Celebración na Parroquia da Milagrosa

O domingo 4 será un dos días máis esperados das festas do barrio lucense da Milagrosa, xa que ás 12 h terá lugar a misa solemne na igrexa da Milagrosa, seguida da procesión.

Co lema “Compartir fainos medrar” desde o día 26 de agosto está organizándose no salón parroquial un mercado solidario, que permanecerá aberto ata o 7 de setembro. Hai produtos artesanais, alimenticios, libros… A finalidade é recadar fondos para a atención ás familias necesitadas, entregando uns 100 vales de material escolar. Ademais desta campaña de axuda á volta ao colexio, tamén se procuran fondos para mellorar as instalacións da Parroquia. O horario de apertura do mercado solidario é de 18 h a 20:30h.

Parroquia San Lourenzo de Albeiros, 60 anos sendo luz dun barrio

O 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, a parroquia lucense de Albeiros, que ten esta advocación, celebrou os 60 anos como parroquia independente. O Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco presidiu a Eucaristía, que concelebraron os párrocos da cidade de Lugo. Estivo presente a alcaldesa Lara Méndez e representantes de grupos municipais do Concello.

Na homilía, Mons. Alfonso Carrasco, sinalou, entre outras cuestións, que “tendo fe nunca deberiamos de perder un fondo de paz e de alegría, nunca deberiamos deixar de estar certos do amor de Deus, da súa compañía, de que coida a nosa vida. Todo isto o significa unha Parroquia, que é un lugar onde nós constantemente afirmamos isto de verdade… Profesa a fe en Deus, reza, escoita, recibe, crece en esperanza… o amor de Deus manifesta o seu coidado de nós de moitas maneiras, tamén cunha fraternidade, cunha veciñanza que leve unha alma fraterna dentro, de axuda mutua. E todo iso é unha Parroquia”.

A parroquia lucense de San Lourenzo de Albeiros celebra os seus 60 anos

O 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, a parroquia lucense de Albeiros, que ten esa advocación, celebra os 60 anos como parroquia independente. O devandito día ás 12 h o Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco presidirá a Eucaristía, que concelebrarán os párrocos da cidade de Lugo. Estará presente a alcaldesa Lara Méndez.

Unha das parroquias con que contaba a cidade de Lugo hai 60 anos era a de S. Froilán, que tiña como anexo S. Lourenzo de Albeiros pero foi erixida como única e independente hai 6 décadas.

Primeiros tiempos (tomado do artigo de Gonzalo Fraga Vázquez “Cinco parroquias de la ciudad de Lugo celebran este año sus bodas de oro”, Lvcensia, nº 45, páxs. 351-360)

O día 17 de novembro de 1961 fanse públicos os nomeamentos de D. Antonio Luis Soto Camino como párroco e de D. Constantino Vázquez Díaz como coadxutor. E o día 2 de decembro toman posesión dos seus cargos.

En S. Lourenzo de Albeiros contábase cun templo pequeno e pouco centrado que seguiu utilizándose como único templo até a construción da nova igrexa. Xestionadas polo bispo D. Antonio Ona de Echave, a parroquia recibe unha subvención de 1.500.000 pesetas, con vistas á construción dunha nova igrexa. Cómprase un solar duns 5.000 metros cadrados por valor de catrocentas mil pesetas, o 30 de marzo de 1963. O proxecto da obra é encargado a D. Efrén García Fernández, arquitecto xefe de León e máis tarde de Oviedo. Como contratistas contrátase á Empresa de D. Severino Martínez e D. Heriberto Pozo. O aparellador será D. Rafael Serrano, que o era de Facenda naquel momento. As obras comezaron a bo ritmo, pero, ao faltar diñeiro, retárdanse e até se paralizan uns anos ata que en 1984 procédese á bendición do novo templo por parte do Vigairo Xeral, D. José Julio Quindós Pardo.

As obras da igrexa, vivenda para dous sacerdotes e salón parroquial foron custeadas coa subvención xa citada, con donativos particulares, dalgunhas entidades, Caixas de Aforro, empresas e industrias da parroquia e Deputación Provincial.

A imaxe de Cristo Resucitado, obra do artista xixonés Urresti, é un agasallo do Grupo Lixeiro de Cabalaría.

A nova parroquia de S. Lourenzo de Albeiros comezou a súa andaina en 1962 con 2.100 fregueses”. (Gonzalo Fraga Vázquez “Cinco parroquias de la ciudad de Lugo celebran este año sus bodas de oro”, Lvcensia, nº 45)

Reapertura da igrexa parroquial de San Pedro (Lugo)

A partir desta semana reábrese ao culto a igrexa parroquial de San Pedro. Os horarios de apertura serán de 11:00 h a 13:00 h e de 17:00 h a 19:00 h.

Tendo en conta as circunstancias da pandemia e o tempo que leva pechada por obras, farase de xeito progresivo a continuación da celebración das eucaristías, actos de piedade popular vinculados á devandita igrexa parroquial e reunións de movementos. En canto ás eucaristías, comezan coa Misa os domingos ás 11:00 da mañá.

A atención pastoral aos enfermos, Cáritas e catequeses continúa como até agora, desde que se pechou por obras, en conxunto coa parroquia de San Froilán.

Teléfono de contacto: 982 241 698

Correo: parroquiasanpedrolugo@gmail.com

Clausura da Novena da Graza

O sábado 12 de marzo, clausúrase a Novena da Graza cunha Eucaristía ás 19 h presidida polo Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco. A continuación terá lugar a procesión dos fachos coas reliquias de San Francisco Xavier.

Este ano é especial pois cúmprense 60 anos da Novena da Graza en Lugo. O 4 de marzo de 1962 comezaba unha Novena que foi predicada polos sacerdotes da cidade, ademais de Francisco Díaz Prieto e Dositeo Vilariño. Como aínda non estaba construído o actual templo, os actos era non percheiro da Compañía de María (actual María Auxiliadora). Esta primeira Novena tamén fora clausurada o día 12 polo bispo Mons. Antonio Ona de Echave.

Ademais dos 60 anos da Novena, tamén se lembra que hai 400 anos foi canonizado San Francisco Xavier.

A %d blogueros les gusta esto: