Chamoume a atención este titular nunha revista especializada en pedagoxía. Asúmoo e divulgo. O poder dos medios de comunicación, a influencia comercial norteamericana, a forte industria televisiva, a atractiva arte cinematográfica de Hollywood, axudados polas nosas sumisas vontades e conciencias pouco críticas e adormentadas, conseguiron a globalización de “Halloween”; e fixérono de tal modo que invadiron os nosos centros comerciais, educativos, rúas e fogares.
Aínda que é un fenómeno relativamente recente na nosa cultura, triunfou con gran celeridade porque regresa a espazos onde tivo as súas orixes. Ademais, é certo, afunde as súas raíces no noso imaxinario colectivo (a Santa Compaña) e en formas e concepcións con estruturas antropolóxicas de gran semellanza coas das nosas sociedades e tempos. Na actualidade, estas celebracións aparecen contaxiadas con novos rituais e formas de culto pagás, inxenuamente aceptadas, especialmente por escépticos, agnósticos e laicistas anticristiáns e arrelixiosos.