Encontro das Delegacións de Misións en Lugo

O pasado sábado 6 de outubro as Delegacións de Misións galegas tiveron un encontro na Parroquia San Francisco Xavier (Lugo). Acudiron misioneiros, familiares e grupos de animación misioneira. O misioneiro xaveriano Rolando Ruíz deu inicio ao encontro cunha conferencia sobre o lema do DOMUND deste ano: “Cambia o mundo”. Despois, en distintos grupos sacáronse  conclusións sobre a conferencia. Nun deses grupos a irmá Adelaida, misioneira do Divino Mestre, que estivo en Camerún, e que proximamente irá á República Democrática do Congo, comentou que os misioneiros de vangarda, os que están nas misións, non serían nada sen os misioneiros de retagarda, que animan a seguir o seu labor, a non sentirse tan sós e son os que durante todo o ano axudan no labor misioneiro desde aquí.

Á hora da comida puido comprobarse a arte culinaria colombiana, grazas a un matrimonio da Parroquia.

Na sobremesa houbo un tempo de diversión co mago lucense David Méndez, e un compañeiro de León.

A media tarde celebrouse a Eucaristía lembrando a todos os misioneiros.

Finalmente, pasouse un vídeo sobre Anastasio Gil, director nacional de Obras Misionais Pontificias, falecido recentemente, e que acompañara o pasado DOMUND a todas as Delegacións galegas co seu gran espírito misioneiro.

Encontro de misioneiros, familiares e grupos de animación misioneira de Galicia

O próximo día 6 de outubro, ás 11:00 h. na Parroquia San Francisco Xavier (Lugo), haberá un encontro-convivencia de misioneiros, familiares e grupos de animación misioneira das dioceses galegas para compartir o labor dos misioneiros nados en Galicia, con motivo da campaña do DOMUND 2018. O horario da xornada é o seguinte:

11:30 h. Conferencia de Rolando Ruíz Durán, misioneiro xaveriano, en torno ao lema do Domund deste ano: “Domund. Cambia o mundo”.

13:00 h. Traballo en grupos

14:30 h. Comida.

16:30 h. Amenizaranos a velada David, un mago de Lugo.

17:15 h. O delegado de Santiago presentará un vídeo como homenaxe ao Director Nacional, Anastasio Gil, falecido recentemente, e lembraranos “O DOMUND AO DESCUBERTO” que tivo lugar o ano pasado en Galicia.
Farase unha presentación do cartel do DOMUND deste ano e explicarase que son e como funcionan as Delegacións de Misións.

18:30 h. Eucaristía presidida por D. Juan Antonio Fraile, misioneiro comboniano, que estivo durante 22 anos na República Democrática do Congo.

Comeza un itinerario misioneiro para nenos

En setembro-outubro de 2018 comeza un itinerario misioneiro de catro anos que Obras Misionais Pontificias propón para realizar actividades con nenos de 6 a 12 anos. O obxectivo do primeiro ano é coñecer e explicar a dimensión misioneira da chegada de Xesús desde que foi anunciado a María, ata a viaxe dos seus pais a Belén para o seu nacemento.

ENCONTRO DE ORACIÓN a partir da pasaxe evanxélica da Encarnación

Na revista GESTO de setembro-outubro, estréanse seccións que mostran a infancia de Xesús e ofrecen aos nenos novos matices misioneiros.

CREACIÓN DUN RECUNCHO MISIONEIRO Elíxese un lugar nunha aula, sala de catequese ou habitación, onde crear o recuncho. Pode ser un tramo de parede, un recanto cunha mesa, coxíns, alfombra, mural… e un gran rótulo. Para traballar durante todo o curso, o grupo elixe un país, sobre o que cada participante (ou por grupos) se buscará e levará información para a seguinte reunión.

ACTIVIDADES: O Tren Misioneiro do Domund 2018, celebrarase o día 20 de outubro con destino Real sitio e Vila de Aranjuez baixo o lema: “Con Xesús, cambiemos o mundo”.

[Materiais]

6 de xaneiro, Día dos catequistas nativos

Na solemnidade de Epifanía celébrase a Manifestación do Salvador a todos os pobos. Esta festa é un toque inicial de atención para sacudir a conciencia misioneira, que xorde do bautismo e de ser Igrexa.

A igrexa nos lugares de misión gasta as súas principais enerxías en formar responsables das comunidades (catequistas); reúneos unha ou dúas veces ao ano para capacitalos en cursos e talleres e acompáñaos na súa vida de fe. Eles son cristiáns adultos e exemplo de fe e de vida crente: Catequistas creadores de comunidade!

No cartel desta Xornada Misioneira de Epifanía represéntase unha comunidade reunida e asentada sobre a Palabra de Deus, que lle vai dando forma de corazón, facéndolle sentir que é portadora da tenrurade Deus derramada sobre ela e a envía a derramar ese amor sobre os pequenos e os pobres seguindo a Xesucristo que está entre eles (é á cruz cara á que todos orientan a súa mirada). Esa é a COMUNIDADE cristiá que cada CATEQUISTA esfórzase en CREAR co impulso que vén do Espírito.

[Máis información]

Peregrinación de Lugo a Santiago organizada pola Delegación de Misións

O sábado 7 de outubro hai unha peregrinación misioneira a Santiago. A partida é ás 8 da mañá desde a Parroquia San Francisco Xavier de Lugo. Previamente rézase unha oración misioneira e sélase a credencial. Antes de chegar a Compostela realízase unha parada na igrexa de Palas de Rei, onde se fará unha oración a San Daniel Comboni.

Unha vez chegados a Santiago, iníciase unha peregrinación desde a Parroquia de San Lázaro ata a Catedral. Nesta haberá unha Misa do Peregrino ás 12h presidida polo sr. arcebispo Julián Barrio e concelebrada polos misioneiros Julio Parrilla e Adolfo Zon.

Ás 13h visítase a exposición de tema misioneiro no Palacio de Fonseca.

E a primeira hora da tarde, escóitase o testemuño do P. Andrés Díaz de Rábago sj

A %d blogueros les gusta esto: