O misioneiro comboniano P. Ángel escribe desde Brasil

O P. Angel enviou unha carta desde Brasil á Delegación de Misións de Lugo sobre a nova parroquia na que está:

JOÃO PESSOA (PARAÍBA), BRASIL, A 23 DE XULLO DE 2015

Moi estimado Jesús Santiago:

Estado_de_Paraíba […] A nova parroquia está na periferia da capital do Estado de Paraíba, João Pessoa, en pleno nordeste brasileiro.
Como, en xeral todas estas periferias, énchense de xentes vindas, especialmente dos interiores, en busca de mellores condicións de vida e fuxindo das secas que acontecen no interior do nordeste. No litoral adoita chover bastante máis.
A nosa parroquia ten por patrono a S. Antonio, o santo máis popular en Brasil. Conta con cinco anos de vida como parroquia e está formada por unhas 10 comunidades, das cales, catro no interior, ou sexa, no campo, a uns 30 Kms.
As periferias das nosas cidades sofren un gran abandono por parte dos mandatarios (falta de asfalto, falta de centros de ensino á altura, o mesmo no campo da saúde). A nosa rúa, que ten a anchura dunha avenida non ten asfalto e en cada metro ten un bache.
O pobo nordestino ten moitos valores: hospitalidade, acollida, solidariedade, é moi relixioso, con multitude de igrexas, centros de culto e demais.
A parroquia organízase en comunidades, cos seus líderes, animadores, estruturas materiais, etc. Os fieis, en xeral, asumen os seus compromisos nas pastorais, movementos, etc. Cada comunidade ten o seu consello de comunidade e organízase en pastorais (familia, mocidade, dezmo, catequese…) e movementos (Lexión de María, ministros da comuñón, monagos, Terço rosario] dos homes…).
Para chegar ás comunidades do interior, pasamos por grandes extensións de monocultivos, concretamente, plantacións de piña e de cana de azucre. Para máis detalles, a piña desde que se planta ata que se recolle, pasan uns seis meses e a cana de azucre, se o tempo axuda, uns 8 meses.
Nesta periferia, os misioneiros combonianos, xa estamos na terceira parroquia, pois entregáronse á Igrexa Local, as dúas anteriores. Organizáronse en comunidades, en estruturas materiais e unha certa autonomía económica para que o sacerdote que asuma, poida levar unha vida digna e suficiente.
As vocacións para o clero secular están bastante ben e nuns anos poderán abastecerse (xa máis dun 80%). Do que talvez se carece é da falta de apertura á misión, tanto dentro do país, por exemplo, a Amazonia, como a apertura a África, por exemplo.
Pois nada máis por esta vez. Saúdos a todos os que levades adiante eses servizos contorna á Delegación, parroquias, grupos e demais.
Que O Señor Xesús, Misioneiro do Pai, acompáñenos e bendiga. Un abrazo.

P. Ángel

14.000 misioneiros españois

Os misioneiros da Igrexa católica española, unos 14.000, están presentes en 130 países (e as embaixadas de España non chegan a 100) de todos os continentes: en América o 70,8%, África 13,8%, Europa 8,9%, Asia 6,2% e , Oceanía 0, 2%. En países onde os cristiáns son perseguidos hai 237 misioneiros. A maioría deles, un 54,2%, son mulleres como vén sendo normal en todas as accións de defensa da vida e da solidariedade. Os misioneiros laicos son xa o 7,16%, algún tamén da nosa Diocese.

Estes 14.000 misioneiros son un anticipo profético do que debe ser o Reino de Deus: unha humanidade reconciliada, fraterna e en paz. Dito doutra maneira poñen de manifesto ante a nosa sociedade que a utopía dunha humanidade en harmonía, sen fronteiras nin opresións, é posible. Non só é posible senón que hai signos visibles de que xa empeza a ser realidade para todos aqueles que non pechan os ollos ao que acontece e expresa este dato.

Indo máis aló do ámbito cristián analizamos dúas realidades nas que se podería acoller mellor a súa aportación:

Universidades

En España as universidades deberían recoñecer que a presenza dos misioneiros é unha riqueza cultural e científica de primeira orde. Non teño explicación ao feito de que non aproveiten cultural e cientificamente esta riqueza. Como é posible que facultades como as de Economía, Políticas, Socioloxía, Antropoloxía, Periodismo, Traballo Social… non inviten aos misioneiros/as a ter diálogos cos seus alumnos para que teñan información de primeira man sobre eses países en cuestións de economía, cultura, organización política, plans de estudo, globalización, interdependencia, etc Calquera que teña un mínimo coñecemento e trato cos misioneiros sabe que son grandes expertos sobre a vida real neses países, ademais de ter importante e diversa formación académica universitaria.

Cando trouxeron aos misioneiros-médicos, Manuel García Viejo e Miguel Pajares enfermos de ébola, foron unha axuda para os médicos, polo coñecemento dos protocolos sanitarios e a información precisa da sintomatoloxía da enfermidade. Para o estudo das enfermidades tropicais son expertos de primeira orde os misioneiros-médicos.

País de inmigración

Hai uns 30 anos que España empezou a ser claro país receptor de inmigrantes, e hoxe xa son algo máis do 10% da poboación. Todos os informes afirman que seguirán vindo inmigrantes.

Se queremos, integrar aos inmigrantes na sociedade española (tamén na escola) teriamos que consultar moito máis aos misioneiros se tiveramos algo de sentido común, pois son expertos na súa cultura e tradicións. Ademais, o custe non sería elevado pola súa dinámica de gratuidade e de vivir co elemental.

Canto coñecemento e saber se está desperdiciando! Que pouca preocupación por facer unha sociedade e un mundo máis xusto! Onde queda a preocupación por coñecer o núcleo do humano que está debaixo das diversas culturas? Onde está a preocupación pola Solidariedade e a Xustiza? Sería bo ter a intelixencia e sentido común dun diplomático, amigo dun amigo, que, cando terminou a formación complementaria a súa oposición e foi nomeado para a embaixada en Angola, pediunos unha conversa cun misioneiro. Despois dunha longa conversa cun misioneiro vasco díxonos que aprendeu moitas cousas que non lle ensinaran nos cursos de diplomacia.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

7 de marzo, Día do Misioneiro Diocesano

Dia do misioneiro diocesano 2015

O sábado, día 7 de marzo, ás 17:00 h. celebrouse o Día do Misioneiro Diocesano na Parroquia San Francisco Xavier de Lugo. Houbo unha mesa redonda no salón parroquial, con intervención, en primeiro lugar, de Juan Antonio Fraile, misioneiro comboniano, encargado de falar da súa experiencia na República Democrática do Congo. Alí viviu dúas guerras, chegando a estar doce días escondido na selva onde os pigmeos axudárono a ocultarse do exército.
E en segundo lugar correspondeulle intervir a Augusto Bruyel, (irmán de P. Damián Bruyel, misioneiro comboniano) sobre a súa experiencia como familiar dun misioneiro.
A continuación, ás 18:30 h. houbo unha Eucaristía.

Carta de Ana, misioneira en Bolivia

O sete para os cristiáns é un número importante, polo simbolismo que encerra. Para min hoxe é o número de anos que cumpro en misión e invítame a facer unha revisión persoal.

Que pasou comigo neste tempo?

Coñecín, e sigo coñecendo unha cultura complexa e marabillosa, unha cultura que non che grita as cousas á cara, pero vaiche ensinando a ler a vida, no silencio, nos xestos… unha cultura que entende a amizade dun xeito distinto, pero se un se deixa sorprender descobre unha nova dimensión desta, e axúdache a ver cunhas novas lentes as relacións humanas. Unha cultura que vive o presente, porque non sabe se hai mañá. Unha cultura que sofre, e festexa a vida.

Coñecín o significado de grandes palabras na miña vida, que cría coñecer, pero realmente non era así. O seu significado profundo, tocou a miña alma, e cambioume como persoa.

Cría saber o que era a liberdade. Os privados de liberdade ensináronme a descubrir o seu valor e significado máis profundo -que ás veces as peores ataduras, non son as reixas, ou o encerro- senón os golpes da vida, que marcan a túa existencia.

Ler máis

Conferencia do misioneiro Antonio Diufaín sobre a República Dominicana

misioneiro República Dominicana

O 13 de outubro ás 20h no Seminario, o sacerdote Antonio Diufaín Mora impartiu unha conferencia co título “La República Dominicana y el cruel negocio del azúcar”. 

A primeira actitude necesaria é a de encherse do desexo de que todo o mundo perciba o amor de Deus. E logo a colaboración real activa coa misión, tanto a vertente espiritual como a material. Antonio Diufaín considera que a tarefa supera as forzas, pero sáese adiante pola graza de Deus, pola oración tanto propia como a oración doutras persoas que apoian a misión desa maneira. Para Antonio Diufaín poden desaparecer as escolas, as fábricas… que montan os misioneiros, pero o amor que se puxo, iso non desaparece.

Sobre o traballo na recolección da cana de azucre na República Dominicana, faise nun réxime de semiescravitude: reciben máis coidados os bois cás persoas. Aínda así, a xente ten unha forza interior que xa quixeran para si os habitantes do primeiro mundo.

A %d blogueros les gusta esto: