Manuel Areán: Mans que debuxen sorrisos

En tempos dos primeiros cristiáns, segundo contan os Feitos dos Apóstolos (Feitos 2,46), había unha característica que chamaba poderosamente a atención de todos: a alegría.

Non é difícil comprender por que estaban alegres neses primeiros tempos. Estaba moi próximo o paso do Noso Señor Xesucristo entre eles. Cando se reunían na Eucaristía, algúns deles aínda terían o recordo de Xesús bendicindo o pan e repartíndoo. Tamén estaban alegres porque viran grandes prodixios e eran testemuñas fieis das marabillas que fixera Deus.

Hoxe, xa non é tan doado atopar a alegría. De feito, volveuse máis ben excepcional. Todo o mundo adoita ser áspero, impaciente, ás veces duro e non nos estraña coñecer a xente con amarguras e rostro desgustado. Pero os cristiáns temos un motivo fundamental para estar alegres: Somos fillos de Deus e nada nos debe turbar. Para a verdadeira alegría nunca son definitivas nin determinantes as circunstancias que nos rodeen, porque está fundamentada na fidelidade a Deus, no cumprimento do deber, en abrazar a Cruz.

Ler máis

Novena en honra da Virxe da Esperanza

Do 10 ao 18 de decembro celebrarase a novena en honra da Virxe da Esperanza, ás 20 horas na parroquia de Santiago A Nova. Os predicadores son o Reitor do Seminario, David Varela Vázquez, sacerdotes da Nova, o capelán da confraría Alejandro Pin. E o día 18 clausurará o Sr. Bispo, con actuación do Orfeón Lucense. Organiza a Confraría da Virxe da Esperanza de Lugo.

Celebracións con motivo da festa da Inmaculada

Na igrexa da Milagrosa de Lugo, o día 7 ás 19:30 haberá a Vixilia da Inmaculada presidida polo señor Bispo.

A solemnidade da Inmaculada Concepción é de precepto, pero en atención á tradición desta festa en España, o Vaticano dispensa para o ano 2013 da observancia das normas litúrxicas que impoñen o seu traslado ao luns seguinte, día 9 de decembro. Na Catedral, a Misa solemne o día 8 é ás 12h. presidida por Mons. Alfonso Carrasco.

A fe ensancha os horizontes da razón

O pasado domingo clausurábase o Ano da Fe. Un ano de graza que a Igrexa nos brindou para descubrir de novo o valor da fe e profundar nela.

Neste comentario semanal á encíclica Lumen Fídei chegamos ao final do capítulo segundo. Nesta serie de números achegámonos, por así dicilo, ao Deus-Creador-Enxeñeiro, que fai que todo o que vemos e somos cadre e teña sentido.

Unha primeira cita do número 34 di:

A luz do amor, propia da fe, pode iluminar os interrogantes do noso tempo en canto á verdade. (LF34)

E a segunda cita dinos:

A mirada da ciencia benefíciase asi da fe: esta convida ao científico a estar aberto á realidade, en toda a súa riqueza inesgotable. A fe esperta o sentido crítico, ao non permitir que a investigación se conforme coas súas fórmulas e axuda a decatarse de que a natureza non se reduce a elas. Convidando a marabillarse ante o misterio da creación, a fe ensancha os horizontes da razón para iluminar mellor o mundo que se presenta aos estudos da ciencia. (LF 34)

En contra do que podería pensarse nun primeiro momento, a fe non pon limites á ciencia nin á razón. Como di o Papa, a fe ensancha os horizontes da razón… case poderiamos dicir que a fe fai que a ciencia sexa ilimitada e non se esgote nunca.

A isto podemos engadir o froito solidario que obtemos da ciencia cando está acompañada pola fe, e destinámola para dignificar e facilitar a vida do home e dos pobos. Ben o sabemos, sen a fe, a ciencia vólvese tremendamente destrutiva, só temos que pensar na bomba atómica ou no aborto.

Deus ilumina todo, porque todo é obra súa, nada é alleo para El, tampouco a ciencia.

                                             Miguel Ángel Álvarez

                                            Párroco de San Froilán

Encontro pastoral ao comezo do Ano Litúrxico

O Sr. Bispo convida a participar a todos os diocesanos, sacerdotes, consagrados, laicos no encontro diocesano de inicio do Ano Litúrxico, que terá lugar en Silleda-Siador o próximo día 3 de decembro.

O encontro desenvolverase da seguinte maneira:

  • 11:00. Acollida no salón parroquial da Casa reitoral de Silleda, oración e desenvolvemento do tema: “O Ano da Fe e a encíclica Lumen Fidei” por Luciano Armas Vázquez

  • 12:30. Descanso

  • 13:00. Celebración penitencial na igrexa parroquial de Silleda

  • 14:15. Comida fraternal.

  • 17:00. Eucaristía no Santuario da Saleta en Siador.

A comida, por 15 euros, será nun restaurante de Silleda. Desde Lugo disponse un servizo de autobús, sendo o prezo do mesmo de dez euros. A saída será ás 9:30 da mañá desde a Praza de Bretaña. Cómpre apuntarse para a comida e o autobús antes do 28 de novembro. Teléfono: 982 21 42 65

A %d blogueros les gusta esto: