da santa Nai Igrexa, pois o que define a un cristián é o encontro con Xesucristo resucitado e non outras cousas.
Polo tanto, non imos a Misa para ser bos ou porque sexamos bos. Iso xa se supón que debería ser por mera humanidade. Aínda que é certo que ir a misa e seguir a Xesús dános un motivo máis para ser caritativos ou bos cos demais, xa que queremos adiantar a este momento o que será despois o Reino do Amor na vida escatolóxica.
Non deberiamos ir a Misa só porque é un mandamento, nin só por acontecementos da vida de persoas ou a festa dun pobo. Nin imos tampouco se nos cae ben o cura ben ou “fai” as Misas máis amenas. E moito menos por unha concepción máxica ou esotérica da liturxia na que negociamos con Deus certos favores ou grazas coma se fose un mercado.
Celebramos a Misa dominical para atoparnos con Deus de Xesucristo, o que salva.
Atreveríame a poñer un exemplo que pode ser ilustrativo e no que vos podedes reflectir
moitos de vós. Chegado un momento da nosa vida, témonos que ir da casa paterna, porque as obrigas laborais ou matrimoniais lévannos máis ou menos lonxe da casa na que nacemos. Pero todos estamos esperando que chegue ese día libre da semana para poder ir comer a casa dos nosos pais, visitalos, e se podemos ir todos os irmáns moito mellor.
Pois ben, ir a Misa é algo parecido: estamos toda a semana fóra de casa e nas nosas cousas, pero o domingo volvemos a casa (á Igrexa) para atoparnos con Cristo resucitado, porque nos espera alí xunto cos nosos irmáns.

Miguel Angel Álvarez

Santa Teresa e o Ano Xubilar Teresiano

teresa-de-jesus1

Parecía xurdida doutro planeta e doutra terra. Pero era unha muller de carne e óso que nacera en Ávila un 28 de marzo de 1515. Desde a súa infancia sentiuse atraída pola grandeza do Deus de Xesucristo, que lle chamaba á santidade e á perfección. Consciente da profunda discriminación do feminino na sociedade de entón, no canto de lamentarse, dedicouse á oración, a pensar, a construír e a cooperar. Máis aló do paternalismo social e do pensamento dominante producido por varóns, esta muller de gran altura intelectual e literaria, de temple e coraxe sen igual, con forza e determinación, sementou a nosa terra de comunidades e monasterios, escribiu obras asombrosas e fixo tantas cousas boas e santas, que un século despois, sería beatificada por Paulo V e canonizada o 12 de marzo de 1622 por Gregorio XV.

Virxe, namorada de Cristo, Teresa de Cepeda e Afumada, hoxe é máis coñecida por Santa Teresa de Xesús. Con San Juan de la Cruz sitúase no máis alto do misticismo cristián. Por iso non soamente é considera patroa dos escritores, senón e sobre todo, unha gran mestra de espiritualidade na historia da Igrexa, e tamén relixiosa e fundadora das Carmelitas Descalzas, desde fai uns anos presentes na nosa Diocese no lugar de Muxa. Por esta e outras razóns é a primeira Doutora da Igrexa, proclamada así o 27 de setembro de 1970 polo Papa Paulo VI.

É verdade que nos separan cinco séculos da historia da súa vida, outros eran os tempos e os acontecementos, pero sen dúbida hai moitas semellanzas e analoxías con bastantes das situacións que agora estamos vivindo. Se aqueles eran tempos recios, de reformas e novidades, de urxente, nova e necesaria evanxelización, tamén agora son así os nosos tempos. As dificultades, as complexidades do cambio de época, tamén necesitan de mulleres capaces de influír e transformar a inxusta e violenta sociedade na que vivimos.

A vida contemplativa e comunitaria, os mosteiros como espazo de convivencia, de acollida e de silencio, o pensamento sereno, a oración, a meditación, a capacidade de emprender, de cooperar, de chamar á santidade e á perfección, o misticismo, a literatura de “altura”, a boa educación, o coidado da terra e o amor á natureza, a loita pola xustiza, a denuncia dos malos tratos, son valores tan necesarios entón como agora. Por iso, urxe recuperar a Teresa e traer a súa figura e exemplo aos nosos días. Os santos son, todos eles, os grandes modelos que temos que recuperar. Teresa, a de Xesús, a de Ávila, o é dun modo especial. Pola súa mediación e intercesión poderemos atopar de novo o tesouro da verdade alí onde está, no Deus do Amor e no interior de nós mesmos.

Para iso, un medio que nos pode axudar é a peregrinación que organizada pola Diocese terá lugar os días 17, 18 e 19 deste mes a Salamanca, Alba de Tormes e Ávila. Un numeroso grupo de peregrinos, tralas pegadas da Santa, participaremos en diversos actos organizados con motivo do Ano Xubilar; visitaremos a fermosa exposición das Idades do Home e buscaremos a graza xubilar naquelas terras sagradas.

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: