Viaxe da Adoración Nocturna de Lugo a Viveiro

centenario-adorac-nocturna

O sábado 17 de setembro o Consello Diocesano da Adoración Nocturna organiza unha viaxe a Viveiro para asistir á Vixilia Conmemorativa do Centenario da súa Sección Adoradora. A saída será ás cinco da tarde desde A Mosqueira, con paradas diante do edificio administrativo da Xunta e na Fonte dos Ranchos.

 No programa do centenario da Adoración Nocturna de Viveiro incluíronse varias actividades desde o mes de xaneiro: conferencias, vixilias ordinarias e  extraordinarias, unha Eucaristía e unha comida de confraternidade o 20 de agosto, data do centenario de Viveiro. E finalmente o acto central será o 17 de setembro, presidido polo Bispo de Mondoñedo, e haberá unha vixilia extraordinaria e procesión especial polas rúas co Santísimo, como se fai en Corpus.

Viaxe a Zamora con motivo do 125 aniversario do falecemento de D. Luis de Trelles

Adoración Nocturna sepuclro de Luis de Trelles catedral Zamora

O sábado 16 de abril, o Consello Diocesano da Adoracion Nocturna organiza un desprazamento a Zamora co fin de participar na Vixilia Nacional Conmemorativa dos 125 anos do falecemento do fundador D. Luis de Trelles. Os seus restos mortais repousan na Catedral da citada cidade. Esta Vixilia dará comezo ás 8 da tarde, pero antes, a partir das 18,30 horas, terá lugar no citado templo a Ofrenda Floral que vén celebrándose cada ano organizada pola activa Fundación de Trelles.

X Festa da Familia Adoradora

A Adoración Nocturna organiza unha festa adoradora o 27 de setembro en Sarria que terá o seguinte programa:

  • Ás 11,00 h: Recepción de adoradores/as e acompañantes na Casa da Cultura, Rúa Marqués de Ugena, s/n.

  • Ás 11,30 h: Saúdo do Presidente Diocesano e conferencia sobre “Vida e obra do Venerable Luis de Trelles” a cargo de D. Manuel Urbano Barrio, O.F.S. arquitecto e adorador nocturno.

  • Ás 12,30 h: Procesión de bandeiras desde a citada Casa da Cultura ata a Parroquia de Santa Mariña.

  • Ás 13,00 h: Celebración da Eucaristía na citada parroquia.

  • Ás 14,30 h: Comida de confraternidade no restaurante Litmar, Rúa Ameneirizas, 1

  • Ás 17,00 h: Saída cara ao Santuario de “Santa María de Corbelle” onde se celebrará un acto mariano co rezo do Santo Rosario, “Ofrenda Floral” e dedicación do mesmo á Santísima Virxe, finalizando os actos cun canto mariano.

A asistencia de 170 adoradores/as das seccións de Chantada, Lalín, Lugo, Portomarín, Samos e Sarria contribuirá á brillantez dos actos e fins apostólicos destas reunións anuais. Tamén asisten familiares e amigos.

Viaxe a Zamora para participar no Memorial Luis de Trelles

O Consello Diocesano da Adoración Nocturna Española organiza para o sábado, 11 de abril, unha viaxe a Zamora para participar nos actos do “Memorial Luís de Trelles” que organiza a súa Fundación e que, este ano, con motivo da recente asinatura polo Papa do decreto no que se declara Venerable ao fundador, terán unha brillantez especial.

A saída será ás nove e media da mañá do citado día 11, desde a Mosquera, realizando paradas na Ronda da Muralla diante do edificio da Xunta, e en “Fonte dos Ranchos”.

Venerable Luis de Trelles

A Adoración Nocturna de España está de noraboa. O Papa Francisco promulgou o decreto polo que se recoñece ao seu fundador, D. Luis de Trelles, a vivencia heroica das virtudes. É a gran noticia esperada e pedida ao Señor desde fai tempo.
Don Luís nace en Viveiro (1819). Con 14 anos comeza Dereito na Universidade de Santiago. Aos 19 anos é nomeado profesor de Dereito Civil. Trasládase á Coruña, onde exerce como avogado de pobres; aínda non existía a quenda de oficio. Nesta cidade ocupa diversos cargos: Goberno do Colexio de Avogados, traballa para o Ministerio de Facenda e o Colexio de Notarios, fiscal do xulgado de Artillería e Enxeñeiros… En 1852, trasládase a Madrid para desenvolver a súa faceta de político.
Decepcionado, entrégase a unha intensa acción caritativa, tanto individual como colectiva. Así, de novo en Viveiro, funda as Conferencias de San Vicente de Paúl, en axuda aos pobres e marxinados.
En 1863 contrae matrimonio. Home de xenerosidade exemplar, ao remate da III Guerra Carlista crea unha comisión para o intercambio de prisioneiros; pola súa entrega, é nomeado comisario xeral de Canxes (1873-76) conseguindo librar da morte ou do cautiverio a máis de 20.000 prisioneiros.
En París coñece a Adoración Nocturna. Entusiasmado con render adoración ao Santísimo Sacramento, comeza en Madrid, con outros seis laicos, o 3 de novembro de 1877, a primeira noite de Adoración Nocturna de España. Desde entón, dedicarase totalmente ata a súa morte a promover, organizar e consolidar a obra. Funda La Lámpara del Santuario, primeira revista eucarística europea. Morre o 1 de xullo de 1891 en Zamora, en cuxa catedral repousan os seus restos. Agora a Igrexa concédelle a honra de ser considerado ‘venerable’.
O camiño para que un cristián sexa elevado aos altares comeza co recoñecemento de vivir, en grao sumo e heroico, as virtudes cristiás. Para iso, o postulador da causa ha de presentar unha biografía do fiel, os seus escritos e unha lista de persoas que poidan testificar sobre a súa vida. Nese momento ao fiel chámaselle «servo de Deus».
Finalizada esta fase redáctase un documento e envíase á Congregación para a Causa dos Santos. Alí elabórase un relatorio que se entrega á Comisión de Teólogos. Se emiten o seu voto favorable, entrégase aos cardeais e bispos da Comisión. Para rematar, se o seu voto é tamén favorable, preséntase ao Papa a proposta que, ao publicar o decreto, recoñece a vivencia heroica das virtudes e permite que o fiel reciba o título de `venerable’. O paso seguinte é a beatificación e, logo, a canonización, con culto en toda a Igrexa.
Don Luís, avogado, xornalista, deputado, santo! Un exemplo de laico comprometido, no persoal e o social. Un adorador que nos estimula a amar, especialmente na noite, a quen tanto nos ama.
Por Daniel García, Director Espiritual Diocesano da Adoración Nocturna e Párroco de Albeiros
A %d blogueros les gusta esto: