O tempo cúrao todo?

Unha das principais causas de sufrimento na vida cotiá son as feridas emocionais que levamos connosco, as feridas que non demos curado. O que adoitamos facer con esas feridas, cos efectos desas situacións de falta de amor ou agresión polas que pasamos, é tratar de ignoralas e dicirnos unha das frases máis daniñas e falsas que se repiten na nosa cultura: o tempo cúrao todo. Nas seguintes liñas pretendo desenmascarar semellante necidade, pois se a ferida que temos non foi curada, o tempo non só non cura nada, senón que enquista e agrava a situación.

Por iso é importante saber que facer coas nosas feridas. Para iso, convén mirar de fronte a ferida e facernos responsables dela porque, aínda que un sexa acompañado no seu proceso de curación, quen ha de facerse responsable desa situación do pasado é un mesmo. A persoa comeza a sandar cando decide levar o temón da súa vida. E se alguén se responsabilizou da súa vida, responsabilizouse, en primeiro lugar, de coidarse, de atenderse. Curarse supón coidarse.

Lembremos que as feridas afectivas xurdiron porque non se atenderon algunhas das nosas necesidades psicolóxicas básicas: non se nos dedicaba tempo, non se nos respectou, ignoróusenos, non nos mostraron afecto, agredíronnos, insultáronnos, aproveitáronse de nós…

Por iso, un primeiro paso é atender ás propias necesidades. E isto supón tres cuestións:

  • Tomar conciencia das propias necesidades (corporais, afectivas, espirituais, de relación, de sentido…).
  • Expresar con claridade e asertividade as propias necesidades aos demais.
  • Atender un mesmo as propias necesidades, non sepultalas baixo os traballos, as obrigacións, as necesidades dos demais ou as diversións.

Este é un primeiro paso necesario. Ninguén se pon en camiño de curación se non quere sandar. E sandar comeza por coidarse.

Xosé Manuel Domínguez Prieto

Centro de Orientación Familiar diocesano de Lugo

Nota: O vindeiro sábado 8 de febreiro, o COF diocesano de Lugo ofrece un curso, avalado pola Xunta de Galicia, de afrontamento e acompañamento de feridas interiores e afectivas a cargo de Xosé Manuel Domínguez Prieto. As persoas interesadas poden inscribirse antes do 2 de febreiro en info@cofdiocesano.org ou chamando ao 673 223 393

A %d blogueros les gusta esto: