Santiago dum cor nu

Recordo cando era seminarista don Jesús Guerra, sendo director do museo diocesano de Lugo, instalado daquela no primeiro piso do Seminario, nos propoñía sintagmas ou construcións latinas que aparentemente parecían sacadas dunha gramática de iletrados. A cambio de conseguir descifrar aquel enigma tamén nos facía algún que outro agasallo de valor parecido ó destas frases. Unha delas era esa: Santiago dum cornu. E de aí que esta frase pódenos orientar para vivir esta solemnidade que celebramos nestes días: “Tódolos Santos” ou todos os que pasaron pola vida facendo o ben e que están no ceo pregando por nós, que é o contrario a estar penando. Estes milleiros de persoas que pasaron pola vida facendo o ben tiñan ben clara a meta a onde querían chegar, pero non se renderon, e permaneceron nesa vocación á santidade. Non é que eles —os santos— desatenderan as realidades que lles tocaran vivir senón máis ben enchéronas de contido e sentido, integráronas nas súas vidas. Eles mentres —dum— camiñaron/nadaron, que é a traducción de nu, por este mundo fixeron —ago— corazón —cor— de santo —Santi—.
Aínda queda na nosa retina a imaxe dun santo, que por segundo ano consecutivo ocupa un anaco de tempo na nosa diocese (o sábado 26 de outono celebramos o 201 aniversario). Falamos de San José María de Suegos (1818-1857). Ó noso entendemento parecenos unha empresa imposible ir a un mundo descoñecido a falar da fe, algo tan íntimo e tan persoal. No caso del tiña ben claro que estaba chamado polo mundo das misións, que a súa meta non estaba aquí na terra, nin na súa propia terra. Tiña a convicción de que a súa vida cobraba sentido entregándoa a servir a Deus na ceifa do mundo. San José María escolleu ser misioneiro, unha profesión que non era habitual na súa familia. O normal era que el sendo o primoxénito, Díaz Sanjurjo quedara ó fronte da súa casa. O ser eclesiástico era algo que lles correspondía a algún dos segundos ou terceiros fillos. Claramente el non era o tipo de persoa que se conforma ou lle interesase ser eclesiástico, facer carreira. Podería escoller ser capelán da capelanía que pertencía á súa familia, ou gozar dun beneficio parroquial, ou mesmo ser sacerdote patrimonial. Pero tiña claro que a el iso non o enchía. O contacto coa orde dominicana, presente na cercana Montecubeiro, alimentou os seus desexos de servir a Deus nas misións. Nin mesmo o ser bispo entraba dentro das súas expectativas. Sabía o que significaba selo naquelas latitudes — Ton Kin, hoxe Vietnam —: que tarde ou cedo virían a por el, porque era o líder daquel vicariato e que ós seus antecesores pasáralles o mesmo. Era a cabeza visible dunha igrexa. El non perseguiu nada mundano nin mesmo que lle arrebataran a vida dun espadazo. El estaba convencido de que o seu destino era vivir con autenticidade o mandato de Xesús, “ide e facede discípulos”, de comunicar a Boa Nova á todalas criaturas.
Son os que connosco camiñan os que perciben signos que nos poden facer caer na conta que de que estamos a falar diso: de santidade, de autenticidade. O certo é que a historia en cada época produce persoas xeniais, persoas que nos demostran que é posible facer da nosa casa común, o mundo, un fogar onde todos poidan ser felices. Vivir desa maneira encarnando na nosa realidade a Palabra de Deus é unha tarefa que nos leva toda a vida. Despois outros serán os que recoñezan os nosos valores, a nosa santidade.

Óscar G. Murado
Director Archivo Diocesano de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: