Campaña contra a fame de Mans Unidas Lugo

Na loita contra a fame e a pobreza non se pode deixar a ninguén atrás, porque hai unha imperiosa necesidade de humanizar a vida dos millóns de seres humanos que aínda seguen subsistindo en condicións infrahumanas.

En 2018 a Delegación de Lugo apoiará dous proxectos en Brasil e Honduras, para o que espera seguir contando coa colaboración de tantas boas persoas e especialmente coa das parroquias da Diocese, colaboración que xa permitiu cumprir cos compromisos de Mans Unidas Lugo en Haití, Ecuador e Mauritania o ano pasado.

Proxectos 2018 que apoia a Delegación de Lugo:

BRASIL

Consolidación da agricultura familiar do distrito do alto Capim

Beneficiarios directos: 103 familias

Á fronte do proxecto: Felipe Bannitz, Instituto de Socioeconomía.

Importe: 61.781 €

 

HONDURAS

Promoción e defensa de dereitos humanos de mulleres e nenas vítimas de violencia

Beneficiarios directos: 7882 persoas

Á fronte do proxecto: D. Carlos Guillermo Paz Guevara. Cáritas San Pedro de Sula

Importe: 75.459 €

[Manifesto de Mans Unidas]

 

Conferencia do misioneiro comboniano Miguel Ángel Llamazares

Dentro dos actos da campaña contra a fame de Mans Unidas, o misioneiro comboniano Miguel Ángel Llamazares González impartiu unha conferencia no Salón de Actos da Fundación Abanca de Lugo, o mércores 7 de febreiro. Pasou uns anos em África e máis de 20 anos en Filipinas, onde facía animación misioneira en colexios de Cebú, colaboraba na revista World Mission e foi formador nun Seminario. Algúns dos seus alumnos agora son misioneiros en África e América.

Canto á colaboración con outros pobos, Miguel Ángel Llamazares advertiu sobre os elefantes brancos, que elaboran proxectos de axuda unicamente nos seus despachos e logo resultan insostibles. En cambio o modo de traballar de Mans Unidas, que por exemplo dá protagonismo aos beneficiarios no deseño do proxectos, fai que estes sexan viables.

Recollendo a cita do Papa Francisco de que “os pobres nos evanxelizan”, Miguel Ángel Llamazares enumerou as cousas que aprendeu, en canto que os empobrecidos son mestres en fe, resiliencia, compartir, paciencia, alegría de vivir e creatividade.

Campaña de Mans Unidas “Acende a chama”

Durante a penúltima semana de novembro Mans Unidas promove unha demostración de apoio aos países do Sur. É un xesto consistente en acender unha candea, como símbolo da promesa dun mundo mellor. Calquera persoa pode sumarse a esta acción, con fotos que conteñan unha candea acesa, indicando na medida do posible, algún dato identificativo (cidade, país, organismo).

As fotos subiranse principalmente o día 24 ás redes sociais de Mans Unidas 24 horas poñendo o cancelo #EnciendeTuCompromiso.

En Lugo foi o día 22 de novembro cando se proxectou a película La buena mentira, acendéronse candeas e leuse o manifesto.

[Máis información]

Mans Unidas presentou o material educativo para este curso

A delegación de Mans Unidas de Lugo presentou 28 de setembro o material escolar gratuíto de infantil, primaria e secundaria elaborado para este curso 2017-18, co fin de traballar a Educación para o Desenvolvemento.

A partir dun calendario proponse ao alumnado de primaria e secundaria que cada mes desmonte un mito sobre a fame con actividades que teñen a súa vertente de cálculo, investigación e reflexión.

Para infantil a proposta é traballar distintos valores a partir de 3 contos, un deles en verso (“Caixa de botóns”), e outros materiais relacionados con cada historia.

 No acto de Mans Unidas tamén se presentou a novena edición do festival de clipmetraxes, que este ano ten como lema “Cal é a túa receita para loitar contra a fame?”

Mercado solidario de Mans Unidas

Desde o 21 de abril ata o 13 de maio, no número 7 da rúa San Pedro, Lugo, está aberto o mercado solidario de Mans Unidas, co seguinte horario: de luns a venres, de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20.30 horas; os sábados, pola mañá.

O 2 de xuño sortéase un cadro da serie `Pétalos’ de Antonio Murado, en combinación coas catro últimas cifras do primeiro premio do cupón da Once.

Proxectos de Mans Unidas Lugo:

Ecuador, Santo Domingo: Construción e equipamento dun centro para formación nun barrio marxinal e que beneficiará a 340 persoas. Fronte ao proxecto está a irmá María Dolores Otazu, misioneira dominica do Rosario. Importe: 47.676 €

Haití: xeración de ingresos e mellora do medioambiente para 500 mulleres rurais de Artibonite. Fronte ao proxecto está o P. Gerard Dormeville. Importe: 59.009 €

Mauritania: reforzo da seguridade alimentaria familiar de mulleres cooperativistas. Beneficiará a 42 familias. Fronte ao proxecto está Ould Baba Meissa (Defensa do medioambiente). Importe: 27.586 €

A %d blogueros les gusta esto: