Ramón Rodríguez Mondelo: 50 anos de ministerio sacerdotal

Ramón Rodríguez Mondelo

  Ramón Rodríguez Mondelo, naceu o 9 de xuño de 1939. Recibiu o bautismo na parroquia de Santa María de Villaster, Quiroga. Estudou no Seminario de Lugo e foi ordenado sacerdote polo Bispo Ona de Echave o 11 de agosto de 1963.
Tras dous anos como coadxutor da parroquia de Santa María da Régoa, en Monforte, foi destinado á parroquia de San Martín de Suarna, na Fonsagrada.
A esta parroquia inicial iránselle engadindo as parroquias de Lamas de Campos, Fonfría, Monteseiro, Allonca, A Fonsagrada, Poboa de Burón, Padrón, Negueira de Muñiz, Ouviaño, Barcela, Ernes, Río de Porto e Cuiñas.
En 1990 foi nomeado arcipreste da zona.
Todo o que coñece a Don Ramón sabe que pasou a súa vida ao servizo da Igrexa, completamente entregado ás súas parroquias e fregueses. Aínda que non naceu alí converteuse nun fonsagradino máis. Aceptado e estimado por todos eles.
A súa cara amable, o seu xesto tenro e sincero, a súa xenerosidade con todos, en especial cos pobres, son trazos do seu carácter e a súa maneira de ser que o fixeron un sacerdote moi querido e apreciado.
A súa preocupación polas igrexas levouno a arranxalas mesmo co seu propio diñeiro. As súas restauracións destacan polo gusto e estilo co que se levaron a cabo. Foi o precursor da recuperación do Santuario de Nosa Señora da Veiga en Negueira de Muñiz, cuxa festa se celebra o 15 de agosto.
Don Ramón é un home de gran formación teolóxica e moita sensibilidade litúrxica. Destacan os seus espectaculares beléns en Nadal e os coidados monumentos en Semana Santa.
Ademais é o gran impulsor do Camiño Primitivo. Puxo en marcha, con moito esforzo, o primeiro albergue desta ruta na parroquia de O Padrón. Tendo en conta a atención espiritual e material a todos os peregrinos.
Don Ramón celebra agora as súas vodas sacerdotais. Cincuenta anos ao servizo da Igrexa e dos seus fieis. A súa vida de entrega aos demais é motivo de agradecemento. Un verdadeiro pastor que viviu entregado ás súas ovellas.

[María José Campo López-Barcia – Miguel Ángel Álvarez Pérez]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: