Xornada de Portas Abertas do Seminario Menor

O venres 2 de febreiro, a partir das 18 h, o Seminario Menor Diocesano celebra a I Xornada de Portas Abertas deste curso. Está dirixida ás familias e aos rapaces interesados no coñecemento do Seminario Menor, así como a calquera outra persoa desexosa de achegarse a esta realidade diocesana. Será un momento para dar a coñecer a proposta educativa, as instalacións, o funcionamento ordinario da vida académica e comunitaria, algunhas das actividades e proxectos que se realizan ao longo do curso…

A Xornada comezará cunha presentación na Aula Magna (acceso dende o vestíbulo principal) e logo unha visita ás instalacións do Seminario Menor, con algunhas paradas en sitios puntuais para a explicación dalgunhas das actividades e dos ritmos de funcionamiento do Centro. A asistencia é libre, e non é necesario confirmala previamente. Rematará a Xornada en torno ás 19:30 h.

Con esta I Xornada de Portas Abertas deste curso, o Seminario quere achegarse ás familias que están pensando no Centro de ensino para os seus fillos no próximo curso ou máis adiante no tempo, permitindo un coñecemento de primeira man do lugar e do proxecto educativo.

Festa de San Tomé no Seminario

O 26 de xaneiro o Seminario Diocesano de Lugo, o Instituto Teolóxico Lucense e a extensión a distancia do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas San Dámaso celebran a San Tomé de Aquino, cos seguintes actos:

– Ás 19h na Aula Magna, conferencia do profesor no Instituto Teolóxico Divino Maestro de Ourense, José Ramón Hernández Figueiredo (imaxe esquerda), que falará dos antecedentes históricos modernos das conferencias episcopais (séculos XIX e XX).

– Ás 20 h na Capela Maior, Eucaristía presidida polo Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco

Dous seminaristas recibirán os ministerios de Lectorado e de Acolitado

O domingo, 3 de decembro ás 18 h, na capela do Seminario diocesano, o Bispo de Lugo, D. Alfonso Carrasco Rouco, conferirá os Ministerios de Lector e Acólito aos seminaristas Alejandro Asorey Novoa, natural da parroquia de Donramiro (Lalín) e realiza prácticas pastorais na parroquia de San Lourenzo de Albeiros (Lugo); e Carlos J. Sánchez Márquez, natural de Lugo e realiza as prácticas pastorais na parroquia de Nosa Señora das Dores de Lalín. Ambos cursan 5º curso de Estudos Eclesiásticos.

O Lectorado e o Acolitado son dous ministerios laicais que capacitan, o primeiro, para proclamar a Palabra de Deus na Eucaristía, e o segundo, para o servizo do altar, especialmente o servizo da Eucaristía.

Trala homilía, realízase o rito polo que se institúen estes dous ministerios.

Presentación dun novo número da revista Lvcensia

O 14 de novembro presentábase no Seminario o número 55 da revista que publica a Biblioteca da devandita institución. Hai 3 traballos relacionados con Meira: un sobre o priorato de Moreira, que dependeu do mosteiro de Meira (por Ana Suárez); a transcrición que Óscar González Murado fai do libro primeiro de bautizados, defuncións e casamentos de Meira e outro estudo sobre as pinturas murais da sala de reliquias de Santa María de Meira, a cargo de Yoani Jartín. Foi precisamente Yoani quen presentou ao público asistente os personaxes que aparecen, a peculiaridade das pinturas, e o recente traballo de restauración das mesmas.

 Tamén hai artigos sobre figuras destacadas na historia: Ramón Mª Aller, Lucas Antonio Ferro Caaveiro, Jesús Rodríguez López.

Puxo o colofón ao acto o Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco, quen destacou como Lvcensia reúne a colaboradores senlleiros (entre outros, Adolfo de Abel Vilela, Aurelia Balseiro, Nicandro Ares, de quen aparece un traballo póstumo) e investigadores novos. Este abrir camiños é importante para o futuro da revista.

Presentación do número 55 da revista Lvcensia

O martes 14 de novembro ás 18:30 h. na Aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo terá lugar a presentación do número 55 da revista Lvcensia. Durante devandito acto Yoani Jartín disertará sobre as pinturas murais na sala de reliquias de Santa María de Meira, localidade cun protagonismo especial nesta ocasión, pois se inclúese un traballo relativo a un priorato en Moreira (Castroverde), dependente do mosteiro de Meira e o texto final tamén se refire aos libros parroquiais da vila de Meira.
Os artigos deste número están relacionados co adro da Catedral, a colección numismática do Museo Provincial, os 50 anos de Caixa Rural, a biblioteca do Seminario e personaxes vinculados á cidade como Lucas Antonio Ferro Caaveiro e Jesús Rodríguez López.
Outra comarca da Diocese de Lugo á que se lle dedican varios artigos é a das terras de Deza (Lalín) con “Lendas da mourindade”, por unha banda, e Ramón María Aller Ulloa, por outra.
Outros traballos que se recollen no presente número son os referentes á toponimia ou á interpretación dunha ara romana.
A revista tamén conta cunha sección con comentarios ou recensións de libros de recente publicación e con referente lucense.
A biblioteca do Seminario Diocesano segue traballando para que puntual e semestralmente os lectores de LVCENSIA poidan gozar coa lectura dos traballos que nela se ofrecen.

A %d blogueros les gusta esto: