Presentación do número 57 da revista Lvcensia

O mércores 28 de novembro ás 18:30h na aula Magna do Seminario de Lugo terá lugar a presentación do número 57 da revista Lvcensia. O acto estará presidido polo sr. Bispo D. Alfonso Carrasco, o director da publicación D. Gonzalo Fraga e o reitor do Seminario D. David Varela. O colaborador convidado é o arquitecto José Angel Santos Ferro que presentará o seu artigo “Orixe, evolución e reconstrución do Priorado Santiaguista de Vilar de Donas”.

Outros contidos da revista versan sobre os conventos franciscanos da Diocese lucense, o portal Maior de Santa María de Lugo, Bocamaos (Vilacendoi), a actividade animal como variable predictora nas explotacións intensivas de produción de leitóns, a actividade científica do matemático José Rodríguez González, estudo biobibliográfico de Jesús Rodríguez López, médico lucense e cofundador da Academia Galega, descrición de Gustavo Freire Penelas e as publicacións periódicas do século XVIII na Biblioteca do Seminario de Lugo. Na sección de Texto ofrécese un documento inédito sobre “As derradeiras vontades dos señores de Castroverde”.

As últimas páxinas de Lvcensia adícanse á recensión de lecturas de recente publicación.

Os asistentes ao acto serán obsequiados cun exemplar da revista.

Presentación do número 56 da revista Lvcensia

O martes 22 de maio, ás 18:30 na Aula Magna do Seminario terá lugar a presentación do número 56 da revista Lvcensia. O acto estará presidido polo señor Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, e o director da publicación, Gonzalo Fraga.

Intervirá Aurelia Balseiro que presenta o artigo “A pintura mural de Santa Eulalia de Bóveda. Acuarelas de Elías de Segura, 1927. Crónica dun proxecto patrimonial no Museo Provincial de Lugo”.

Neste número lémbrase, ademais, a figura do santo e mártir lucense José María Díaz Sanjurjo, do que se celebra este ano o bicentenario do seu nacemento. A historia relixiosa tamén ten cabida en distintos artigos, as Xornadas de Teoloxía celebradas en Lugo, as vodas de ouro do Colexio Diocesano María Inmaculada de Silleda e a lista de superiores franciscanos dos conventos de Lugo.

Outros contidos da revista abordan a arquitectura civil, como é o caso da fortaleza baixomedieval de Sampaio de Narla ou a escola lucense de Fernando Casas Novoa.

Tamén se aborda o achado oculto e merecedor de estudo da cabeza do castro de Aboldrón en san Xoán de Camba, en Rodeiro.

A toponimia ten o seu apartado na segunda parte do artigo adicado ás palabras Sa, Sas e Suevos.

Hai así mesmo unha aproximación á industria dos curtidos, de gran importancia na vida económica lucense, en terras de Castroverde e Vilalba.

Temas xa tratados por Lvcensia, pero que teñen neste número unha segunda parte ou complemento son os da peregrinación obreira a Roma no ano 1894 e do centenario da morte do médico e académico lucense Jesús Rodríguez López.

Presentación dun novo número da revista Lvcensia

O 14 de novembro presentábase no Seminario o número 55 da revista que publica a Biblioteca da devandita institución. Hai 3 traballos relacionados con Meira: un sobre o priorato de Moreira, que dependeu do mosteiro de Meira (por Ana Suárez); a transcrición que Óscar González Murado fai do libro primeiro de bautizados, defuncións e casamentos de Meira e outro estudo sobre as pinturas murais da sala de reliquias de Santa María de Meira, a cargo de Yoani Jartín. Foi precisamente Yoani quen presentou ao público asistente os personaxes que aparecen, a peculiaridade das pinturas, e o recente traballo de restauración das mesmas.

 Tamén hai artigos sobre figuras destacadas na historia: Ramón Mª Aller, Lucas Antonio Ferro Caaveiro, Jesús Rodríguez López.

Puxo o colofón ao acto o Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco, quen destacou como Lvcensia reúne a colaboradores senlleiros (entre outros, Adolfo de Abel Vilela, Aurelia Balseiro, Nicandro Ares, de quen aparece un traballo póstumo) e investigadores novos. Este abrir camiños é importante para o futuro da revista.

Presentación do número 55 da revista Lvcensia

O martes 14 de novembro ás 18:30 h. na Aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo terá lugar a presentación do número 55 da revista Lvcensia. Durante devandito acto Yoani Jartín disertará sobre as pinturas murais na sala de reliquias de Santa María de Meira, localidade cun protagonismo especial nesta ocasión, pois se inclúese un traballo relativo a un priorato en Moreira (Castroverde), dependente do mosteiro de Meira e o texto final tamén se refire aos libros parroquiais da vila de Meira.
Os artigos deste número están relacionados co adro da Catedral, a colección numismática do Museo Provincial, os 50 anos de Caixa Rural, a biblioteca do Seminario e personaxes vinculados á cidade como Lucas Antonio Ferro Caaveiro e Jesús Rodríguez López.
Outra comarca da Diocese de Lugo á que se lle dedican varios artigos é a das terras de Deza (Lalín) con “Lendas da mourindade”, por unha banda, e Ramón María Aller Ulloa, por outra.
Outros traballos que se recollen no presente número son os referentes á toponimia ou á interpretación dunha ara romana.
A revista tamén conta cunha sección con comentarios ou recensións de libros de recente publicación e con referente lucense.
A biblioteca do Seminario Diocesano segue traballando para que puntual e semestralmente os lectores de LVCENSIA poidan gozar coa lectura dos traballos que nela se ofrecen.

Presentación dun novo número da revista Lvcensia

O 30 de maio ás 18:30h na Aula Magna do Seminario Diocesano preséntase o último número da revista Lvcensia.

Durante a presentación intervirán o Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco, o director da publicación D. Gonzalo Fraga e D. Ricardo Polín, investigador que falará do Hospital de San Gabriel en Vilabade (Castroverde).

Lvcensia súmase ás homenaxes tributadas a dúas entidades identificativas da cidade: C. B. Breogán e La Voz de Galicia, e lembra os descubrimentos de José Mª Penado en Santa Eulalia de Bóveda, hai 100 anos.

Nicandro Ares escribe sobre o hidrotopónimo Fondemera, o apelido toponímico Lestegás e o microtopónimo Penalumbre. Outro topónimo obxecto de estudo é o da Mosquera por parte do historiador Abel Vilela.

Sobre as tríades nas lendas da comarca do Deza escribe García Porral. E continúa a segunda parte do artigo de López Caldeiro sobre a vida cotiá en Vilartelín durante o Antigo Réxime. Tamén neste número ten continuación o tema dos conventos dominicos da Diocese de Lugo, que agora se centra no convento da Nosa Señora de Pantón e o convento de San Jacinto de Monforte de Lemos, un traballo de Prudencio Leza Tello e Pérez Formoso.

Outro tema tamén interesante é o da onomástica do bautismo no arciprestado de Bolaño estudado por Tamara González López.

Neste número David Varela reflexiona sobre as Xornadas de Teoloxía, que este ano invitaron a profundar na relación entre o cristianismo e o islam.

Lvcensia lembra o labor da lucense Teresa Losada f.m.m., coñecida como a monxa dos inmigrantes.

Gonzalo Fraga recorda neste número o valioso traballo dos segrares ao servizo da Catedral de Lugo. E José Molejón fálanos da capela musical.

Pechan a revista poemas do sacerdote Enrique Saavedra Lastra dedicadas ao Corpus lucense.

A %d blogueros les gusta esto: