Apertura do Curso Académico nos centros educativos con sede no Seminario

O venres 15 de outubro celébrase a apertura do curso académico 2021-2022 de todos os centros de ensinanza que teñen a súa sede no Seminario Diocesano, o que inclúe tamén nesta apertura de curso ao Colexio Diocesano San Lorenzo, ao Instituto Teolóxico Lucense e á extensión de Lugo do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas (Universidade San Dámaso).

O programa é o seguinte:

  • 17:30 h na Capela Maior do Seminario

        Eucaristía presidida por Mons. Alfonso Carrasco

  • 18:30 h no patio exterior

         Memoria do Curso 2020-21; intervencións; apertura oficial do Curso

  • 19 h no patio exterior

         Aperitivo e brindis polo novo Curso

Presentación dun novo número de Lvcensia

O 25 de maio, na aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo, presentouse o nº 62 da revista Lvcensia.

O acto estivo presidido polo bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e polo director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez.

Os colaboradores convidados ao devandito acto foron José Antonio Ferreiro Varela e Jesús Salvador López que presentaron o seu traballo acerca de José Fernández Núñez, párroco da Milagrosa, igrexa que contribuíu a edificar e da que se cumpren 75 anos de actividade cristiá.

Os contidos deste número abordan unha temática variada como o estudo da fortaleza baixo-medieval da Torre-Pazo San Miguel de Penas; a situación agónica actual do mundo rural; a figura de Xela Arias, as súas orixes e estudos na Granxa-Escola de Barreiros e no Colexio Fingoi e a súa faceta como escritora; ademais preséntase o proxecto CORGORAL, unha iniciativa do concello do Corgo para recoller a literatura popular de tradición oral en devandito concello; novas apreciacións sobre o tema de Odoario e un artigo no que se recollen os préstamos e donativos ao rei por parte do Cabido de Lugo.

Inclúense ademais dous traballos de investigación que achegan datos novos, un que demostra cal é a verdadeira casa de nacemento de Juan Francisco de Castro, e outro sobre un posible camiño romano nas proximidades da Ponte de Ombreiro.

Exposición “ Do Camiño ao papel: o fondo xacobeo da Biblioteca do Seminario”

A Biblioteca do Seminario de Lugo organiza a exposición “ Do Camiño ao papel: o fondo xacobeo da BSL” para celebrar o Día do Libro e o Ano Santo Xacobeo. A exposición repasa, a través de exemplares que van desde o máis antigo do ano 1612 ata a actualidade, o espírito relixioso, literario e artístico da peregrinación a Santiago de Compostela no marco da historia de España e de Europa.

Poderase visitar o venres 23 en horario de 11:30 a 13:30 e de 17:00 a 19:00.

A sección do fondo antigo permanecerá exposta durante un mes nese mesmo horario.

Institución do seminarista Ignacio Felpeto como lector e acólito

O domingo 11 de abril, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, instituirá como lector e acólito ao seminarista Ignacio Felpeto Criado. A cerimonia terá lugar na Capela Maior do Seminario de Lugo, ás 17 h.

Ignacio Felpeto Criado naceu en Lugo o 17 de novembro de 1998. Cursou os seus estudos de primaria e secundaria no colexio Maristas “A Inmaculada”, e o bacharelato no Colexio Fingoi e no Seminario Menor. Aos 17 anos foi admitido no Seminario Maior, onde cursou tres anos de estudos eclesiásticos. Desde o ano 2019 reside no Seminario Internacional Bidasoa de Pamplona, realizando estudos de filosofía e teoloxía na Universidade de Navarra.

O lectorado e acolitado son ministerios laicais, é dicir, non os reciben exclusivamente os candidatos ao sacerdocio. Recíbense ambos mediante unha oración e bendición do Bispo.

Día do Seminario

O lema elixido para a campaña do Seminario deste ano é «Pai e irmán, como san Xosé». Quere reflectir como os sacerdotes, forxados na escola de Nazaret, baixo o coidado de san Xosé e a man providente de Deus, son enviados a coidar a vida de cada persoa, co corazón dun pai, sabendo que, ademais, cada un deles é o seu irmán.

San Xosé é patrón dos seminarios e pai dos seminaristas. Cada seminario, a semellanza do fogar de Nazaret, quere ser ese lugar onde se coide e faga crecer o don de Deus.

Poderíase dicir que san Xosé, como pai xudeu encargado da educación do seu fillo, foi “o primeiro formador” dun seminario. Por iso, aquel que coidou e forxou as mans e a persoa de Xesús é tamén pai dos seminaristas.

O ano pasado a Diocese de Lugo foi bendicida coa ordenación en xullo de dous presbíteros e en decembro dous diáconos. Este ano, se Deus quere, continuaranse celebrando os pasos no camiño vocacional dos seminaristas maiores. É unha ocasión para dar grazas a Deus polas súas vidas.

A %d blogueros les gusta esto: