Primeiras comuñóns

É tempo de primeiras comuñóns. Moitos nenos, motivados polos seus pais, sacerdotes e familia, preparáronse axeitadamente para tan importante acontecemento. Lugo, cidade do Sacramento, debería distinguirse pola seriedade na preparación de algo tan sagrado e pola continuidade na formación relixiosa e pola inserción parroquial no tempo. Os sacramentos non son acontecementos illados. Teñen unha dimensión social de relevancia. De feito, responden a momentos irrepetibles da existencia humana: nacer, crecer, presentarse en sociedade, maioría de idade, a constitución dunha familia, a elección vocacional, a enfermidade e a morte…

Se o fundamental nas primeiras comuñóns é Cristo, a preocupación primeira da familia e da parroquia enteira, debería de ser achegar os nenos ao Señor: «Deixade que os nenos se acheguen a min» (Mc 10, 14). A través de propostas educativas e pastorais de continuidade é cando se fai posible a experiencia de fe. Experiencia que debería estar sempre acompañada polo testemuño de vida e o exemplo dos adultos (vin algúns casos nos que os pais e os padriños quedan de espectadores e nin sequera comulgan). A primeira comuñón non debería ser, nunca, a última comuñón e a última participación na eucaristía dominical. Se así fose estariamos convertendo tan sublime acontecemento nun acto social, lúdico, festivo, consumista e pouco exemplarizante para todos. Precisamente, porque a austeridade non rifa coa festa e a alegría, a coherencia co que alí se celebra esixe a caridade e a solidariedade cos máis pobres.
Nestes tempos en que asistimos con dor a tanta inxustiza, a acontecementos tan tráxicos con miles de mortos en Nepal (parece que xa superan os cinco mil), non ten ningún sentido, nin agora nin nunca, comulgar co Deus do amor na Eucaristía e vivir á marxe de tanto sufrimento e de tanta dor. Un xesto exemplarizante podería ser pedir aos nenos e ás familias, unha colecta para Cáritas co fin de colaborar no sustento e o coidado de tantos nenos que se atopan xa sen pais e sen fogar por causa dunha catástrofe tan aterradora.
Cando ía escribir isto, chegou ás miñas mans unha pastoral do Bispo de Calahorra e La Calzada-Logroño, titulada `Carta do Bispo aos nenos que celebran a primeira comuñón’. Comeza, para a miña sorpresa, cunha referencia á nosa Diocese, deste xeito: «Unha antiga tradición do século XIV, confirmada por diversas fontes históricas e arqueolóxicas, di que sobre o altar da capela lateral da igrexa do Cebreiro, en Galicia, estaba celebrando a eucaristía un sacerdote benedictino. Pensaba que aquel cru día de inverno, en que a neve amoreábase e o vento era insoportable, ninguén viría á Misa. Pero equivocábase. Un paisano de Barxamaior, chamado Juan Santín, achegouse camiñando ata O Cebreiro para participar na Santa Misa. O monxe celebrante, de pouca fe, non soubo valorar a fe e o sacrificio do campesiño que viaxou a pé nun día de tanto frío. No momento da Consagración o sacerdote percibe como a Hostia convértese en carne sensible á vista, e o cáliz en sangue, que ferve e tingue o mantel do altar».
Sucedeu aquí, en Lugo. Relátao, de novo, o Bispo de Calahorra. Moitos peregrinos e fieis, hoxe rezan devotamente ante o Santo Grial, alí no Cebreiro. Xesús quería afianzar a débil fe daquel monxe, pero tamén a de todos os lucenses e de todos os homes da terra. Tratábase dun milagre asombroso. Cada primeira comuñón pode ser hoxe un novo milagre, Xesucristo, sen dúbida, pon a mellor parte pero pídenos e esixe unha responsable colaboración.

Mario Vázquez Carballo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: