Sor Julia, sesenta años de vocación

sor Julia

O sábado 9 de abril celebráronse os sesenta anos de vocación de Sor Julia. É unha celebración de aniversario propia das Fillas da Caridade, coas que a Parroquia de San Froilán comparte instalacións e moita vida. Na memoria de moitos lucenses van unidos o Colexio da Milagrosa e a parroquia de San Froilán.

Pero, quen é sor Julia?. É unha muller de paso áxil a quen é fácil vela pola rúa, cedo, cun carriño da compra. Como boa administradora, encárgase de que ás súas irmás non lles falte o alimento do corpo nin o do espírito. Na Parroquia é catequista e sempre está pendente de organizar aos lectores da Misa de 10 e de que as candeas estean acesas.

Sor Julia dedica parte do seu tempo a axudar persoalmente e tamén por medio da asociación das Damas da Caridade a varios pobres da cidade. É unha axuda calada e case secreta, que ás veces lle esixe ir a algunhas casas ás que, posiblemente, só ela é capaz de entrar e botar unha man.

Outra actividade de sor Julia é a de coordinar as capelas portátiles da Virxe da Medalla Milagrosa que visitan periódicamente varios domicilios da cidade. As persoas que llo piden poden ter nas súas casas durante un tempo determinado ao mes unha destas capeliñas. É un exercicio de piedade moi entrañable e que axuda, sen dúbida, á oración mariana e á vida espiritual de quen ten á Milagrosa na súa casa.

A celebración dos 60 anos de vocación foi da forma acostumada: mesa e Misa. Na mesa compartimos os alimentos recibidos do Señor e as súas irmás dedicáronlle unha canción e un poema. Pola tarde celebramos a Misa na pequena capela da Comunidade dando grazas pola vida de Sor Julia.

Desde aquí tamén nos unimos a esta celebración. A vida relixiosa é importante para a Igrexa e para o mundo. Sesenta anos son todo un testemuño e merecen ser celebrados e que nós tamén fagamos unha oración, neste caso por sor Julia e por todas as Fillas da Caridade do Colexio A Milagrosa. Moitas felicidades, sor Julia, e adiante!

Miguel Ángel Álvarez

Sor Amparo e o mundo das présas! 60 anos de vocación!

sor Amparo

 O 26 de xuño Sor Amparo cumpre 60 anos de vocación. Sor Amparo é unha relixiosa Filla da Caridade de San Vicente de Paúl que está na comunidade do Colexio da Milagrosa, á beira da Parroquia de San Froilán.
Ver a Sor Amparo é moi difícil, porque anda sempre á velocidade da luz. Isto é o que fai que o tempo lle renda o dobre. Podemos dicir que cumpre 120 anos de vocación e non 60.
A súa paixón son os nenos do Colexio e as actividades de pastoral con eles. Desvívese cada vez que hai algunha celebración especial cos nenos na parroquia. Sería impensable a celebración de San Vicente de Paúl, o Nadal, a Coresma, o día de María, o final de curso sen a presenza de Sor Amparo.
Grazas, en boa medida, a Sor Amparo os nenos do colexio da Milagrosa levan no seu interior unha pequena semente que se cadra un día xerminará. É asemente da Fe en Xesucristo e o amor a María, a Milagrosa…
E non é pouco nin calquera cousa! que nos tempos de hoxe uns nenos leven unha referencia ao transcendente no testemuño desta Filla de Caridade que poida dar unha consistencia maior á súa vida o día de mañá.
Nestes 4 anos que levo na parroquia tiven ocasión de compartir moitos momentos con Sor Amparo. Falamos do divino e o humano. E sei que estaría disposta a dar a vida para que ningún destes pequenos “se perda”.
60 anos de vocación e de virxinidade consagrada ao Señor pero moi frutífera. A súa descendencia multiplicouse como as areas do mar.
Grazas Sor Amparo por espabilarnos, por “meternos présa”, por falarnos de Deus.

Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: