Ciclo de conferencias sobre as persoas que coidan a dependentes

Copia de Ciclo conferencias coidadores día 30

 O Centro de Orientación Familiar Diocesano, en colaboración co Concello de Lugo, organiza no Centro social Uxío Novoneyra ás 18h un ciclo de conferencias de especial interese para quen teña ao seu cargo persoas  dependentes. O programa é o seguinte:

30 de maio:

O coidador na encrucillada: entre o amor, a rabia, o deber e a culpa

Relator: Martiño Rodríguez González. Psicólogo, Terapeuta Familiar e Director do COF Diocesano de Lugo

6 de xuño:

Orientacións sobre o aseo, a alimentación e o coidado da persoa dependente

Relatora: Sonia Abeledo Sánchez. Educadora Social, Auxiliar de Enfermaría e formadora en atención á discapacidade, terceira idade e saúde.

20 de xuño:

Coidar coidándose. Reflexións sobre a síndrome do coidador queimado, a comunicación e a autoestima

Relatora: Noemí Devesa Montouto. Psicóloga, Diplomada en Maxisterio e formadora en temas de dependencia.

27 de xuño

A asistencia na vellez: a que recursos e apoios podo acceder?

Relator: Manuel Pérez Puente, Director do Centro de Día ABRITE

4 xullo:

Reflexións sobre o Alzheimer e outras demencias, e coloquio aberto cun xeriatra experimentado

Relator: Manuel Melero Brezo, Médico especialista en xeriatría

Peregrinación xuvenil ao santuario do Faro

Copia de Peregrinacion Faro 2014

Os primeiros participantes veranse o venres 30 de maio ás 7 da tarde en Chantada, alí presentaranse e despois de cear irán a un concerto que está preparado por Pascua Xove; ao terminar vaise ao pavillón de deportes que será o aloxamento.

Ao día seguinte, sábado, tras o almorzo; haberá exposición dun tema (sentido da vida)e reunión por grupos; despois irase en bus até o lugar onde se comeza a camiñar cara ao Faro; alí haberá música, diversión, oración, confesións e ao finalizar a xornada a Misa presidida polo bispo Don Alfonso Carrasco Rouco.

[Máis información]

Agradecemento de Cáritas diocesana de Lugo a institucións de iniciativa social

Recoñecemento-de-Cáritas-a-asociacións

O 27 de maio ás 12 h nos locais de Cáritas diocesana de Lugo (avda. Américas, 93-97) o director de Cáritas, Ginés Plaza Fernández, fixo entrega da figura conmemorativa con motivo do 50 aniversario de Caritas Diocesana de Lugo a varias entidades de iniciativa social que colaboran ou colaboraron en favor das persoas máis desfavorecidas da Diocese.

As entidades son as seguintes: Cruz Vermella; Ateibo; Fundación Juan Soñador; Auxilia; Aspnais; Cogami; Asociación Down; Secretariado Xitano; ASFEM; Aliad Utreia; Asociación Dignidade; Fundación Meniños; Asociación de Promoción e Integración Xitana; Centro para o Desenvolvemento Rural Ancares; Asociación de Viúvas Julia Minguillón.

[Ver vídeo]

Terceira sesión do Curso de formación en matrimonio e familia

Curso formación matrimonio e familia

O día 24 en Silleda tivo lugar a terceira sesión do Curso de formación en matrimonio e familia. A relatora principal foi Begoña Ruiz Pereda. Licenciada en Ciencias Relixiosas, Begoña Ruiz pertence á Fraternidad Seglar en el Corazón de Cristo e na Fundación Desarrollo y Persona  é responsable de Formación do proxecto educativo Aprendamos a amar. Begoña Ruiz ten interese en que a búsqueda de parella se faga con menos ansiedade e con máis liberdade.

No transcurso da súa intervención, referiuse a Adán e Eva e das leccións que se poden obter da súa vida:

“Ao descubrir a súa vocación ao amor, Adán ten a posibilidade de coñecer a Deus dunha maneira como antes non o coñecía. O home coñecía a Deus como creador (deu a vida), como lexislador (deulle a norma) pero non tiña unha intimidade forte no trato con Deus. Pero agora ao descubrir que o corpo sexuado chama á unidade da carne co outro e esta unidade non é simplemente algo físico senón que é espiritual, descúbrese como un don para o outro e viceversa. Descúbrese que Deus é a fonte de todo don, de todo amor.  Cando viven a súa vocación ao amor Adán e Eva, descobren que detrás da súa vida, detrás da súa vocación hai unha bendición de Deus. Por iso Deus fainos fecundos”.

Miguel Ángel Álvarez: Tempo de recoller. Pasos no camiño da fe

O venres da semana pasada tivemos na parroquia de San Froilán a celebración do sacramento da Confirmación. 13 mozos foron unxidos co Santo Crisma polo Bispo.

Pronto empezaremos cos días das Primeiras Comuñóns aos que se unen varios bautizos e vodas, (xa tivemos dúas en maio) programados para os meses de vacacións e calor. É, xa que logo, tempo de ver os froitos do sementado durante os periodos de preparación.

Pero o camiño non está terminado, só iniciado. Por iso coñecemos o Bautismo, a Eucaristía e a Confirmación como os sacramentos da Iniciación Cristiá.

Os cristiáns imos facendo o camiño da vida con pequenos pasos. O alimento vénnos do mesmo Deus, e dánolo, precisamente, por medio dos sacramentos.

Feliz semana e felicidades para todos os que están vivindo e vivirán acontecementos importantes durante o final da Pascua e o verán.

Miguel Angel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: