Ramón Acosta é profesor no Instº Juan Pablo II e o día 15 de marzo está invitado a dar unha charla no Curso de formación en matrimonio e familia que organiza o COF.
– Que é a pastoral familiar?
– É a acción evanxelizadora que realiza a Igrexa, orientada polos seus pastores, na familia e coa familia como conxunto, acompañándoa en todas as etapas e situacións do seu camiño. Noutras palabras: non falamos de estruturas, nin de expertos, nin da obrigación de facer cousas coas familias. Trátase de cambiar o chip mental e apuntarse a unha conversión pastoral. É tomar a vida mesma das familias, son elas quen solicitan axuda, acompañamento, formación, etc. Son as auténticas protagonistas das súas vidas e da pastoral familiar. É estar presentes, acompañar e compartir experiencias. É axudar a que cada un descubra a súa vocación ao amor, se constrúa como persoa e estea capacitado para construír un fogar. Aí debe facerse presente calquera forma de pastoral familiar.
– Redúcese ao acompañamento aos futuros esposos?
– A pastoral familiar non se reduce a momentos precisos: vodas, bautizos, comuñóns). Estará presente en todas as etapas de crecemento da persoa e en todas as familias. Non será unha pastoral sectorial que unhas veces chega demasiado tarde e que logo deixa de estar presente cando máis falta fai aos novos esposos. En conclusión, e sumando ao que se fai: temos que chegar antes cunha preparación remota e próxima, e acompañar despois nos difíciles momentos de construír unha familia. Quen na súa familia non atendeu aos seus membros en calquera momento da súa vida, para darlles acompañamento, coidados, amor, formación…? Por que ten que ser diferente a pastoral familiar?
Ler máis
Gústame esto:
Gústame Cargando...