San Xosé, corazón de pai (I)

O 8 de decembro de 2020, o Papa Francisco regalounos unha carta apostólica Patris Corde (Corazón de Pai), con ocasión do 150 aniversario da declaración, polo papa Pío IX, de San Xosé como Patrón da Igrexa universal. Acompaña a esta carta a concesión de indulxencias especiais para este ano. É un bo obsequio para toda a Igrexa.

O Papa propón a San Xosé como modelo de entrega e vida oculta. San Xosé ten un protagonismo especial na historia da salvación. Fixo da súa vida un servizo ao misterio da Encarnación. Os dous evanxelistas que evidencian a súa figura, Mateo e Lucas, reiteren pouco, pero o suficiente para entender que tipo de pai foi e a misión que a Providencia lle confiou. O Papa na carta expón en breves trazos a información que proporcionan os evanxeos sobre a vida de Xosé: un humilde carpinteiro, desposado con María, nome xusto e cumpridor da vontade de Deus, testemuña do nacemento de Xesús, e da súa adoración polos pastores e os Magos; desempeñou o papel que lle correspondía como pai legal de Xesús.

A pesar da súa vida oculta, e os poucos datos que temos sobre a súa vida, preséntasenos como unha persoa sinxela e humilde, que está no centro da vida da familia de Nazaret e, por iso, hoxe é o custodio e Patrón excelso da familia da Igrexa.

San Xosé amou a Xesús con corazón de pai e da súa vida podemos aprender moito. As súas actitudes e exemplo son para nós luz e camiño para a nosa vida cristiá. Un modelo de santidade na obediencia silenciosa, a acollida de feitos que non entende e a protección de Xesús e María da arrogancia e violencia dos poderosos. Unha fe inquebrantable nos designios de Deus no silencio e a escoita de Deus.

Celebremos e imitemos a San Xosé.

Daniel García García

Publicado no Boletín Informativo da Adoración Nocturna

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: