Ensinanzas da encíclica Laudato Si’

Hai uns cinco anos publicábase a carta encíclica Laudato Si’ na que o Papa Francisco facía unha profunda e sincera reflexión sobre a importancia do noso fogar común, a Terra, o medio ambiente. En definitiva, para que tomemos conciencia da relevancia que ten este regalo divino no que vivimos e que tantas veces desprezamos. A carta encíclica inspírase na figura de Francisco de Asís, en concreto na súa oración poética “O cántico das criaturas” que comeza así: Louvado sexas, Señor, polo irmán sol, pola irmá lúa, o irmán vento, a nai Terra” En definitiva, unha especie de teoloxía que nos leva a descubrir nas entranas deste noso planeta, deste cosmos no que habitamos, a pegada do divino. Francisco de Asís tivo esa sensibilidade -captar a onda divina- de tal xeito que a vía presente en todo o que hai. Lembremos que de todo o creado evidentemente un papel importante, central pero humilde, é o da persoa humana. Un sentido de fraternidade, de comuñón con todo o creado particularmente cos nosos semellantes. Por iso, a carta encíclica é tamén ao mesmo tempo un canto á vida, á esperanza e ao amor. Mirémonos aos ollos, comprendamos que formamos parte dunha gran familia, o pobo de Deus, enxendrados polo amor divino.

Fr Francisco Castro Miramontes

Transcrición da súa intervención no programa de radio “El Espejo de la Iglesia en Lugo”

A %d blogueros les gusta esto: