Acende a chama. Actos de Mans Unidas

O xoves 7 de novembro na Eucaristía das 20 h na Catedral Mans Unidas Lugo organiza un xesto solidario de sensibilización, para que o apoio das xentes de Lugo ilumine o camiño de persoas que merecen unha vida mellor.

Trátase de promover o compromiso solidario para acabar coa fame e para potenciar o desenvolvemento integral dos países máis empobrecidos.

O mércores 6 o acto foi na Fonsagrada.

Concerto solidario organizado por Mans Unidas

O 27 de xuño ás 20:30 h o Círculo das Artes de Lugo acolle un Concerto solidario a favor de Mans Unidas. Intervirán a Banda Sons e Soños (Rábade, Begonte, Outeiro de Rei), dirixida por Armando Morales e o grupo musical “Los Potes”, con cancións dos anos 1950-70.

A entrada-donativo (5€) pode conseguirse na Delegación de Mans Unidas (r/ Cruz, 1 B, 1º) ou no Círculo das Artes (1 hora antes do concerto).

Mercado solidario de Mans Unidas Lugo

A Delegación de Mans Unidas de Lugo, organiza de novo un mercado solidario desde o día 2 ao 30 de maio.

LUGAR: Praza de Anxo Fernández Gómez (detrás do Concello de Lugo)

HORARIO: De luns a venres de 11 a 13.30 h e de 17 a 20 h.

Sábados de 11 a 13.30 h.

O recadado destinarase ao financiamento de dous proxectos:

GUATEMALA

No Municipio de San Martin de Jilotepeque, facilítase o acceso á auga a través da instalación de 5 sistemas de auga potable que beneficiarán a cinco comunidades indíxenas.

INDIA

Construción dun novo edificio con capacidade para 40 nenos/as orfos, e un tanque para a recollida da auga de choiva en Wadali, un pobo do distrito de Amravati no Estado de Maharashtra.

Mans Unidas Lugo selecciona persoal administrativo

A delegación de Mans Unidas de Lugo ata o 6 de marzo selecciona persoal administrativo para un contrato temporal por 6 meses prorrogables en xornada de 2 horas.

PERFIL

Formación específica en Secretariado ou en FP en contabilidade, ou similar

Experiencia laboral en administración e xestión.

Amplos coñecementos de informática (Microsoft Office: Word, Excel, Access, Powerpoint, correo electrónico e internet).

Capacidade de traballo en equipo.

Persoa resolutiva con gran capacidade de traballo, organización e relacións humanas.

Os interesados presentarán curriculum vitae na delegación de Mans Unidas Lugo: rúa da Cruz número 1B, 1° en horario de 11,30 a 13 h

Cremos na igualdade e a dignidade da persoa

Cúmprense este ano 60 da existencia de Mans Unidas, que nace da urxencia de loitar contra a fame no mundo sentida entón polas mulleres de Acción Católica, que desde o principio traballarán por remediar “a fame de pan, a fame de cultura e a fame de Deus”.

A campaña deste ano é a primeira de tres que levan o lema conxunto de “Promocionar os Dereitos con Feitos”; e focalízase particularmente nas mulleres, na súa falta de liberdade, de seguridade, de voz. En efecto, a pobreza e a inxustiza afectan máis directamente aos máis vulnerables, a nenos e anciáns, e en concreto ás mulleres.

Nas relacións cotiás, na familia, en formas mesmo estruturais dunha sociedade, vese diminuída a liberdade da muller, o seu acceso aos recursos culturais e económicos, a súa seguridade persoal, a súa capacidade de protagonismo e a súa presenza pública.

A nosa fe cristiá afirma, en cambio, con claridade que, desde o inicio, Deus creou á súa imaxe ao home e á muller, iguais en dignidade, destinados á colaboración e ao amor.

Este núcleo bo de toda existencia humana sofre a consecuencia do pecado, que introduce mentira e violencia, relacións de dominación, e chega a tomar formas históricas determinadas por unha desigualdade inxusta, dolorosa e empobrecedora.

Coidar e fomentar relacións que respecten a igualdade na diversidade é consecuencia intrínseca da fe. Non é aceptable en ningún modo a violencia, as situacións de servidume ou de abuso, a trata de mulleres. Ao contrario, sabemos que a relación máis íntima e fecunda, máis persoal, que é a do amor matrimonial, só pode ser establecida no consentimento libre, no “si” dado e recibido en igualdade e liberdade polo home e a muller.

Salvagardar esta relación primeira é decisivo para a conformación da familia e da sociedade enteira. O cambio da estrutura social, o acceso ao ben da cultura ou da economía, a asunción de responsabilidades públicas, farase posible desde este cambio primeiro e fundamental que afirma a igualdade e a común dignidade da muller e do home, e que ten a súa expresión histórica máis fonda e determinante na forma que adopta o amor conxugal, o matrimonio.

Levar ata o final esta esixencia de liberdade, dar voz en plena igualdade á muller nesta relación fundante de toda sociedade, resultará decisivo para a superación das formas de pobreza e de inxustiza que impiden satisfacer tamén hoxe moitas veces a fame de pan, de cultura e de Deus.

Este anuncio propio da fe cristiá non poñerá en cuestión nin danará o ben verdadeiro de ningunha sociedade, non será ningunha forma de colonialismo cultural, senón que abrirá camiños concretos para a realización nos diferentes países desta igualdade en liberdade, en seguridade e en protagonismo que corresponde á muller.

Colaboremos, pois, con esta campaña de Mans Unidas, conscientes de que a defensa dos dereitos e da dignidade da persoa e especificamente da muller, é esixencia da nosa fe, de crer no Deus e Pai de todos, no seu Amor, que lle fixo entregarse para quitar o pecado do mundo, todo desprezo e malos tratos do próximo, toda mentira e inxustiza.

Mons. Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: