Miguel Ángel Álvarez Pérez: A figura do sacerdote hoxe e sempre

 O 10 de maio é o día de San Xoán de Ávila, patrón do clero secular español. En Lugo, e noutras moitas dioceses de España, os sacerdotes estamos de festa, e tamén aproveitamos a ocasión para facer unha homenaxe aos nosos compañeiros que celebran as súas vodas de prata e ouro sacerdotais, 25 e 50 anos de fidelidade sacerdotal.

Moitos días comento cos meus compañeiros sacerdotes algo que me chama poderosamente a atención. Teño a impresión de que hoxe ninguén fai caso aos curas, que todo aquilo que dicimos pasa totalmente desapercibido e que non interesa a ninguén. Pero, ao mesmo tempo, atopámonos con que non nos chegan as horas do día para atender a todas as persoas que acoden a nós, nin para levar a cabo todas as actividades que dependen do noso ministerio sacerdotal, mesmo, ás veces, co perigo de terminar queimados e sempre incomprendidos.

Pero, máis aló do actual activismo dos sacerdotes, está o mesmo Cristo, o único sacerdote, do que nós participamos polo sacramento da Ordenación. Antes, durante e despois de facer un é sacerdote. Ante todo, somos.

Ler máis

Celebración de Nosa Señora de Fátima na igrexa de San Pedro, Lugo

A Novena en honra da Virxe de Fátima finaliza na igrexa de San Pedro (Lugo) o día 13 de maio. Ás 11 da mañá celébrase a Eucaristía para os enfermos. Administrarase o sacramento da Santa Unción

 Nos días previos, polas mañás, a  Misa é ás 9 no altar de Fátima. Polas tardes, ás 18:30 solemne función relixiosa (santo rosario, exercicio da novena, Misa). O domingo 12 é ás 17:30. O orador é Alfonso Vilariño Blanco. Organizan: Asociación Fillas de María, Lexión de María e Apostolado Mundial de Fátima (Exército Azul).

 

Cáritas ofrece un taller sobre redes sociais

O 10 de maio, comeza un taller sobre Redes Sociais, no que se tratará o uso responsable das redes sociais e a utilización das mesmas na procura de emprego.

Participan no taller mozos desempregados con idades comprendidas entre os 17 e os 25 anos. En horario de 10 h a 14 h. impártese no Centro de Servizos de Cáritas Diocesana de Lugo na Avenida das Américas, 93-97 e colabora o Delegado de Medios de Comunicación da Diocese, José Manuel Castro.

Este taller está organizado polos programas de Emprego e de Infancia e Mocidade de Cáritas Diocesana de Lugo organizan. 

10 de maio, San Xoán de Ávila

Acto académico San Xoán de Ávila

A Delegación Diocesana do Clero organiza os seguintes actos no Seminario de Lugo o 10 de maio:

  • 11:30 Conferencia de Benito Méndez Fernández (na foto, á dereita).

    Benito é doutor en teoloxía pola Pontificia Universidade Gregoriana e falou sobre “O Concilio Vaticano II e a súa influencia na vida dos curas”.

  • 13:00 Eucaristía

  • 14:00 Comida de irmandade.

Cáritas Lugo asina un convenio coa Axencia Tributaria

O Delegado da Axencia Tributaria, José María Núñez Pérez, e o Director de Cáritas diocesana de Lugo, Ginés Plaza Fernández, asinaron o 6 de maio un convenio de colaboración que facilita a presentación das declaracións da renda ás persoas atendidas por Cáritas. Segundo o Delegado da Axencia Tributaria, é algo que se fai con máis institucións e organismos. Aínda que en Galicia é a primeira vez que se asina un convenio destas características. Dixo ademais José María Núñez que “Cáritas é exemplar na súa prestación, non só de bens senón tamén de servizos. E todo o mundo necesita unha declaración da renda, aínda que sexa para xustificar que se teñen rendas escasas”.

Pola súa parte, o Director de Cáritas explicou que se usará a vía telemática, evitando así demoras.

A %d blogueros les gusta esto: