Próximos xubileus no Corpiño

O 15 de abril será o Xubileu do deporte e a vida saudable, cunha programación que seguirá o esquena dos anteriores xubileus (se o permite o tempo):

  • Ás 11:00 h, Saída cara á igrexa de San Pedro de Losón para realizar desde alí ata o Santuario o Camiño dos pastorciños, os que o desexen (1 km de distancia)
  • Ás 11:35 h, coincidindo coa chegada dos peregrinos que realizan o Camiño dos pastorciños, o Reitor do Santuario impartirá a bendición a todos os peregrinos e devotos na Carballeira do Santuario
  • Ás 11:40 h, comezo da peregrinación cara á Porta Santa (100 m)
  • Ás 11:50 h, chegada á Porta Santa.
  • Ás 12:00 h, Eucaristía polas persoas que se dedican ao deporte, a cal amenizará a Coral Voces Amigas de Moraña, que van cantarlle á Virxe. Calquera agrupación musical ou solista, poñéndose en contacto co Santuario, poderán ir cantarlle á Virxe neste ano tan especial.

Ao terminar a Eucartistía impartirase a bendición a todos os presentes.

Os seguintes xubileus serán:

  •  Domingo 22 de abril: Xubileu das amas de casa e as súas asociacións
  •  Sábado 28: Asemblea-Xubileu dos catequistas
  •  Domingo 29: Xubileu dos enfermos e persoal sanitario

Festa de inverno do Corpiño e próximos xubileus

O 9 de abril concluía a Novena coa Festa de inverno da Benaventurada Virxe María do Corpiño, no día da solemnidade da Anunciación do Señor.
A pesar do mal tempo e de ser un día laborable, non faltaron devotos a todas as misas que se sucederon ao longo do día, desde as 9 h ata as 18 h. Chegaron autobuses de diversas zonas de Galicia.
Especial afluencia de fregueses tiveron a Misa dos enfermos ás 11 h e a Santa Misa Solemne ás 12 h. Ao remate desta última, e tras esperar uns minutos para que o tempo dese unha tregua, fíxose e procesión coa imaxe da Virxe descoroada. Era a primeira vez neste ano que saía en procesión a Virxe, acompañada por un grupo de gaiteiros da zona. Ao acabar a procesión, homenaxeárona cun baile tradicional.

Proximos xubileus

O 15 de abril ás 12h terá lugar no santuario do Corpiño o Xubileu do deporte e vida saudable. É un xubileu para todos os deportistas e persoas relacionadas co deporte e a vida saudable.

O domingo seguinte, 22 de abril, será o Xubileu das amas de casa e das súas asociacións.

Festa de inverno no Corpiño

Celebración do Corpiño Pequeno o ano pasado

A festa de inverno (Corpiño Pequeno) celébrase o luns 9 de abril, en lugar da súa data habitual do 25 de marzo. O cambio débese a que o día 25 foi Domingo de Ramos.

Hai misa solemne ao mediodía, á que seguirá a procesión coa imaxe da Virxe do Corpiño, que sairá sen coroa, porque así permanecerá desde que lle foi retirada nun recente acto ata o 24 de xuño, final do seu Ano Santo. 

En lugar da coroa habitual, tanto o Neno como a Nai, portarán senllas diademas de flores, realizadas en metal dourado. A diadema do Neno Xesús é de rosas, pero con espinas. Estas recórdannos a coroa de espinas que levará nos últimos momentos a súa vida na terra. A diadema da Nai, está realizada de azucenas. Na tradición bíblica a azucena é símbolo de elección. Tal foi o privilexio da Virxe María -a elixida do Señor- entre as mulleres de Israel. As azucenas, son ademais símbolo da virxinidade de María. A azucena é pudorosa e casta e é símbolo de pureza, inocencia, maxestade e gloria. A simboloxía da azucena distingue e adorna á Nai de Cristo, á Virxe María.

Pola tarde, as eucaristías do luns 9 de abril serán cada hora a partir das 17:00 h. Ademais, hai confesións toda a xornada. Un grupo de gaiteiros da zona pon a animación musical.

Xubileu dos Seminaristas no Corpiño

O luns 19 de marzo, Solemnidade de San Xosé e día do Seminario, celebrouse no Santuario do Corpiño o Xubileu dos Seminaristas.
Ás 11:30 h eran recibidos na Carballeira do Santuario, os seminaristas e os seus formadores chegados de varias dioceses de Galicia, tanto dos Seminarios maiores como dos Seminarios menores; seguidamente o Reitor do Seminario de Lugo impartía a Bendición e iniciábase a procesión cara á Porta Santa.
Ás 12:00 h, comezaba a Eucaristía, que presidiu o Reitor dos seminarios de Lugo, David Varela Vázquez, que estivo acompañado polos formadores do propio Seminario; o Reitor, Formador e Director Espiritual do Seminario Maior de Ourense, o Formador do Seminario de Mondoñedo-Ferrol e o diácono José Antonio, quen, logo de ser ordenado o día anterior, tiña a súa primeira celebración como diácono no Corpiño. Pediuse especialmente polo aumento das vocacións, tan necesarias, e ao finalizar impartiuse a bendición a todos os presentes.

Xubileus no santuario do Corpiño

Prosegue a celebración de xubileus no Ano Santo Mariano adicado á Benaventurada Virxe do Corpiño.

Na véspera da solemnidade de San Xosé, o domingo 18 de marzo ás 12:00 horas, o santuario do Corpiño acolle o Xubileu dedicado aos pais.

E o 19 de marzo será cando os seminaristas de Lugo gañen o xubileu.

A %d blogueros les gusta esto: