Bendición dun novo órgano en Hospital do Incio

Copia de bendición organo Hospital Incio

O sábado 26 de abril, ás 13 horas, o reitor do Seminario, David Varela, en nome do Bispo, procedeu á bendición dun órgano que foi doado por D. Francisco Parada Torres, fregués da parroquia de Trascastro do Incio na parroquia do Hospital do Incio, arciprestado de Sarria. A continuación, houbo unha comida fraterna.

Testemuños de lucenses sobre as figuras de Xoán Paulo II e Xoán XXIII

canonizac Xoan XXIII e XP II

Varios lucenses asisten o día 27 á canonización en Roma de Xoán Paulo II e Xoán XXIII. Coa Delegación da Xuventude de Lugo, por exemplo, van sete persoas.

Aquí recollemos as impresións de varios lucenses sobre as figuras dos dous papas.

Gonzalo Fraga Vázquez, deán da Catedral, historiador:

O labor de Xoán Paulo ll como Papa foi extraordinariamente fecundo e intenso. Traballou pola unidade de Europa; tivo moito que ver na caída do comunismo; defendeu tenazmente a familia e os dereitos da persoa; mellorou as relacións co mundo da ciencia e da cultura; impulsou o diálogo con crentes e non crentes…”.

Xoán XXIII pasará á historia como o Papa que convocou o Concilio Vaticano II, que foi o maior acontecemento dos tempos modernos. Pero Xoán XXIII, coa súa naturalidade, coa súa bondade e a súa humildade, será o “Papa bo” que conquistou a católicos e non católicos. Eu mesmo puiden comprobalo escoitando ó pobo de Roma”.

Alfonso Vilariño Blanco, dtor. espiritual da Adoración Nocturna Feminina:

“Sería absurdo en catro liñas dar unha testemuña sobre o Xoán Paulo II. Con todo o risco digo que asumiu con coherencia, con coraxe e con esperanza a súa misión, centrada en dúas claves: “Abride as portas a Cristo; non teñades medo” e a Nova Evanxelización”..

A Xoán XXIII defínoo, como o aclamou o pobo romano: “O Papa Bo”. Tamén (non son orixinal), defínoo como aquela serventa romana: “un cristián auténtico na cadeira de Pedro”. Tomou ao pé da letra cada un dos artigos da fe que lle ensinaron.

Ler máis

Asinado un convenio para crear un arquivo fotográfico dixital de patrimonio relixioso

Asinatura convenio foto dixital

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón e o Vicario Xeral da Diocese de Lugo, Mario Vázquez Carballo, asinaron o día 25 de abril un convenio para a recollida de maneira fotográfica dixital de parte do patrimonio relixioso da cidade de Lugo: Catedral de Lugo, Pazo Episcopal, Igrexa de San Pedro (conventual de San Francisco), Convento de Santo Domingo, igrexa de Santiago A Nova, igrexa de San Froilán, Capela de San Roque, Capela do Carme e Capela da Soidade.

Será de gran interese para a difusión do patrimonio histórico-artístico da cidade de Lugo pois as imaxes dixitalizadas usaríanas, por exemplo, estudosos da evolución da cidade.

O proxecto enmárcase dentro do programa Muralla Dixital, financiado pola Unión Europea, e que busca valorar o patrimonio histórico e arqueolóxico a través da aplicación e do uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación.

Aemblea de Catequistas da Diocese de Lugo

portada Orientacións animador catequese

A Delegación diocesana de Catequese convocou unha Asemblea de Catequistas no Seminario Diocesano o sábado 26 de abril, co seguinte programa:

10,30h Acollida

11 h Presentación: ser catequista hoxe á luz do libro Queridos catequistas do Papa Francisco.

11,30h Reflexión en grupos

12h Posta en común. Presentación de iniciativas e experiencias

12,45h Eucaristía

13,45h Comida

15h Proxección da película

17h Envío e despedida

Na Asemblea entregouse de material para usaren os catequistas nas reunións cos pais.

Iniciativa misioneira na parroquia de San Antonio de Padua

parroquia San Antonio Lugo 2

Na parroquia lucense de San Antonio poñen en marcha unha iniciativa misioneira, que permitirá aos nenos coñecer que se experimenta cando se axuda a outros nenos que o necesitan. Poderán comprobar que facer felices aos demais co seu granciño de area non ten prezo.

Como primeiro paso que dá comezo a esta iniciativa, hai unha Vixilia de carácter misioneiro  o 26 de abril (sábado) ás 20:30 .

Posteriormente, adícase o mes de maio como mes das misións, e comézanse unha serie de talleres para nenos o día 11 de maio despois da misa das 11:00 da mañá, e continuará á mesma hora os días 18 e 25 de maio. Nestes talleres haberá cinema, contacontos, manualidades…. e até haberá carnés! Colabora a Delegación de Misións.

 

A %d blogueros les gusta esto: