Pasar o tempo con Deus ao noso carón é “máis”

Os días van pasando, xuño xa está aquí, e isto fai que cambiemos algúns hábitos da nosa vida, ou que, polo menos, empecemos a facer plans para o verán.

Completado o tempo pascual, en Lugo aínda nos quedan acontecementos interesantes. O Corpus é un fito importante na vida dos lucenses. A Catedral e o Centro Eucarístico Lucense organizan actividades ao redor desta festa para axudarnos a vivir a centralidade da Eucaristía. Xa nos irán informando os medios de comunicación da Diocese.

Ver como pasa o tempo e como pasamos o noso tempo é algo que temos que pensar de cando en vez. Pasar o tempo dunha forma ou outra tamén nos levará a vivir con ou sen esperanza.

Pasar o tempo con Deus ao noso carón é “máis”.

Miguel Ángel Álvarez

Xornadas de Apostolado Seglar entre os días 6 e 8 de xuño

Xornadas Apostolado Segrar web

As actividades previas ao Día do Apostolado Seglar comezan o venres 6 de xuño, ás 20:00, cunha charla de Xabier Blanco, salesiano, director do Colexio “Divina Pastora” de Lugo, que tratará sobre o lema deste curso a nivel diocesano: A fe, luz da vida. O lugar da conferencia é o salón de actos do Seminario Maior de Lugo.

Ao día seguinte, o sábado 7 de xuño, a vixilia de Pentecoste será na parroquia de Santiago A Nova de Lugo, ás 20:00. Este ano hai unha novidade significativa: ao rematar a vixilia, darán un concerto breve de “Xaquín e a súa banda”. Xaquín R. Pomares, cantautor cristián de referencia en Galicia, compartirá as súas cancións cos asistentes, tanto nenos, xóvenes como adultos.

Por último, o Día da Acción Católica e do Apostolado Seglar, o domingo 8 de xuño, celebraremos a solemnidade de Pentecoste cunha Eucaristía, presidida polo señor Bispo, D. Alfonso Carrasco, na catedral de Lugo, ás 13:00.

Exposición en Silleda con referencias aos 150 anos de devoción á Virxe da Saleta

O sábado día 6 ábrese ao público a exposición Silleda no século XIX, un percorrido pola historia do municipio a través da arte, documentos e outros obxectos.

A mostra estará aberta ao público na Casa da Cultura de Silleda até o 13 de xullo, con entrada libre e horario diario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas. Un dos motivos que impulsaron organizar esta exposición é o 150º aniversario da devoción á Virxe da Saleta en Siador. Precisamente unha das partes da exposición adícase á Saleta e nela figuran dous relicarios con fragmentos da pedra onde se apareceu a Virxe na Salette (Francia).

No acto de inauguración, a partir das 20h intervirán, entre outros César Carnero, delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da Diocese de Lugo, que fará un repaso da arte sacra de Trasdeza desde o románico ata o século XIX; e o sacerdote saletino Heliodoro Santiago falará dos 150 anos de devoción mariana en Siador.

Na exposición hai quince imaxes de diferentes parroquias, desde o século XV, e tamén fotos, chaves, misais…

Mensaxe do Papa Francisco a Cáritas diocesana de Lugo con motivo do seu 50 aniversario

Na Eucaristía de acción de grazas que se celebrou o 4 de xuño na Catedral de Lugo con motivo dos 50 anos da fundación de Cáritas diocesana, o secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e Sociedades de Vida Apostólica, Mons. Rodríguez Carballo, leu a mensaxe que o papa Francisco quixo enviar á comunidade diocesana de Lugo con este motivo.

Despois de saudar ao Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e ao director de Cáritas diocesana, Ginés Plaza, aos traballadores e voluntarios desta institución o Papa Francisco, en palabras de San Ignacio, lembrounos que: “Deus traballa por nós”. A Súa Santidade manifesta na mensaxe que “a evanxelización dirixida gratuitamente aos pobres é signo do reino que Deus veu a traer”; e que “fe e caridade van da man porque o amor compróbase máis coas obras que nas palabras”.

Tamén tivo palabras de alento cara aos que colaboran activamente na Cáritas diocesana de Lugo animando a sexan “valentes para expresar o amor de Deus con formas novas e creativas. Saíde de estruturas que vos impidan comunicar esta caridade sen medida e ata o extremo. Sede casa aberta do Pai da misericordia, sede Igrexa en saída e non esperedes que os pobres chamen ás vosas portas”.

Por último o Papa afirmou que “a situación de pobreza hoxe alcanza niveis inadmisibles”, e por iso en necesario dicir: “NON! a unha economía de exclusión e de inequidade”

Ademais de eloxiar os distintos programas que Cáritas diocesana de Lugo ten en marcha, o Santo Padre animou aos voluntarios e traballadores de Cáritas “a crear novas plataformas que posibiliten maior amor e servizo aos irmáns”.

Comparecencia ante os medios de comunicación de Frei José Rodríguez Carballo

Rueda de Prensa del Padre Carballo en el Obispado de Lugo
O Padre Carballo  ante a prensa no Bispado de Lugo
Rueda de prensa del Padre Carballo
O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco e o Director de Cáritas, Ginés Plaza, co Padre Carballo

Frei José Rodríguez Carballo deu unha conferencia de prensa no Bispado o 4 de xuño pola mañá con motivo da presenza en Lugo para asistir ás conmemoracións do cincuentenario de Cáritas. Felicitou aos 400 voluntarios de Cáritas, aos 21 traballadores, a Mons. Alfonso Carrasco, pastor dunha Igrexa Diocesana que demostra estar viva. Tamén tivo unha lembranza “aos pobres, que nos ensinan moito; entre outras cousas a compartir, pois son moi solidarios na súa pobreza”.

Frei José Rodríguez Carballo é portador dun saúdo do Papa Francisco a Cáritas que vai ser lido na Eucaristía das 20h na Catedral. Frei José adiantou que o Papa anima a Cáritas Diocesana de Lugo a seguir traballando non só por unha asistencia puntual senón tamén promover a xustiza. Sobre a presenza do Papa en Galicia, mencionou a posibilidade de que nunha posible visita a Ávila no 2015 iniciaría ou concluiría esa viaxe en Compostela.

A %d blogueros les gusta esto: