Miguel Ángel Álvarez: A fe fai que a nosa vida sexa plena

A fe non só se presenta como un camiño, senón tamén como unha edificación, como a preparación dun lugar no que o home poida convivir cos demais”

Así di a cita do número 50 da Lumen Fidei. Certamente, con frecuencia, falamos da fe como un camiño e, como tal, así tratamos de facelo: camiñar ata o encontro definitivo con Deus. Un camiño que, por outra banda, comezamos cando o mesmo Deus quixo chamarnos á existencia.

Pero o Papa, ademais, convídanos a ver a fe tamén como unha edificación, como un “lugar” no que o home poida “vivir” e “convivir” cos demais. Efectivamente, esta é a gran achega da fe, non só algo que nos sirva para despois da morte, senón como algo que, xa desde agora, fai que a nosa vida, e a dos demais, sexa auténtica, sexa unha VIDA con maiúsculas.

Como case sempre, as aparencias enganan. Mirando fría e materialmente a vida dun cristián e a dun non cristián non se distinguen en nada. Ambos teñen que comer e traballar, ambos terán momentos alegres e tristes, éxitos e traballos, enfermidade e saúde… pero, non podemos confundir vivir con sobrevivir. Os animais sobreviven, as persoas tratamos de vivir. A fe fai que a nosa vida sexa plena. Un non crente non pode esperar nada máis aló da morte, un cristián pódeo esperar todo.

Nós, os que tentamos seguir a Cristo no camiño da fe, vivimos cunha esperanza que non se esgota nunca, e isto é, precisamente, o que nos fai vivir, xa desde agora, coma se estivésemos no mesmo ceo. De nós depende que edifiquemos ben “esta casa” para convivir como irmáns.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Formación para seglares en Sarria e Monforte

O venres 7 de febreiro, ás 20:00, comeza a formación en Sarria, nos locais da parroquia de Nosa Señora do Rosario (rúa Formigueiros, s/n). Tratarase o tema da familia durante este curso, e a primeira sesión será “A familia, igrexa doméstica”, reunión dirixida por Alfredo Losada, Delegado de apostolado seglar.

O 14 de febreiro, ás 20:30, en Monforte, nos locais da igrexa de S. Antonio (r/ Manuel María, s/n), abórdase o tema do “Fundamento cristián de actuación na vida pública: caridade política”, reunión guiada por Breogán Udías, educador social e membro de Arela.

Campaña contra a fame de Mans Unidas Lugo

Anuncio Mans Unidas anv

O venres 7 de febreiro é o Día do Xaxún Voluntario. Ás 19 h no Seminario hai unha Eucaristía e a continuación merenda solidaria no mesmo lugar.

O domingo 9 é a Xornada Nacional de Mans Unidas. A cuestación nas igrexas dese día e do anterior destínase aos proxectos de Mans Unidas Lugo en Sudán do Sur e Guatemala.

O luns 10 de febreiro ás 20h no salón de actos da Fundación Novagalicia Banco, a misioneira en Zimbabwe, Dolores Pérez Carrasquilla dará unha conferencia co título “Un mundo novo, proxecto común”. 

Ver manifesto

Presentación dun libro de Bernardo García Pintado

FotoBernardo García Pintado

Bernardo Recaredo García Pintado nace en Quiñones do Río (León) en 1934. Ingresa de moi neno no Mosteiro de Samos destinado xa para ir ao Mosteiro de San Benito de Buenos Aires e desde 1984 está no Mosteiro de Santo Domingo de Silos.

Presentou en Samos recentemente o seu libro Confesións dun monxe. O amor que namora. Bernardo mostra o seu periplo vital e relixioso, con curiosas anécdotas. Tamén trata temas fundamentais como o home, a vida, a morte, o amor e a fe. Son vivencias presentadas con verdade e con sinxeleza, por medio dunha narración fermosa e fluída. Destila optimismo e alegría de vivir e nótase que o autor fala co corazón. Sinala un camiño para atopar a paz, o equilibrio e a realización plena como persoa. 

Novena en honra da Virxe de Lourdes

Novena Lourdes JPEG

Na igrexa lucense de San Froilán hai unha novena organizada pola Hospitalidade Diocesana de Lourdes. É do luns día 3 ao martes día 11 de febreiro, ás 19:30 .

Os sacerdotes predicadores son:

– Día 3: David Varela Vázquez;

– Día 4: Miguel Asorey Otero;

– Día 5: Manuel Otero Méndez;

– Día 6: Jesús Santiago Vázquez;

– Día 7: Manuel Rodríguez Sánchez;

– Día 8: José Otero Seijas;

– Día 9: Mario Vázquez Carballo;

– Día 10: José L González Regueiro

– Día 11: Miguel Álvarez Pérez.

A %d blogueros les gusta esto: