Noticias que non foron noticia. Deus segue chamando

Xa case damos por feito que todas as noticias teñen que ser malas. Pois non, aquí nesta sección negámonos a que sexa así.

Por iso comentarei brevemente algunhas noticias que practicamente pasaron desapercibidas, pero que son importantes porque nos falan da presenza de Deus no medio da sociedade e das persoas. E iso é importante, moito máis do que cremos. Pois, que Deus estea preto de nós é o máis grande e mellor que podemos ter.

Sor Asunción, a “monxa do comedor”, celebrou 60 anos de vocación. Anos de fidelidade e servizo a Deus nos pobres. Todo un testemuño cando case todo dura demasiado pouco.

Segunda noticia. 6000 persoas, a maioría novas, celebran en Santiago un encontro vocacional con Kiko Argüello, iniciador do Camiño Neocatecumenal. Si, case 6000, e ademais xoves e cristiáns. Si, cristiáns. Dos que moitos se ofreceron para ser sacerdotes e monxas, e moitas familias, unhas 36, para ir de misioneiras a China. Si, deixándoo todo para seguir a voz de Cristo, O Bo Pastor.

Terceira e última por hoxe. A irmá Leticia fixo a profesión relixiosa temporal no mosteiro das Madres Agostiñas de Lugo. Si, en pleno centro de Lugo hai unha comunidade de monxas contemplativas, e aí mesmo fixo a novísima irmá Leticia os votos temporais.

Todas estas noticias non teñen unha explicación sociolóxica. Isto só enténdese desde Deus e o Evanxeo.

Miguel Ángel Álvarez

Catequeses públicas na Praza do Seminario, en Lugo

O domingo 18 de maio a partir das 12 h na Praza Horta do Seminario, Lugo, hai unha catequese pública co seguinte contido: Anuncio do kerigma, a noticia da nosa salvación, se a escoitamos e a cremos, salvarémonos.

Estas catequeses dos domingos de Pascua desenvólvense baixo o lema “A fe vén polo ouvido”. Continúan nas parroquias de San Froilán e da Milagrosa.

 As últimas catequeses serán o 25 de maio (Evanxeo) e o 1 de xuño (Igrexa).

Celebración de San Pascual Bailón

O vindeiro 17 de maio, festividade de San Pascual Bailón, patrón das asociacións eucarísticas, celébrase unha Eucaristía, precedida polo rezo de vésperas, ás 18,30 horas no altar do Bo Xesús da Catedral.

Convídase a participar na mesma aos membros das seguintes asociacións: ADORACIÓN NOCTURNA, A.R.P.U., MARÍAS DOS SAGRARIOS, CONFRARÍA SACRAMENTAL, APOSTOLADO DA ORACIÓN e fieis en xeral.

Conferencia e mercado solidario organizados por Mans Unidas

Mans Unidas Lugo organiza o 14 de maio unha conferencia sobre seguridade alimentaria no noso mundo globalizado.

A conferencia será impartida por Marco Gordillo (@magordilloz) no salón de actos da Fundación Novagaliciabanco (Lugo) ás 20:30h. Marco Gordillo é coordinador de campañas e redes de Mans Unidas.

Mercado solidario

Ata o día 29 de maio de 2014, a Delegación de Mans Unidas da diocese de Lugo volve instalar o seu tradicional Mercado solidario. Nesta ocasión está na rúa Bolaño Rivadeneira 19. O horario de atención ao público será de 11:00 h. a 13:30 h. (mañás) e de 17:00 h. a 20:30 h. (tardes) de luns a venres laborables, e de 11:00 h. a 13:30 h. (mañás) os sábados non festivos.

Cadea de oración polas vocacións

Xornada Vocacións

En Lugo organízase unha cadea de oración que ten unha dimensión parroquial en canto que nas misas dominicais estará presente a intención.

Desde as 8 da mañá do sábado día 10 ata a última hora da tarde do domingo 11 hai sempre nalgún lugar da Diocese un grupo que adica un tempo a rezar polas vocacións. 

Péchase a cadea no Seminario ás 20 h do domingo cunha adoración eucarística á que están convidados os lucenses.

A %d blogueros les gusta esto: