O Seminario Menor renóvase e amplía a oferta educativa en Lugo

O Seminario Menor Diocesano de Lugo integra un centro privado de ESO e BAC que se presenta agora baixo un novo nome, que xunta tradición e novidade: Colexio Diocesano San Lorenzo. A partir do 8 de marzo de 2021 está aberta a reserva de prazas para o curso académico 2021-2022.

Tempos de renovación, mesmas raíces

O Colexio Diocesano San Lorenzo, que depende da Diocese de Lugo, quere ofrecer innovadoras propostas de formación e unha maior apertura á mocidade. Sobre unha base sólida de valores cristiáns, proponse desenvolver unha vida social, profesional e familiar plena entre os alumnos.

San Lorenzo fai referencia ao primeiro nome oficial que tivo o Seminario Conciliar Diocesano de Lugo (“Seminario Conciliar de San Lorenzo”) na súa fundación no séc. XVI, e ao santo ao que foi dedicado.

O vicerreitor do Seminario, Luis Varela, afirmou sobre esta nova etapa: “Queremos pór a disposición do maior número de familias e alumnado a ampla experiencia educativa que se forxou no Seminario Menor ao longo dos anos, achegando unha nova oferta formativa de interese na cidade e na Diocese.Trátase de sumar, engadir para non perder nada do atesourado, engadir para non perder nada do atesourado ao longo dos anos, e facelo dispoñible a máis persoas”.

A renovada aposta que o Seminario Diocesano Menor de Lugo fai por medio do Colexio Diocesano San Lorenzo aumenta as opcións do alumnado e as súas familias, e busca atender a demanda dalgúns ciclos formativos de grao medio e superior para os cales hai pouca oferta na provincia, sobre todo no ámbito deportivo e o socio sanitario.

Formación de calidade con valores cristiáns e maior alcance

Esta actualización da oferta educativa en Lugo conta coa apertura á formación profesional privada: instalacións renovadas, numerosas aulas e aulas-taller, varios laboratorios, pavillón deportivo e patio exterior, así como outros servizos e espazos que enriquecen o centro, como os servizos de cociña e comedor, varias capelas e unha biblioteca con máis de 100 mil volumes.

Doutra banda, na súa aposta por chegar ao maior número de alumnado mantendo o ideario dunha formación cristiá integral, o novo Colexio Diocesano San Lorenzo será mixto. Así, a Diocese ofrece un novo espazo de educación de calidade, e o colexio segue sendo, ademais, o centro educativo no que estudan os seminaristas menores. Esta fórmula, xa presente en moitas outras dioceses, nas que os seminaristas se forman academicamente xunto a outros moitos alumnos e alumnas en colexios diocesanos ou concertados, desenvolve tamén unha importante indicación do novo plan de formación sacerdotal: que os futuros presbíteros se formen nun contexto onde a muller teña protagonismo. E enmárcase dentro do Pacto Educativo Global proposto polo Papa Francisco e o compromiso con “procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil”.

O novo Colexio Diocesano será un Centro Educativo mixto, no que estudarán tamén os seminaristas menores xunto aos demais alumnos e alumnas, distinto do Seminario Menor, que seguirá sendo un espazo de vida comunitaria e formativa para aqueles nenos que queiran discernir a súa vocación ou fixesen xa unha primeira opción cara o sacerdocio. O Seminario Menor seguirá contando cos seus espazos propios, convenientemente diferenciados do resto das instalacións educativas, que pasan a conformar o Colexio Diocesano.

O Colexio Diocesano San Lorenzo abre, pois, as súas portas a todas as familias, para que valoren esta opción formativa para os seus fillos e fillas, e poidan unirse á aventura educativa que o Centro desexa relanzar, cun horizonte máis variado e plural, para o vindeiro curso académico 2021-2022.

[Páxina web do Colexio]

[Página web del Colegio]

Unha aposta educativa renovada dos Seminarios Menores de Santiago e Lugo

A sociedade experimentou nos últimos anos grandes transformacións, e especialmente no ámbito do ensino, como mostran por exemplo os constantes cambios lexislativos, ata a recente aprobación da LOMLOE. Todos perciben a urxencia dunha aposta educativa renovada.

O Papa Francisco, moi consciente dos desafíos que se presentan á educación nestes momentos, pediu expresamente a adhesión a un Pacto Educativo Global, a comprometerse “con valentía para dar vida, nos nosos países de orixe, a un proxecto educativo, investindo as nosas mellores enerxías e iniciando procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil”. Esta era xa a tradición da que proveñen os Seminarios en Galicia, tamén en Santiago e Lugo, e considérase unha responsabilidade continuala hoxe en forma renovada e actual. A súa identidade católica e a súa traxectoria educativa é unha riqueza singular que se ofrece nestas circunstancias á sociedade.

Por este motivo, a partir do vindeiro curso os Seminarios Menores de Santiago e Lugo abriranse como Colexios Diocesanos, de carácter privado, a todos os alumnos e alumnas que, aceptando o ideario dos Centros, queiran realizar neles a formación de ESO e BAC.

Como parte da Igrexa en Galicia, presente de moitas maneiras no ensino ao longo dos anos, ponse a disposición das familias un novo espazo educativo, que será moi conveniente e unha verdadeira riqueza tamén para os Seminarios Menores.

Nos próximos días comunicaranse os detalles desta nova aposta educativa.

Nota dos bispos españois sobre a nova Lei de Educación

A nova Lei de Educación da Ministra Celaá, LOMLOE, motiva que os bispos españois, que acaban de celebrar durante esta semana a súa Asemblea Plenaria, fagan pública o 20 de novembro  a seguinte nota.

Sobre a nova lei de educación

O Congreso dos Deputados aprobou, en primeiro termo, a nova Lei de Educación que continuará o seu trámite parlamentario no Senado, antes de volver definitivamente ao Congreso para a súa aprobación definitiva.

A educación ten un significado singular e relevante para a vida e o futuro de nenos e mozos, das familias e da sociedade enteira. É o ámbito onde se contribúe a edificar o porvir dunha nación e a súa saúde democrática. Pola gran inquietude que xerou a formulación e a maneira de tramitarse da nova lei, parécenos necesario ofrecer agora algunhas reflexións:

1. Antes de calquera consideración queremos mostrar o noso recoñecemento a todos os docentes que neste tempo de pandemia están a redobrar os seus esforzos para seguir educando e formando ás novas xeracións. É un traballo silencioso, pero cónstanos que se realiza cunha dedicación persoal e profesional que permite manter a tarefa escolar por riba de todo.

2. Por iso, lamentamos en particular que se procedeu á tramitación desta lei a pesar das difíciles circunstancias causadas pola pandemia e cuns ritmos extremadamente acelerados. Iso impediu a participación axeitada de toda a comunidade educativa e dos diferentes suxeitos sociais.

Consideramos necesario insistir en que o verdadeiro suxeito da educación é a sociedade, e, en primeiro lugar, as familias. Non sería aceptable que o Estado pretendese apropiarse deste protagonismo da familia e da sociedade -a cuxo servizo está chamado-, identificando o carácter público do ensino coa súa dimensión organizativa de carácter estatal. Non só o que é de titularidade estatal é público.

Co papa Francisco queremos lembrar a urxencia dun Pacto Educativo Global, que o Goberno aplaudiu de maneira informal, e que significa privilexiar o camiño do diálogo, da escoita e do acordo, de xeito que as propias posicións ideolóxicas (todas elas “confesionais”) non se convertan en criterio de exclusión. En palabras do presidente da Conferencia Episcopal Española (CEE): “sería conveniente que deste pacto educativo puidese concretarse unha lei sólida que non sexa obxecto de debate con cada cambio de cor política no Goberno”.

3. Tras o camiño percorrido durante a tramitación da lei, vemos necesario pedir que esta ofreza unha maior protección do dereito á educación e á liberdade de ensino, tal como se explicitan no art. 27 da Constitución e na súa interpretación xurisprudencial. Preocúpanos que esta lei introduza limitacións a estes dereitos e liberdades e, en primeiro lugar, ao exercicio da responsabilidade dos pais na educación dos fillos.

Comprendemos e apoiamos os esforzos das familias, plataformas e axentes sociais que nestes días mobilizáronse na defensa destes dereitos, e particularmente dos referidos ao alumnado con necesidades especiais.

4. Neste mesmo sentido afirmamos, de novo, que a lei debería recoller “a demanda social” en todas as etapas do proceso educativo: liberdade de creación de centros escolares, liberdade de elección de centro e proposta educativa, trato en igualdade de condicións aos diversos tipos de centro, para o que é necesaria a gratuidade do ensino sen discriminacións.

5. Lamentamos profundamente todos os obstáculos e trabas que se queren impor á acción das institucións católicas concertadas. Non é o momento de enfrontar entidades e institucións educativas, senón de traballar conxuntamente, no espazo público, para ofrecer unha educación axeitada a todos os nenos, adolescentes e mozos do noso país.

6. En diálogo co Ministerio, a CEE lembrou que non pode excluírse do ámbito escolar a educación da dimensión moral e relixiosa da persoa, para que esta poida crecer como suxeito responsable e libre, aberto á procura da verdade e comprometido co ben común, recibindo para iso unha formación integral. Por iso, propuxo que o ensino relixioso escolar quede integrada nunha área de coñecemento común para todos os alumnos, nun modo que non xere para ninguén agravios comparativos. E lembrou que esta materia non debe ser considerada allea ao proceso educativo, senón que ha de ser comparable a outras materias fundamentais.

Lamentablemente a proposta feita pola CEE non recibiu resposta por parte do Ministerio. De feito, o texto lexislativo aprobado suprime o valor académico da avaliación da materia de Relixión, e deixa aos alumnos que non cursen esta materia sen unha formación con contido escolar.

Queremos lembrar que non é aceptable a descualificación desta materia ou do traballo dos seus profesores como adoctrinamento. Ao contrario, respecta o conxunto de esixencias propias da súa presenza no ámbito escolar, relativas á metodoloxía ou ao estatuto do profesorado. É escollida con boas razóns por unha maioría de familias, e recoñecida na súa contribución á educación integral da persoa e o seu compromiso na sociedade. De feito, está presente na maioría dos sistemas educativos europeos.

7. A Igrexa desenvolveu unha gran tradición educativa, que foi e desexamos que siga sendo unha riqueza da nosa sociedade. Máis aló do debate sobre unha lei, é consciente da necesidade de seguir defendendo a inclusión escolar e educativa do ensino relixioso escolar como integrante do ámbito dunha necesaria educación moral. E, como Pobo de Deus, en todos os seus membros, seguirá traballando para facer posible o crecemento, a liberdade e a pluralidade da proposta educativa para servir así ao ben dos alumnos, as familias e toda a sociedade.

Rolda de prensa sobre o Pacto Educativo Global e a lexislación educativa española

O secretario xeral da Conferencia Episcopal (CEE), Mons. Luis Argüello e o presidente da Comisión Episcopal para a Educación e cultura, Mons. Alfonso Carrasco, ofreceron o 23 de outubro unha rolda de prensa para informar sobre a recepción do Pacto Educativo Global nun contexto español de cambios lexislativos.

Mons. Luis Argüello presentou o Pacto Educativo Global que ofrece o Papa Francisco e sobre España afirmou que “hai unha base importante para o Pacto Educativo co artigo 27 da Constitución Española”.

O presidente da Comisión Episcopal para a Educación e cultura, Mons. Alfonso Carrasco, bispo de Lugo, presentou a proposta entregada ao Goberno. “Nós procuramos buscar un diálogo coas autoridades educativas para abrir camiños e ancorar ben todo o que significa a educación moral da persoa e a súa dimensión relixiosa. A idea é que todos os alumnos teñan unha área, un espazo para a dimensión persoal e de moralidade” subliñou Carrasco Rouco.

A proposta “é sinxela e pode permitir un diálogo. É o desexo de abrir camiños para saír dunha situación de dificultade e discusión perpetua sobre como situar unha materia de relixión católica. Ten que haber un ámbito referido á persoa na que pode haber varios itinerarios, pero un ten que ser o que respecta a educación católica”, comentou Mons. Alfonso Carrasco.

Para o presidente da Comisión Episcopal para a Educación e cultura “a proposta integra a dimensión educativa no seu conxunto. No fondo a idea principal, na que eu creo que podemos concordar todos, é que no ámbito educativo debe haber un espazo específico para o estudo da dimensión persoal que afecte á comprensión dos valores, da moralidade, das crenzas, ao desenvolvemento da persoa como tal. Excluír un ámbito referido aos valores morais sería un grave erro”.

Queremos integrar un ámbito de educación, en primaria e secundaria, relativo a todo este mundo de valores persoais. Non ten sentido unha educación utilitarista pero que non educa á persoa” continuou o presidente da Comisión Episcopal para a Educación e cultura da CEE. Deste xeito, os bispos propuxeron “integrar un espazo obxectivo, un ámbito, igual que hai en Ciencias Naturais, en Primaria e Secundaria”, onde se expoñan os distintos “horizontes de crenzas”, no “respecto da conciencia dos nenos e da súa identidade, a súa cultura e tradición”.

O Colexio Mª Inmaculada de Silleda inicia as celebracións do seu cincuentenario

Neste curso escolar celébrase o 50 aniversario do Colexio Mª Inmaculada de Silleda, que botou a andar o 24 de setembro de 1967.

Por este motivo haberá ao longo do curso unha serie de actos para conmemorar as vodas de ouro.

O primero destes actos terá lugar na xornada do luns 25 de setembro, co seguinte programa e horarios:

 

  • 11:00: Eucaristía na igrexa parroquial presidida polo Señor Bispo D. Alfonso Carrasco Rouco.
  • 12:00: Pregón, no salón parroquial, a cargo do Vicario Xeral D. Mario Vázquez Carballo coa presenza de autoridades locais
  • 13:00: Actuación do grupo “Aires do Trasdeza” na praza da Igrexa.
  • 14:00: Comida de profesorado e alumnado.
  • 15:00-17:00: Tarde lúdica, con inchables, xogos populares, diana futbolística…
  • 17:00: Festa da espuma (se o climatoloxía o permite)
  • 18:00: Merenda.
  • 18:00-18:45: Actuación do mago “Rafa” promovida pola AMPA “Meniños do Inmaculada”
  • 19:00 Clausura do acto coa solta representativa de globos.
A %d blogueros les gusta esto: