II Xornada interdiocesana de Radio María Galicia

O día 5 de maio, celebrouse a II Xornada Interdiocesana de Radio María Galicia no Seminario Diocesano de Lugo. No transcurso da mesma, e trala presentación e exposición de grupos, houbo diversos talleres de formación -transmisións, gravación, difusión e liturxia-, unha Eucaristía, e visita guiada á Catedral. Na foto, voluntarios de Radio María Galicia.

Ao final da Xornada, celebrouse no salón de actos do Seminario un concurrido encontro cos oíntes. Proxectouse unha curtametraxe promocional dun dos programas de Radio María “Hai moita xente boa”. O director desta curtametraxe é Antonio Cuadri. O P. Esteban Munilla, director da emisora, falou sobre os proxectos de futuro en Galicia.

Concerto solidario de Mans Unidas

 

O mércores 16 ás oito da tarde no Círculo das Artes hai un concerto que servirá para deleitarse coa música e recadar fondos destinados aos dous proxectos que financia a delegación de Lugo de Mans Unidas.

Coa Banda Municipal de Lugo, dirixida por Rosendo Iborra, actuará como solista de canto Lourdes Santos Sanz. O  programa do Orfeón Lucense está a cargo de Marcos Fernández Mosquera.

Hai pezas da banda soa, outras só do Orfeón e varias interpretacións conxuntas das dúas agrupacións musicais.

Peregrinación – Encontro da mocidade no Faro

Do mesmo xeito que en anos anteriores, o Bispo da Diocese convoca á mocidade para participar na Peregrinación e Encontro de mozos na Ermida da Nosa Señora de Faro. O sábado 19 de maio haberá un encontro de comuñón eclesial no que o Espíriu Santo derramará a súa xenerosa graza sobre todos os participantes.

O ano pasado participaron ao redor de 400 mozos; e espérase que cada convocatoria se vexa enriquecida cun número maior de xoves unidos para compartir a fe e manifestar ante o mundo a forza da Igrexa nova.

O horario é o seguinte:

  • 10:15 – Chegada dos peregrinos ao Adro do Monte Faro (na estrada Chantada-Lalín).

  • 10:30 – Acollida e comezo da peregrinación,

  • 12:00 – Chegada dos peregrinos á Ermida de Nosa Señora do Faro. Testemuño de dous mozos participantes na Xornada Mundial da Mocidade 2011, cantos, confesións, etc.

  • 13:00 – Eucaristía presidida polo noso Bispo. (Terminada a Misa exporase o Santísimo e trasladarase en procesión á Ermida na cal quedará exposto até a tarde. Cada grupo ou parroquia será o encargado de cubrir unha pequena quenda de adoración cos seus mozos).

  • 14:00 – Comida. (Cada un levará a súa)

  • 15:00 – Tempo de descanso.

  • 17:00 – Bendición co Santísimo.

O lema escollido para este ano é Testemuñas do Amor. Esta frase está enmarcada nunhas palabras que o Papa dirixiu a todos os mozos o domingo de Ramos de 2011: “Sede testemuñas alegres e incansables do amor de Deus”.

Os que participen non terán que inscribirse. De todos os xeitos estaría ben que antes do día 14 de maio se facilite o número aproximado de xoves que irán de cada grupo para organizarnos mellor e informar á compañía de seguros.

Antes do día 15 o encargado de cada grupo que vaia desde Lugo e desexe facelo en autobús informará á Delegación do número de xoves, para poder así facer a contratación con tempo suficiente. Poden informar no teléfono 982 220 100.

Para estes peregrinos o autobús (ou autobuses) sairán ás 9:15 h. da Praza de Bretaña, en Lugo.

Visita pastoral á parroquia de San Froilán

O programa da visita pastoral do señor Bispo á parroquia de San Froilán, de Lugo, é o seguinte.

Venres, 11 de maio

Ás 8 h. Confirmacións (17 nenos/as e mozos/as)

Domingo, 13 de maio

· Ás 12 h. Misa Estacional.

· Ás 13 h. encontro cos fieis no Salón Parroquial.

Luns, 14 de maio

· Ás 10:00 h. visita ao colexio da Milagrosa e á Comunidade das Fillas da Caridade.

· Pola tarde, encontro cos grupos, movementos e colaboradores da parroquia e Eucaristía.

Martes, 15 de maio.

· Ás 11 h. visita á Comunidade das Nais Agostiñas.

· Ás 12:30 h. Visita aos residentes e á Comunidade das Irmás da Cruz.

· Pola tarde, visita a algúns enfermos da parroquia e Eucaristía.

Mércores, 16 de maio

· Visita á Alianza en Xesús por María e Eucaristía.

ALGUNHAS ACTIVIDADES MAIS DO SEÑOR BISPO O DÍA 11 DE MAIO

O Bispo de Lugo participa na presentación da colección “Mosteiros e Conventos”

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, participa no acto de presentación da colección “Mosteiros e conventos” da editorial Hércules, o venres 11 de maio, ás 11.30 h, na sala multiusos do Museo Provincial de Lugo.

Nesta presentación tamén participa o profesor titular de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela, José Miguel Andrade Cernadas.

A colección “Mosteiros e conventos” pretende facer unha homenaxe e recoñecemento da importancia histórica e cultural destes lugares de espiritualidade, así como resaltar a importancia que a súa existencia representou e representa para a sociedade.

 

O día 11, Eucaristia ás 13 h na Catedral

O mesmo día 11 Mons. Alfonso Carrasco Rouco preside unha Eucaristia ás 13 h na Catedral á que asisten centenares de ex traballadores de Telefónica do noroeste de España.

Seminaristas manteñen un encontro no Parlamento co presidente da Xunta

O 8 de maio, 60 seminaristas menores da Diocese de Lugo, acompañados por algúns dos seus profesores e formadores, visitaron o Parlamento de Galicia.

Durante as tres horas que durou a visita os seminaristas tiveron a posibilidade de coñecer os distintos lugares do Parlamento, desde o Salón dos Reis até as salas de reunión dos grupos políticos. Desde a zona de invitados presenciaron parte do debate que se estaba levando a cabo no Salón de Plenos.

Durante a súa visita, os seminaristas estiveron acompañados polos deputados Román Rodríguez e Marta Rodríguez, ambos da provincia de Pontevedra, María Seoane da provincia da Coruña e os lucenses Damaso López, María Lourdes Yáñez, María Emma Álvarez e Jaime Castiñeira.

O Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo quixo recibir aos seminaristas no Salón dos Reis. Alí compartiu con eles máis de media hora e animounos a “estudar, formarse ben e apostar polos valores que emanan da fe cristiá e que son un alicerce básico da nosa sociedade”. Igualmente lembroulles a importancia da “Igrexa católica polo gran labor que realizou e segue realizando en favor da humanidade” e instounos a que buscasen “sen descanso a súa vocación a través do comprender e do saber e non do ter”. “E que saibades -asegurou Núñez Feijóo- que ten máis valor un cura dunha pequena parroquia rural que un presidente da Xunta”.

A %d blogueros les gusta esto: